Monforte de Lemos, 5 de xaneiro de 2021. A Concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón, inaugurou hoxe ás 12 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte a mostra itinerante “O Fin do Camiño”. A Concelleira estivo acompañada por Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, asociación que organiza a mostra, e que conta coa colaboración do Concello de Monforte e o patrocinio do programa “O teu Xacobeo”.
Continúa así a edición 2020-2021 deste proxecto, que en 2019 recorreu todos os concellos do Camiño Francés en Galicia, e que este ano seguirá percorrendo os concellos dos Camiños Primitivo, Norte, de Inverno e Vía Kunig, ao seu paso pola provincia de Lugo.
Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.
As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.
Os textos abordan o tema de “O Fin do Camiño” como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.
Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.
Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.
A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30 x 0,80 metros, e ademais da colaboración do Concello de Monforte e o patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.