Monforte de Lemos, 15 de xaneiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa das novas medidas e restricións establecidas polas autoridades sanitarias que afectan ás instalacións municipais do Concello de Monforte por mor da Covid-19.
Estas novas medidas, publicadas o pasado día 13 no Diario Oficial de Galicia, están derivadas do Decretro 3/2021, do 13 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria e da Orde do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas comoconsecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
Deste xeito, dende o Equipo de Goberno do Concello, comunícase á todos os monfortinos e monfortinas as novas medidas que afectan especialmente as actividades desenvoltas na Feira do Mercado Gandeiro, no Cemiterio Municipal ou no Bus Urbano, que son os tres ámbitos nos que a normativa supón cambios con respecto ás medidas anteriores.
Tanto nestes espazos, coma no resto de instalacións municipais, o Concello ten colocado o correspondente cartel informativo no que se inclúen as normas de uso, de hixiene, de uso obrigatorio de máscara, de distanciamento social e o aforo máximo permitido en cada caso.
Feira do Mercado Gandeiro de Monforte
A Feira do Mercado Gandeiro de Monforte, que se celebra os días 6 e 24 de cada mes, abrirá coas seguintes restricións:
- Limitación do aforo da Feira: 50% da súa capacidade.
- En canto á instalación dos postos, terán preferencia aqueles relacionados cos produtos de primeira necesidade (alimentación), accedendo ó recinto feiral o resto de postos por orde de chegada, ata completar o aforo indicado do 50%.
- No caso dos postos de polbo, estará permitido que poidan vendelo para levar ou para consumir in situ. No caso do consumo na propia Feira, as normas que se aplicarán son as establecidas para a hostalería. Dado que as mesas dos postos de polbo se ubican dentro das naves do Mercado Gandeiro, por ser espazo interior, o aforo será do 30%, non haberá servizo de barra, o polbo haberá que comelo sentado e en grupos de máximo 4 persoas.
Cemiterio Municipal
No caso do Cemiterio Municipal a regulación afecta a enterros e velorios:
- Enterros: Un máximo de 25 persoas e a maiores o ministro de culto correspondente.
- Velorios: Un máximo de 25 persoas en exterior e un máximo de 10 personas en interior.
Bus Urbano
O Bus Urbano de Monforte, que é un servizo municipal de uso gratuíto, tamén contempla modificacións en canto ó seu aforo:
- Pódense utilizar todos os asentos, debendo manterse a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.
- Só poden ir de pé unha sexta parte das súas prazas, o cal supón 2 persoas como máximo de pé.
Parques infantís públicos municipais
Nos parques infantís municipais, segue vixente a normativa establecida ata o momento, a cal está especificada en carteis informativos situados á entrada de cada parque infantil.
En todo caso, a actual normativa establece o acceso de unha persoa por cada 4 metros cadrados.
Piscina Municipal
Na Piscina municipal o aforo máximo é do 50% da capacidade total.
En canto ós horarios de peche, a Piscina de Monforte ata o de agora pechaba ás 11 da noite. Debido ó adiantamento do toque de queda para as 22:00 horas, o peche da piscina producirase nese horario.
Respecto da Cafetería da Piscina, seguirá o mesmo regulamento establecido para locais de hostalería.
No resto de instalacións deportivas municipais, tal e como estaba establecido na normativa previa ás últimas restricións establecidas, so se permite a actividade federada, e esta non se ve afectada polas novas normas.
Casa da Cultura e Multiusos
Para as actividades culturais que o Concello desenvolve tanto na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro como no Edificio Multiusos, establécese unha distancia de 1,5 metros entre asistentes sentados.
O aforo máximo na Casa da Cultura é de 50 persoas e no Multiusos de 120 persoas.
O Alcalde informa que dende o Concello instaláronse carteis informativos coas normas específicas para cada instalación municipal así como os protocolos de seguridade establecidos de acordo coas indicacións determinadas polas Autoridades Sanitarias.
O rexedor municipal pide ós cidadáns que sigan en todo momento as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias a fin de paliar, coa colaboración de todos e todas, os efectos desta pandemia.