O Alcalde anuncia que mañá abre o prazo de presentación de ofertas ó Concurso de explotación do Centro do Viño e outros servizos turísticos

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar apertura do prazo de presentación de ofertas para Concurso de explotación, a través dunha única xestión integral, do Espazo expositivo  do Centro do Viño da Ribeira Sacra, da Oficina de Turismo, da Oficina de Atención ó Peregrino e da Torre da Homenaxe, que son todos instalacións e servizos turísticos dependentes do Concello de Monforte de Lemos.

Neste senso, o Alcalde considera que “esta é unha das concesións máis importantes que este Concello vai levar a cabo nos próximos meses, xa que a través dunha xestión integral única, imos centrar a proxección turística de Monforte como cidade museística e de interese cultural, como capital da Ribeira Sacra e como cidade pola que transcorre o Camiño de Inverno. Por este motivo, dende o Equipo de Goberno adicamos un tempo importante a analizar en profundidade esta concesión e buscar as mellores opcións para demandar, a través do prego técnico que hoxe damos a coñecer, uns servizos acordes coa importancia turística que ten a nosa cidade e o noso entorno.”

Así, dende o Concello establecemos en 245.071,17 euros o prezo de licitación global desta concesión, a cal terá unha duración de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais de un ano cada unha.

O prazo para que as empresas interesadas nesta concesión presenten as súas ofertas o prazo abrirá mañá martes 9 de marzo, e durará ata o venres 26 de marzo. Do mesmo xeito, a mesa de contratación celebrarase o mércores 7 de abril ás 10:00 horas.

Esta xestión integral dos servizos turísticos esenciais para a cidade de Monforte, estará en todo momento supervisada polo Concello, debendo a empresa adxudicataria consensuar co Concello a toma de decisións, a posta en marcha de todo tipo de accións e de actividades promocionais, o tipo de información que se debe facilitar ós visitantes, etc.

Da mesma forma, o Concello resalta que a empresa adxudicataria deberá contar con persoal especializado e con formación contrastada en todas estas instalacións e servizos turísticos municipais, a fin de proporcionar a información e o trato máis axeitado ós turistas ou peregrinos que acodan ás mesmas. “A labor das persoas que atendan estas instalacións debe estar encamiñada, ademais de a solventar as necesidades que prantexe o visitante, tamén a poñer en valor a importancia turística e histórica que ten a nosa cidade e o seu entorno, a Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno” destaca o Alcalde.

Neste senso, o requisito de contar con persoal especializado incluirá a icónica Torre da Homenaxe, un dos principais símbolos da cidade. Así, o Concello requirirá tamén que este espazo estea atendido por persoal cualificado que transmita ó visitante a relevancia e o valor que a Torre da Homenaxe ten dentro da historia da cidade.

Tamén cabe salientar unha ampliación nos horarios de atención o público, que suporán que tanto a Oficina de Turismo, o Espazo expositivo do Centro do Viño como súa Tenda, e a Oficina do Peregrino, estarán abertos todos os días da semana ó longo de todo o ano, a fin de proporcionar ós usuarios un servicio eficaz e continuo. No caso da Torre da Homenaxe, está contará cuns horarios específicos propios.

Toda a información e recollida de datos estatísticos, referidos ás visitas e todo tipo de datos turísticos, serán entregados ó Concello de Monforte, que será o responsable de darlles publicidade. A empresa adxudicataria estará obrigada á xestión, envío e derivación con carácter confidencial e actualizada mensualmente  dos datos ó Concello de Monforte e non poderán ser facilitados a terceiros sen autorización previa por parte do Concello. Terá tamén a  obrigación de presentación de informes de funcionamento interno, gastos, elaboración e presentación de memorias anuais ó Concello.

A empresa adxudicataria comprometerase a aceptar calquera modificación establecida polo Concello de Monforte no relativo a comercialización de entradas, coa posibilidade de ser on-line ou a través de calquera outro método de comercialización establecida polo Concello segundo a demanda e necesidade deste servizo.

Nos diferentes espazos descritos englobados dentro desta xestión única integral, permitirase outras actividades de dinamización destes espazos, previa solicitude e planificación co Concello de Monforte, que terá que autorizar as mesmas.

