O Concello de Monforte súmase este sábado á loita contra o cambio climático e apoia a iniciativa de WWF “A Hora do Planeta”

Monforte de Lemos, 25 de marzo de 2021. Como xesto simbólico e en defensa do medio ambiente, o Concello de Monforte súmase un ano máis á iniciativa A Hora do Planeta. Así, este sábado, 27 de marzo, as luces dalgúns dos espazos máis emblemáticos da cidade do Cabe quedarán apagadas durante unha hora; será dende as 20:30 e ata as 21:30 horas. En concreto estarán sen iluminación a Praza da Estación, a explanada da Compañía e a contorna de San Vicente, incluída a Torre da Homenaxe e o campanario.

Con este xesto a Equipo de Goberno do Concello quere amosar o seu apoio á organización para a defensa da natureza WWF, que este ano baixo o lema Na hora do Planeta, conéctate coa Natureza, pretende mobilizar a tódalas cidades do mundo para demostrar o apoio global contra o cambio climático.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca ademais que “dadas as difíciles e excepcionais circunstancias que estamos vivindo por mor da pandemia de COVID-19, dende o Concello de Monforte estamos convencidos de que o espírito da Hora do Planeta é máis necesario que nunca para transmitir unha mensaxe de esperanza, unidade e colaboración ante as grandes ameazas que tamén afronta a humanidade, como o cambio climático ou a destrución da natureza.”

Por iso, continuou o rexedor municipal “o acto simbólico ó que nos imos sumar este sábado, pretende concienciar da necesidade de empregar de forma responsable a enerxía. Cómpre que todos nos impliquemos para loitar contra o cambio climático e poder reducir así o nivel de emisións de CO2”.

O rexedor tamén lanzou unha mensaxe ós monfortinos e monfortinas para que “entendan este xesto e se sumen nos seus fogares a esta iniciativa, que consiste en aforrar enerxía durante unha hora”.

 

A Hora do Planeta

Esta iniciativa, promovida por la Asociación WWF comezou no 2007 en Sidney, como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo xesto que consiste en apagar as luces de fogares, negocios, edificios e monumentos durante unha hora. Unha acción que cos anos converteuse nun movemento mundial do que xa forman parte miles de cidades de 188 países, que en pasadas edicións apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios emblemáticos.

A Hora do Planeta une a cidadáns, empresas, concellos e institucións para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade;  trátase da maior iniciativa mundial na defensa do medio ambiente, á que o Concello de Monforte vense sumando dende hai anos.

Debido á actual alerta sanitaria por mor do COVID-19 , dende WWF tomouse a decisión de cancelar todos los actos de rúa previstos para esta xornada, pero dende esta asociación ecoloxista continúase pedindo que se apaguen as luces dos fogares, dos monumentos e os principais edificios públicos de España na xornada de este sábado.

E sendo acordes coa situación actual de pandemia mundial, dende WWF, ademais do apagado de luces símbolo da Hora do Planeta, propóñense diferentes actividades para realizar desde casa, de modo que todos os que o desexen poidan sumarse coas súas familias ao maior evento virtual de sensibilización ambiental da historia, e que se poden atopar na web www.horadelplaneta.es.