Monforte de Lemos, 20 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a posta en marcha do operativo mediante o cal se levará a cabo dende o Concello un novo reparto masivo de mascarillas a todos os cidadáns censados en Monforte, reparto que dará comezo o vindeiro luns 22 de febreiro e no que se distribuirán 190.000 unidades de mascarillas sanitarias, co obxectivo de facilitar ós veciños medidas de prevención e contención ante o Covid-19.
O Alcalde destaca que “dende o Equipo de Goberno do Concello somos conscientes que novamente é necesario que axudemos a protexerse ós nosos cidadáns ante a incidencia do Covid-19 e para elo organizamos o que é o terceiro reparto masivo a poboación monfortina de mascarillas, que desenvolveremos dende o Edificio Multiusos a próxima semana”.
En concreto, o Concello destina 10 unidades de mascarillas por persoa, que “é a maior cantidade repartida por persoa, por unha administración pública, tanto local coma autonómica, cun total de de 190.000 unidades de mascarillas, destinadas a todos veciños e veciñas censados en Monforte”, destacou o Alcalde.
Estas 190.000 mascarillas engádense ás 70.000 mascarillas repartidas dende o Concello entre os xóvenes do municipio a principios do mes de xaneiro de 2021. No ano 2020 o Concello repartiu 150.000 mascarillas entre todos os cidadáns monfortinos, destinou 23.000 unidades a alumnos de todos os centros educativos e 12.000 distribuíronse entre os comerciantes e hostaleiros da cidade.
O Alcalde concluíu destacando que “con este novo reparto poremos en marcha a partir do vindeiro luns, o Concello de Monforte destinou para a súa poboación, dende o inicio da pandemia da Covid-19, máis de 445.000 mascarillas, unha cifra que creo que poucas administracións poden igualar, proporcionalmente falando. Dende o Equipo de Goberno mantemos así o noso compromiso de seguir axudando de forma continuada ós nosos veciños e veciñas, mentres dure esta crises sanitaria”.
Recollida no Edificio Multiusos
As mascarillas poderán ser recollidas por todos os cidadáns censados en Monforte dende o vindeiro luns 22 e ata o venres 26 de febreiro no Edificio Multiusos (ronda María Emilia Casas Baamonde), en horario de 9:00 a 14.30 horas.
Esta recollida poderá ser levada a cabo por un membro da unidade familiar, que deberá presentar o seu DNI, e poderá recoller o resto de mascarillas correspondentes ós membros da súa unidade familiar, asinando o correspondente “recibí”. Do mesmo xeito, poderanse recoller mascarillas correspondentes a outras persoas sempre que presente a correspondente autorización asinada.
Polo tanto, a dinámica de reparto no Edificio Multiusos será a mesma que a adoptada cando o Concello levou a cabo o reparto de bonos de axuda ás familias ou no reparto das últimase 70.000 mascarillas que se distribuíron no pasado mes de xaneiro entre a poboación de 6 a 18 anos.
Deste xeito, o persoal do Concello encargado do reparto farao a través de 4 mesas, seguindo as listaxes correspondentes establecidas por domicilios e rúas. Para saber en que mesa ten que recoller cada persoa as súas mascarillas, á entrada do Edificio Multiusos colocaranse estes listados nos que virán indicados en que mesa se atopa cada domicilio no que estea censada cada persoa.
O Alcalde subliña que “recomendamos ós nosos cidadáns que non acudan o primeiro día masivamente a recollelas, a fin de evitar aglomeracións. Cremos que hai tempo suficiente para recollelas ó longo de toda a semana e, se fose necesario, poderíamos ampliar os días para a súa recollida”.
Residencias de maiores
No caso das residencias de maiores, como son o a Residencia da Terceira Idade do Malecón, o Asilo de Anciáns Fogar de San José, a Residencia DomusVi, a Residencia de Anciáns Asimédica, así como o centro con internos de Prodeme, será o persoal do Concello o que achegue as mascarillas correspondentes a cada centro, para ser repartidas polos responsables do mesmo ós seus internos.
Neste senso, para estes centros estímase que se destinen máis de 4.000 unidades de mascarillas para facer efectivo o reparto nos mencionados centros.