O Concello autoriza a asistencia de público a competicións deportivas federadas que se celebren en instalacións deportivas municipais

Monforte de Lemos, 24 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar o decreto que modifica o “Protocolo de uso de instalacións deportivas municipais específico para competicións deportivas federadas”, e que supón a permisión de asistencia de público ás competicións deportivas federadas que se organicen nas instalacións deportivas municipais a partir da vindeira fin de semana.

O Concello de Monforte aprobara un protocolo específico de uso de instalacións deportivas para competicións federadas na Xunta de Goberno Local celebrada o día 14 de outubro de 2020 ante a previsión, dalgunhas federacións deportivas, de inicio de competicións oficiais.

Ese protocolo inicial non contemplaba a posibilidade da asistencia de público a competicións oficiais devido á situación da epidemia do COVID-19 e á normativa reguladora daquel momento. Dende entón, a situación da pandemia pasou por diferentes fases, ata chegar á situación actual, que é de menor incidencia.

“Por estes motivos e coa intención de dar un paso máis na procura de certa normalidade no que á práctica de actividade deportiva se refire, dende o Concello imos permitir o acceso de público a competicións deportivas federadas de carácter oficial, tendo en conta o establecido na ORDE do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas especificas como consecuencia da evolución epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia” indicou o Alcalde.

Neste senso, está previsto que o Alcalde acuda ó primeiro partido do Club Lemos en Monforte, que recibirá ó Ribadeo FC o vindeiro domingo día 28 de marzo.

 

Protocolo de asistencia de público a competicións deportivas federadas en instalacións deportivas municipais

Segundo a modificación do protocolo, a asistencia de espectadores a competicións deportivas federadas está condicionada polas seguintes premisas:

Está permitida a asistencia de público nas seguintes instalacións deportivas:

  • Campo Municipal de Fútbol da Pinguela.
  • Pavillón Municipal da Pinguela.
  • Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas.

Non se poderán superar os límites de capacidade permitida establecidos en cada momento, que actualmente son os seguintes:

  • Campo Municipal de Fútbol da Pinguela:  220 espectadores/as
  • Pavillón Municipal da Pinguela:  91 espectadores/as
  • Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas: 83 espectadores/as

Estes cálculos de capacidade, levados a cabo polos técnicos municipais, están feitos tendo en conta que cada persoa asistente  que ocupa un dos asentos da grada ten garantida a distancia de seguridade de 1,5 metros nas catro direccións e sen superar o 30 % da capacidade máxima permitida.

No caso de instalacións deportivas nas que se leven a cabo dous partidos á vez, a capacidade permitida para cada un dos encontros será do 50 % do total autorizado.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polos asentos e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal.

Do mesmo xeito, correspóndelle á entidade deportiva o control de acceso dos/as espectadores/as ás instalacións deportivas. No caso de que non estea garantido o control de accesos por parte da entidade deportiva non se permitirá a asistencia de público.

A entidade deportiva terá que ser a que estableza as circulacións específicas dos/das espectadores/as, así como a asignación de asentos e a súa sinalización.

Os medios necesarios para o control de acceso do público correrán a cargo das entidades deportivas.

Cada entidade deportiva deberá levar un rexistro das persoas autorizadas para acceder ás instalacións como espectadores/as en cada competición. Esta listaxe deberá estar a disposición do Concello de Monforte ou das autoridades sanitarias, no caso de ser requirida, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

As persoas espectadoras que acudan ás instalacións deportivas municipais deberán levar máscara en todo momento.

As persoas espectadoras deberán permanecer sentados nalgún dos asentos habilitados na grada. Non está permitida a asistencia de público de pé.

Por outra banda, a modificación do protocolo inclúe tamén a autorización de uso de vestiarios e duchas, exclusivamente durante a celebración de competicións federadas e atendendo ás seguintes premisas:

  • Recoméndase limitar a estancia nos vestiarios ao menor tempo posible.
  • Está permitida a utilización de vestiarios e duchas no Campo Municipal de Fútbol da Pinguela, no Pavillón Municipal da Pinguela e no Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas.
  • A capacidade máxima establecida para cada vestiario estará visible na porta de acceso. É obrigatorio cumprir coa capacidade máxima permitida establecida, e é responsabilidade do club deportivo velar polo seu cumprimento.
  • No caso de xornadas de competición con partidos de xeito consecutivo, onde o vestiario que use un equipo vai a ter que volver a ser utilizado por outro equipo, o vestiario terá que ser desinfectado. Esta operación de desinfección terá que ser levada a cabo polo club deportivo ao finalizar o uso do vestiario.
  • No interior do vestiario é obrigatorio cumprir coa distancia de seguridade e utilizar a máscara, salvo na ducha.