O Concello abre a rúa Costa da Pena tras finalizar as obras de mellora

Monforte de Lemos, 25 de decembro de 2020. O Concello de Monforte informa que xa está aberta ó tránsito a rúa Costa da Pena, tras levarse a cabo nela obras de mellora no seu firme, dende mediados do pasado mes de setembro.

Esta actuación supuxo un investimento de 48.361,33 euros, dos que a Deputación Provincial achegou o 87%, 42.075 € e o Concello o 13% restante, 6.286,33 €, grazas a un convenio asinado entre o seu Presidente, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada.

En concreto,  as actuacións que se efectuaron na rúa Costa da Pena consistiron na renovación do seu pavimento e sinalizacións, así como a mellora da seguridade vial e accesibilidade ós portais das vivendas ubicadas en dita rúa, e a adecuación da súa rede de saneamento de augas pluviais.

Neste senso, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que “o obxectivo que buscamos con esta actuación foi levar a cabo a mellora do pavimento da rúa Costa da Pena, en dous tramos concretos da mesma, isto é, na confluencia desta rúa con Doutor Casares e dende o atrio da igrexa da Régoa ata o encontro co primeiro tramo”.

Dado que o emprazamento desta rúa ubícase no casco histórico da cidade, o Concello xestionou e obtivo os correspondentes permisos con Patrimonio, para acometer as mencionadas melloras. Do mesmo xeito, a obra da parte inicial desta rúa contou con control arqueolóxico, mediante o cal un arqueólogo supervisou o desenvolvemento das obras, por se aparecese algún resto histórico.

“Con estas actuacións”, salientou o Alcalde, “o Equipo de Goberno segue a mellorar as diferentes infraestruturas viarias da cidade, e en especial as que afectan ó casco histórico, a fin de proporcionar uns mellores servizos os seus veciños e veciñas. Neste senso, vimos de inaugurar tamén nestes días o novo alumeado do Paseo dos Loureiros, o pé de San Vicente, ó que hai que engadir os proxectos que hai uns días xa dimos a coñecer en relación coa mellora da praza de Dr. Goyanes, así como a mellora e peonalización das rúas Abelardo Baanante e Armando Cotarelo”.

 


Foto de arquivo, O Alcalde supervisa as obras de mellora na rúa Costa da Pena

Melloras no pavimento da rúa Costa da Pena

As obras de mellora que se levaron a cabo na rúa Costa da Pena localizáronse en dous tramos diferentes.

O primeiro dos tramos está situado na confluencia desta rúa coa rúa Doutor Casares, onde o seu pavimento presentaba un mal estado de conservación, realizado a base de cantos rodados, adoquíns e formigón, e que estaba cheo de baches e pedras sueltas. Tamén presentaba deficiencias na colocación das tapas das arquetas de acometidas e determinados puntos relativos á evacuación de augas pluviais necesitaban ser arranxados.

O segundo dos tramos vai dende o atrio da igrexa da Régoa ata o encontro co primeiro tramo descrito anteriormente. Trátase dunha vía con pouca anchura e forte pendente, que presentaba deficiencias na capa de rodadura, con baches, cortes e falta de uniformidade no pavimento.

Deste xeito, sobre o primeiro dos tramos, nunha superficie de 171,65 m2, leváronse a cabo as seguintes obras de mellora:

  • Demolición do pavimento actual, realizado a base de cantos rodados, adoquíns e formigón.
  • Nas zonas en que é necesario, escavación en zanxa para a colocación dun tubo de PVC de 250mm de diámetro para a recollida de augas de superficie e baixantes das edificacións, conectándoo á rede de alcantarillado actual. Tamén se colocarán as arquetas e sumidoiros que sexan necesarios.
  • Renovación do pavimento a través de solera de formigón armado de 15 cm de espesor HA-25/B/lla e malla electosoldada ME20x20 5.5 B500 T 6x2,20 UNE-EN 10080 como armadura de reparto, estendido e vibrado mecánico, con acabado superficial mediante fresadora mecánica.
  • Execución de peldañeo de escaleira con fábrica de ladrillo perforado, con mortero de cemento M-5, sobre solera, como base para a posterior colocación do acabado dos escalóns que permitan ó acceso ós diferentes portais da rúa.
  • Realización de pavimento con pedra de granito de diferentes espesores e tonalidades.
  • Execución de sumidoiros.
  • Remate da beirarrúa con pedra e escalóns de granito.
  • Colocación de bancos.

No segundo dos tramos, procedeuse nun área de actuación de 556,63 m2, á:

  • Limpeza e fresado do pavimento asfáltico existente nos laterais, nos encontros con outras rúas e onde sexa preciso.
  • Levantado de tapas de arquetas, sumidoiros e pozos de rexistro que sexa preciso.
  • Eliminación dos pasos de entradas a garaxes construídos sobre a capa de rodadura.
  • Aplicación dunha capa de rodadura de aglomerado asfáltico tipo D-12 en quente de 4 cm de espesor e rego de adherencia con 1,5 kg/m2 de emulsión asfáltica.
  • Realización da correspondente sinalización horizontal mediante pintura branca reflexiva.

 

Finalmente, procedeuse ó arranxo do muro de contención entre as rúas Doutor Casares e Costa da Pena, completando o propio muro, realizando tamén unha limpeza completa e acometendo o encintado das pedras que forman parte do muro. Deste xeito, tras esta actuación, mellorouse moito o aspecto do mesmo.