Finalmente, a empresa adxudicataria, a petición do Concello, terá que preparar e xestionar con carácter periódico o envío de contidos promocionais turísticos para ser difundidos a través das diferentes canles, portais de internet e redes sociais municipais, sempre baixo a planificación e autorización do Concello de Monforte. Esta información será confidencial e de uso exclusivo polo Concello de Monforte; así como o seguimento e asesoramento sobre a páxina web  municipal no apartado relativo a turismo, informando de calquera suxestión, incidencia ou posibles modificacións que serán remitidas ó persoal designado polo Concello de Monforte como encargado da web municipal. Toda esta información será difundida e xestionada única e directamente polo Concello de Monforte de Lemos.

ESPAZO EXPOSITIVO DO CENTRO DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA

As actuacións que a empresa adxudicataria terá que desenvolver neste espazo, situado no nº 6 da rúa Comercio, comprenden a organización das visitas, tanto de grupos como as individuais, mantendo a exposición aberta tódolos días en horario de mañá e tarde.

Tamén se inclúe neste apartado a xestión das súa instalacións, é dicir, do espazo expositivo, da recepción, da tenda, da sala multiusos e do almacén, así como as zonas comúns compartidas coa Tapería do Centro do Viño e coas dependencias do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Así mesmo comprende a xestión do patio como elemento central que unifica todas as instalacións do centro.

Horarios:

O espazo expositivo deberá estar aberto tódolos días da semana ó longo de todo o ano. As visitas guiadas realizaranse diariamente, como mínimo unha de mañá e outra de tarde, ampliándose se fose necesario. Este réxime horario ten a consideración de “mínimo”, podendo ser mellorado polo licitador na súa oferta.

A Tenda do Centro do Viño deberá estar aberta tódolos días do ano. O horario mínimo de apertura da tenda será de 8 horas diarias. Este horario poderá ser mellorado, ampliándoo, nas ofertas dos licitadores, se ben en ningún caso poderá abrirse antes das 10:00 horas nin pecharse con posterioridade das 21:00 horas, salvo eventos de presentación relacionados coa cultura do viño.

Réxime de explotación:

En relación co espazo museístico existen dous tipos de visitantes: os grupos organizados e as visitas individuais.

Os grupos organizados non teñen unha época fixa na que acoden a visitar as instalacións, senón que acoden remitidos principalmente polas Casas de Turismo Rural, o Parador de Monforte de Lemos, o Balneario de Augas Santas e Axencias de Viaxe colaboradoras da Institución.

No tocante as visitas individuais, estas acoden as instalacións ó longo de todo o ano, pero son máis abundantes nos meses que van de abril a novembro.

Da experiencia acumulada pode deducirse que para acadar unha atención axeitada deberase manter a exposición aberta un mínimo 56 horas/semanais de dispoñibilidade en horario de mañá e tarde.

A duración aproximada da visita será de 45 minutos, ofrecéndose como mínimo unha visita pola mañá e outra pola tarde.

Dende o Concello requírense profesionais con adecuado trato ó público, uso correcto da palabra e da linguaxe, así como coñecementos específicos sobre a historia de Monforte e o seu patrimonio artístico e cultura. É necesario que o servizo se desenvolva nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, galego e castelán, ademais de en inglés.

Polo que respecta á Tenda deste Centro do Viño, os produtos autorizados para a súa venda na mesma serán:

  • Viños da Ribeira Sacra
  • Licores da Ribeira Sacra
  • Produtos relacionados co viño (sacacorchos, decantadores, copas, libros, tapóns, etc.)
  • Produtos gastronómicos da Ribeira Sacra (queixos, bicas, conservas, etc.)
  • Produtos artesanais da Ribeira Sacra relacionados co viño (xerras, cuncas, etc)
  • Recordos e merchandising de Ribeira Sacra, Monforte e o Centro do Viño
  • Cosmética feita con uvas da zona
  • Bixutería e xoiería
  • Ocasionalmente, viños doutras denominacións.

 

Deberá manterse tanto as instalacións e os produtos á venda en constante actualización, dando resposta a demanda existente en cada momento, e será obrigatorio ter na tenda unha representación dos produtos de todas adegas e produtores locais e comarcais da Terra de Lemos, agás que a eles non lles interese vender na tenda os seus produtos.

Do mesmo xeito, a empresa adxudicataria deberá ofrecer estes prudutos a través dunha tenda de venda on-line actualizada, dinámica, moderna e ben xestionada, unha web que sexa competitiva no mercado, e se converta nunha ferramenta imprescindible que garanta e facilite a interacción dos visitantes e a adquisición de ditos produtos.

