Monforte de Lemos, 16 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou onte a adxudicación da obra de restauración e mellora da cuberta da Praza de Abastos de Monforte á empresa Construcciones Taboada y Ramos S.L. por un importe de 63.624,16 euros.
O Alcalde sinala que ““con esta obra de mellora cumprimos un dobre obxectivo. Dunha banda, rehabilitar e mellorar a cuberta da Praza de Abastos, que presenta certas deficiencias que fan que se filtre auga de choiva nalgunhas zonas. E doutra, aproveitar a citada obra de rehabilitación para a instalación de dúas chemineas que doten de ventilación a zona dos postos, facilitando deste xeito a posibilidade de que se poidan crear postos para a venda de alimentos procesados”.
Unha vez que a empresa presente o Plan de Seguridade e Saúde, este sexa aprobado, e se asine a acta de replanteo, a execución da obra ten un prazo de 2 meses.
A empresa adxudicataria ofertou como melloras a ampliación do prazo de garantía nun ano, valorado en 3.700 euros, e a substitución da cuberta indicada no proxecto, por unha cuberta panel sándwich nervado de 60 mm de espesor e 1100 mm de ancho, mellora valorada en 6.624,37 euros.
O rexedor municipal subliñou que “seguimos desenvolvendo o noso plan de mellora de infraestruturas urbanas da nosa cidade, neste caso para solventar as deficiencias da cuberta dun edificio tan importante na nosa cidade como o é a Praza de Abastos, e proporcionar así mellores servizos os praceiros que utilizan as súas instalacións”.
Necesidade da mellora e restauración da cuberta da Praza de Abastos monfortina
O edificio da Praza de Abastos está situado nun entorno protexido, xa que, atópase dentro do Casco Histórico de Monforte de Lemos, concretamente entre as Rúas Bailén e Ricardo Quiroga.
O edificio está incluído na zona clasificada nas Normas Subsidiarias Municipais vixentes como Solo Urbano en réxime de Casco Antigo (CA), dentro do Conxunto Histórico Artístico de Monforte de Lemos, declarado polo Decreto 444/1.973 do 22 de febreiro (B.O.E. de 13 de marzo), e cuxa delimitación foi modificada polo Decreto 187/2.005, de 16 de xuño (D.O.G. de 1 de xullo de 2.005) da Consellería de Cultura e Turismo. Este Conxunto ten hoxe a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC).
Actualmente o edificio da Praza de Abastos está composto por unha nave central de forma rectangular resolta con cuberta a dúas augas de placas de fibrocemento.
A nave principal, destinada a mercados de tempada e exposicións, dispón de dous corpos acaroados e comunicados interiormente. O corpo lateral dereito, segundo se accede á Praza de Abastos dende a Rúa Bailén, está destinado a cafetería e dispón de cuberta plana. O corpo lateral esquerdo dispón de distintos tipos de solucións de cuberta; dúas cubertas a catro augas, resoltas con placas de fibrocemento; dúas cubertas a tres augas, tamén con placas de fibrocemento; e unha cuberta plana.
O Equipo de Goberno decidiu acometer estas obras de mellora que foron adxudicadas onte debido a que as cubertas inclinadas resoltas con placas de fibrocemento se atopaban en mal estado de conservación e precisaban a substitución de algunhas delas, xa que filtran auga ó interior do inmoble.
Ademais, o fibrocemento visto non é un material acorde co entorno no que se atopa o edificio. Do mesmo xeito, os canlóns para a recollida de augas pluviais dos que dispón o edificio son de PVC, un material que tampouco se adecúa ó entorno do inmoble, ademais de atoparse tamén en mal estado de conservación.
Existen outras zonas da cuberta, onde o edificio da Praza de Abastos non dispón de planta alta que se atopan resoltas con paneis de chapa ou paneis sándwich sobre os que tamén se levarán a cabo obras de mellora, debido á incorrecta resolución dos encontros con canlóns, chemineas ou paramentos verticais que tamén provocan filtracións de auga ó interior.
Finalmente, no interior do espazo destinado ó mercado de abastos non existe un conduto de ventilación ó exterior, que posibilite a instalación de postos de procesado de alimentos.
Descrición das actuacións de mellora
Este proxecto de mellora, trátase no seu conxunto da adecuación da cuberta do edificio da Praza de Abastos ó entorno no que se atopa, por ubicarse nun entorno protexido, e no que a calidade da cuberta actual non se adecúa a aquel, ó estar resolta con placas de fibrocemento visto.
Polo tanto, procederase á substitución das placas de fibrocemento actuais por outras novas, executando así unha cuberta de fibrocemento con acabado de cuberta de tella cerámica mais acorde co entorno onde se atopa o edificio, ó mesmo tempo que se mellora o comportamento térmico da citada cuberta.
