Os xóvenes monfortinos xa poden disfrutar da nova Pista de Skate construída polo Concello no Parque da Compañía

Monforte de Lemos, 20 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno, inaugurou a nova Pista de Skate de Monforte, que se ubica na parte media do extremo sur do Parque da Compañía.

A construcción desta nova instalación deportiva urbana foi adxudicada, a mediados do pasado mes de xaneiro, á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo S.L., por un importe de 64.737,42 euros.

O Alcalde destaca que “esta nova pista de Skate que hoxe abrimos ós xóvenems monfortinos e monfortinas da resposta a unha carencia que existía con respecto a este tipo de instalacións na cidade, en concreto a relativa a deportes urbanos. Espero que esta nova oferta de lecer deportivo sexa do agrado dos que levan a cabo a práctica desta disciplina”.

Nova pista de Skate na Compañía

Para a ubicación desta instalación deportiva, o Equipo de Goberno do Concello escolleu un espazo existente dentro do denominado Parque da Compañía, no que en tempos se localizaba unha Rampa U ou medio tubo de Skate, entre o xardín e a pista polideportiva do citado parque.

A nova pista de Skate construíuse sobre unha superficie duns 253 m2 e conta cunha combinación de módulos de rampas e tobogáns, así como tubos e railes “grindrails”, que permitirán a realización de gran variedade de trucos ós afeccionados á práctica deste deporte.

Todos os módulos da pista de Skate axústanse ó disposto pola normativa UNE EN 174974:2006 A1:2011: “Instalacións para usuarios de equipos de deportes sobre rodas. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio”.

Ademais, acondicionáronse as marxes da pista coa construción cunha beirarrúa perimetral e procedeuse á recolocación dos 6 aparellos de exercicios de musculación existentes, dentro de zona anexa á pista de Skate.

Descrición técnica do proxecto levado a cabo

Actuacións previas

Primeiramente, retiraronse os aparellos de exercicios de musculación existentes no lugar, recolocándoos nas marxes da pista de Skate, trala construción desta.

Demoleuse a soleira de formigón existente no lugar, eliminándose a árbore existente próxima á soleira, xa que estaba situada sobre o terreo destinado a ubicar a pista de Skate.

Para finalizar, practicouse un rebaixe do terreo da superficie da pista de Skate para a instalación da solera de pavimento de formigón da súa base, de dimensións 23x11 m. e 5 cm. de profundidade, quedando o fondo da zona rebaixada perfectamente perfilado.

Pavimentos

Creación do pavimento continuo de formigón da pista de Skate, para o asento dos seus módulos de xogos (rampla, tobogáns,...) e a superficie de rodamento entre eles; ademais do acondicionamento das súas marxes.

O acabado final deste pavimento de formigón é alisado, e a desviación das pendentes lonxitudinais e transversais non son maiores de 5mm.

Unha vez rematado o pavimento anterior, reacondicionáronse as marxes da súa solera, mediante o estendido e compactado manual dunha capa uniforme de zahorra artificial ZA-25, de 5 cm. de espesor mínimo.

Equipamento

Todos os módulos instalados da pista de Skate axustanse ó disposto pola normativa UNE EN 174974:2006 A1:2011: “Instalacións para usuarios de equipos de deportes sobre rodas. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio”.

Os módulos de patinaxe e os elementos e materiais posúen as seguintes especificacións técnicas:

  • Están feitos con materiais resistentes ás condicións de intemperie e ós impactos. Os elementos metálicos son de aceiro galvanizado en quente, estando todas as soldaduras protexidas con tratamento galvanizado.
  • A tornillería a empregar na súa montaxe é de aceiro inoxidable, con rosca asimétrica que ofrece maior subxección e cabezal anti-vandálico para previr que poidan ser desmontados.
  • Os módulos de inicio e final do circuíto, a situar nos extremos da pista, dispoñen nas súas partes altas de barreiras de seguridade de aceiro galvanizado en quente, con barras sólidas verticais para a contención dos patinadores nos seus voos.
  • Todos os módulos están totalmente pechados con laterais de chapa de aceiro galvanizado provistos de buracos de ventilación, para previr a acumulación de residuos e accesos indesexados, que van apoiados sobre tiras de HPL, evitando o contacto directo dos laterais co chan e permitindo á súa vez unha boa ventilación do interior dos módulos.
  • As rampas e demais superficies de rodadura están conformadas por taboleiros de madeira ignífugos que non absorban a auga, con alta resistencia ós impactos e superficie non abrasiva, para evitar posibles queimaduras na pel dos patinadores ó rozarse con esta. Baixo a superficie de patinaxe instalouse unha capa de polipropileno reforzado con fibra de vidro para a redución do ruído.
  • As rampas e tobogáns teñen no seu inicio un tubo metálico coping, de aceiro galvanizado diámetro 60 mm. e 4 mm. de espesor, para grindear. O seu encontro coa solera de formigón realizouse mediante chapa metálica toeplates, igualmente, en aceiro galvanizado en quente, de 3 mm.
  • As rampas e tobogáns en todos os seus bordos, xuntas e unións, dispoñen de perfís de aceiro galvanizado de 5 mm, montados de forma aliñada coa superficie de skate para a  protección dos patinadores e para facilitar o seu deslizamento na pista.
  • As barras de raíl “grindrails” son de tubo metálico (redondo ou rectangular) de aceiro galvanizado en quente de 4mm. de espesor, sen aristas vivas e terán o seu final curvado cara abaixo para minimizar o efecto dun posible impacto.

 En canto ós aparellos de exercicios de musculación, que son 6, colocáronse na súa nova ubicación dentro de zona anexa á pista de Skate, reacondicionada durante a obra. Para iso, realizouse o reformulo das fixacións dos aparellos, abrindo para cada un dos seus puntos de fixación un oco de cimentación de ancho 15x15 cm. e profundidade segundo determina o elemento de fixación, poste ou estrutura de anclaxe, con posterior formigonado de dita fixación colocada aplomada no oco. Finalizando todo coa montaxe definitiva dos aparellos e o acondicionamento da superficie da base do aparello en zahorra, de forma que non queda ó descuberto a cimentación creada.

“O Equipo de Goberno” conclúe o Alcalde, “segue a levar a cabo obras de mellora nas infraestruturas urbanas da cidade, e neste caso, dotando dun novo equipamento que era moi demandado pola xente nova de Monforte. O compromiso que mantemos cos monfortinos e monfortinas segue a ser firme, e seguiremos apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas á nosa cidade, atendendo ás necesidades de todos os colectivos.”