Monforte de Lemos, 23 de marzo de 2021. O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro trimestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.
Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2021, e dentro do programa de actividades ideado pola Concellería de Muller e Igualdade arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, este xoves 25 de marzo ás 20:15 horas no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da cuarta das obras previstas para adultos: Feminíssimas, da compañía De Ste Xeito Producións. Trátase dunha obra composta por Esther F.Carrodeguas, dirixida por Xavier Castiñeira e interpretada por Stephy Llaryora, Esther F.Carrodeguas e Noelia Blanco.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.
Sinopse
Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.
Esta é a base de Feminíssimas, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres estamos a con-vivir neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas.
Unha maneira –tamén- de rirnos de nós mesmas, das nosas propias incongurencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria.
Un espazo, ademais, para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.
En resumo: unha comedia negra… moi violeta.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, será A lingua das bolboretas da compañía Sarabela Teatro que terá lugar o xoves 22 de abril ás 20:15 horas no Edificio Multiusos, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados. Esta obra encádrase dentro do programa de actividades organizado pola Concellería de Muller e Igualdade, arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Protocolo ante o Covid-19
Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:
- A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación. Nesta ocasión será dun máximo de 110 persoas, mantendo as correspondentes medidas de distanciamento social.
- A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación (19:15 h).
- A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra (19:45 h.).
- Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
- Gardarase a distancia social de seguridade.
- Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.