Na zona onde a Praza só dispón de planta baixa, substituirase a cuberta de chapa existente por outra nova de panel sándwich, resolvendo os encontros con chemineas, ventilacións, canlóns ou paramentos verticais, tanto desta nova cuberta coma da existente baixo as placas solares.
Ademais, aproveitarase a intervención na cuberta para instalar dúas chemineas de ventilación en previsión de que nun futuro se poida levar a cabo a creación de postos de procesado e venda de alimentos no interior do edificio.
Solución construtiva
Levarase a cabo así a mellora estética e térmica da cuberta mediante a incorporación de cubrición de tella cerámica curva de cor vermella sobre a cuberta de fibrocemento actual, previa substitución das placas en mal estado. Contemplase tamén a substitución dos canlóns e baixantes actuais de PVC por outras novas de zinc.
Para a futura instalación no interior da Praza de Abastos de postos de venta de alimentos procesados instalaranse dúas chemineas para a ventilación dos citados postos.
- Actuacións no material de cubrición: Substituiranse as placas de fibrocemento por outras novas e de seguido colocarase unha nova cubrición de tella cerámica curva de cor vermella que mellorará o aspecto da cuberta do inmoble, a súa integración no entorno e o seu comportamento térmico e substituirase a cuberta de chapa existente sobre o volume de planta baixa por unha nova de panel sándwich. Resolveranse os encontros con paramentos verticais, chemineas e condutos de ventilación, tanto da nova cuberta de panel sándwich coma da existente na zona das placas solares.
- Substitución de canlóns e baixantes: Retiraranse os canlóns e baixantes de PVC e colocaranse novos canlóns e baixantes de zinc de sección semicircular o canlóns e circular as baixantes, segundo os criterios do Consello Territorial do Patrimonio Cultural de Lugo.
- Execución de chemineas para ventilación: Executarase unha cheminea de ventilación con dous condutos mediante a colocación de dous tubos de aceiro inoxidable revestidos con fábrica de ladrillo enfuscado e pintado segundo a carta cromática autorizada para o Casco Histórico de Monforte de Lemos.
Para a execución das actuacións descritas empregaranse os materiais, acabamentos segundo os capítulos e unidades de obra que se describen a continuación:
Actuacións previas:
- Peche provisional de obra: barreira provisional modular de obra composta por paneis de malla galvanizada de 2m de altura e postes tubulares encaixados en bloques de formigón.
- Limpeza de cuberta: limpeza de cuberta de fibrocemento existente con lanza de auga a presión.
- Desmontado de fibrocemento: desmontado de placas de fibrocemento existentes para posterior colocación de placas novas.
- Desmontado de cuberta de chapa: retirada da cuberta chapa ou panel sándwich para substitución por outra nova de panel sándwich.
- Desmontado de canlóns e baixantes: desmontado calóns e baixantes de PVC existentes para posterior colocación de outras novas de zinc.
Cuberta:
- Reposición de fibrocemento: reposición de placas de fibrocemento desmontadas, por atoparse en mal estado de conservación ou con fendas.
- Cuberta de tella sobre fibrocemento: cuberta de tellas cerámicas curvas de cor vermello colocadas con ganchos de aceiro inoxidable.
- Cumieiras e limas de tella: cumieira e limatesa de tellas cerámicas curvas de maior tamaño en cor vermella colocada con morteiro de cemento.
- Cuberta de panel sándwich: colocación de nova cuberta de panel sándwich na zona de cuberta de chapa existente resolvendo remates e encontros con elementos de cuberta tales coma paramentos verticais ou condutos existentes.
- Remate de borde de cuberta de panel sándwich: remate lateral de nova cuberta con chapa pregada e prelacada.
- Remate con paramento vertical: remate de encontro de cuberta de panel sándwich existente baixo as placas solares con paramentos verticais do peto perimetral.
- Goteirón de chapa: Colocación de goteirón na cuberta de panel sándwich.
Instalacións:
- Cheminea de ventilación: condutos verticais para ventilación executados con pezas prefabricadas de formigón ou con tubo de aceiro inoxidable, revestido con fábrica de ladrillo enfuscado e pintado exteriormente. Inclúese a colocación de sombreirete de protección.
- Canalón de zinc: canlón zinc de sección semicircular de 33 cm de desenrolo colocado con ganchos de suxeición.
- Baixante de zinc: baixante de chapa de zinc de sección circular con parte proporcional de accesorios e conexións.
O Alcalde concluíu salientando que “con estas actuacións melloraremos as condicións estéticas do edificio e a súa integración no entorno onde se atopa, melloraremos o comportamento térmico da cuberta do inmoble e dotaremos ó interior da Praza de Abastos a posibilidade da creación de espazos destinados o procesado de produtos mediante a construción de dúas chemineas. Deste xeito, melloramos a calidade das instalacións e dos servizos que a Praza proporciona ós praceiros que utilizan as súas instalacións”.