Por outra banda será obrigatorio ter en perfecto estado, limpeza e orde todas as instalacións que conlevan a presente contratación (escaparate, tenda, oficinas de atención ó público e espazo museístico deberán transmitir a imaxe de máxima calidade de produtos e servizos), garantindo e coidando a imaxe que constitúe a diferenciación e especialización de ser estas as instalacións de información turística da capital da Ribeira Sacra.

O Patio e a Sala Multiusos acollerán exclusivamente actividades de tipo social e cultural, previa solicitude e abono da taxa fixada na correspondente ordenanza fiscal, e as actividades deberán ser comunicadas ó Concello por si a actividade solicitada tivese algunha restrición.

 

OFICINA DE TURISMO

Situada na actualidade no mesmo edificio que Espazo expositivo do Centro do Viño, as actuacións a desenvolver nela comprenden a prestación ó público de información de todo o relativo ó municipio de Monforte de Lemos, actividades, servizos de hostalería, hospedaxe, rutas, historia, museos, etc., así como facilitar información do entorno da Ribeira Sacra.

Horarios: A Oficina de Turismo permanecerá aberta ó público todos os días do ano un mínimo de 8 horas en horario partido. Este horario ten a consideración de mínimo, podendo ser mellorado polo licitador na súa oferta, e o horario básico será determinado polo Concello. Fora do horario establecido, o visitante poda dispoñer da información turística básica nos paneis virtuais instalados en distintos puntos da cidade en cada momento. Este horario ten a consideración de mínimo, podendo ser mellorado polo licitador na súa oferta. O horario básico será determinado polo Concello.

Réxime de explotación: A atención na oficina de turismo terá que ofrecerse nas dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego e castelán), ademais de inglés. O adxudicatario poderá adicionalmente ofertar a atención noutros idiomas.

O Concello facilitará material básico (planos, guías,..), sen prexuízo de que o adxudicatario poida aportar material adicional.

O servizo de atención da Oficina de Turismo será gratuíto para os usuarios, non podendo cobrarse cantidade ningunha a estes por parte do adxudicatario.

 

OFICINA DE ATENCIÓN Ó PEREGRINO

Dende esta instalación que se ubica na praza Doutor Goyanes s/n, facilitarase ó peregrino e ó visitante información relativa ó Camiño de Inverno como ruta dos Camiños de Peregrinación a Santiago, así como de información xeral do municipio e o entorno. Ademais prestará servizo de selado das credenciais os peregrinos que o demanden.

Horarios: Permanecerá aberta ó público diariamente, durante todo o ano, un mínimo de 8 horas en horario partido. Fora do horario establecido, o visitante poda dispoñer da información turística básica nos paneis virtuais instalados en distintos puntos da cidade en cada momento. Este horario ten a consideración de mínimo, podendo ser mellorado polo licitador na súa oferta. O horario básico será determinado polo Concello.

Réxime de explotación: A atención ós visitantes na Oficina do Peregrino terá que ofrecerse nas dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego e castelán), ademais de inglés. O adxudicatario poderá adicionalmente ofertar a atención noutros idiomas.

O servizo de atención da oficina do peregrino será gratuíto para os usuarios, non podendo cobrarse cantidade ningunha a estes por parte do adxudicatario.

 

XESTIÓN DAS VISITAS Á TORRE DA HOMENAXE

Este servizo comprende a realización das visitas, guiadas ou non, no espazo da Torre da Homenaxe de San Vicente, tanto de grupos como individuais, dentro do horario de apertura, mantendo ademais o espazo aberto e custodiado durante os horarios que o Concello sinale. Inclúe así mesmo a xestión integral e o mantemento ordinario da instalación.

O Concello de Monforte terá acceso directo a este emblemático e icónico monumento para xestionar as actividades que dende os diferentes departamentos municipais de cultura e promoción económica levan a cabo durante todo o ano por motivos de proxectos de dinamización turística e cultural ós que pertence o Concello de Monforte, como é o caso da Red de Juderías de España, Red de Nacional de Patrimonio Histórico de Castillos y Palacios de España ou a Red de Ciudades y Territorios Creativos de España, entre outras.

Horarios: Con independencia das visitas concertadas na propia Oficina de Turismo ou derivadas polo Concello, a Torre permanecerá aberta ó público como mínimo nas franxas horarias que se recollen na seguinte táboa:

Tempada

Xornada

Horas

Inverno (outubro a abril, incluídos)

Unicamente sábados, domingos e festivos

Mañá

11:00 – 13:30

Tarde

15:30 – 18:30

Semana Santa

De xoves a domingo

Mañá

11:00 – 13:30

Tarde

15:30 – 19:30

Maio a setembro

Todos os días

Mañá

11:00 – 14:00

Tarde

16:30 – 20:30

 

Réxime de explotación: Comprende a atención ós visitantes da Torre e o mantemento da instalación aberta e accesible nos horarios que se determinen.

As tarifas que se cobrarán ós visitantes da Torre non poderán ser superiores ás establecidas na correspondente Ordenanza Fiscal Municipal, quedando totalmente prohibido o cobro de cantidade algunha adicional.

 

PESOAL ESPECIALIZADO

O contratista organizará, baixo a súa responsabilidade, os sistemas de xestión de persoal e de organización dos traballos na forma en que se consiga a maior eficacia do servizo.

O adxudicatario deberá contar co persoal preciso para atender as obrigas do contrato. O persoal estará encadrado no Convenio colectivo de axencias de viaxe (BOE nº 281, de 21 de novembro de 2016). Se o adxudicatario pacta melloras superiores ó sector, non implicará que sexan asumidas polo Concello.

A dependencia de todo o persoal implicado na execución do contrato será exclusivamente do adxudicatario, sen que poida alegarse dereito algún por dito persoal en relación co Concello.

O adxudicatario será responsable dos danos que durante a execución do servizo puideran causarse polo persoal ó seu cargo, polo que deberá contar cunha póliza de responsabilidade civil que cubra este risco cun mínimo de 300.000 euros.

O adxudicatario deberá ofrecer ó seu persoal os cursos de formación necesarios para que manteñan actualizados os seus coñecementos.

En todos os espazos, o adxudicatario prestará o servizo con persoal suficiente e axeitado, que terá a dedicación necesaria e contará coa experiencia e formación obxectivamente esixibles para permitir o normal desenvolvemento da prestación nas condicións pactadas e co máximo nivel de calidade.

En concreto, tanto na Oficina de Turismo como na Oficina de Atención ó Peregrino e a Torre da Homenaxe, terán especial incidencia os coñecementos de idiomas xa que deberá garantirse a atención como mínimo en galego, castelán e inglés. Ademais, todo o persoal deberá estar debidamente uniformado.

 

CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN E MELLORAS

En canto ós criterios de adxudicación e melloras, as cales o licitador poderá ofertar, sen cargo para o Concello, serán os seguintes:

  1. Menor prezo: 50 puntos.
  2. Maior inversión permanente en equipamento das instalacións: 15 puntos.
  3. Maior horario de apertura de instalacións sobre os mínimos esixidos no prego: 15 puntos.
  4. Memoria de explotación: 20 puntos.

 

ENTREGA DE BENS E INSTALACIÓNS PÚBLICAS Ó ADXUDICATARIO E A SÚA REVERSIÓN

O Concello porá a disposición do adxudicatario, ó día seguinte da formalización do contrato, os inmobles e materiais que forman parte das instalacións sinaladas e que aparecen descritos no anexo do prego técnico de condicións deste concurso.

Estes materiais están vinculados á prestación do servizo, libres de cargas, gravames e en perfecta condicións de uso, e o Concello os porá á disposición da empresa adxudicataria para o inicio da explotación.

Á finalización do prazo contractual ou da prórroga, o servizo reverterá ó Concello, debendo o contratista entregar os inmobles, instalacións e equipamento que lle foron entregados en estado de conservación e funcionamento adecuados.

 

O Alcalde concluíu salientando que “estamos ante un completo prego de condicións técnicas que creo que é acorde coa importancia que adquire o servizo de explotación integral e única de todos estes espazos. Creo que con esta única xestión integral haberá un antes e un despois na xestión dos nosos servizos turísticos municipais, que redundará moi positivamente na imaxe e na información que trasladaremos de Monforte e da Ribeira Sacra ós nosos visitantes e peregrinos. Ánimo ás empresas interesadas do sector a que presenten unhas boas propostas e unhas boas ofertas, porque creo que xestionar este proxecto integral será, sen dúbida, un reto apaixonante e que dará prestixio á empresa que o acade.”