O Concello de Monforte e o SEA dan a coñecer o Polígono do Reboredo a través dun vídeo promocional

Monforte de Lemos, 14 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu de mans da Xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo Doce, o vídeo que esta entidade elaborou co obxectivo de promocionar o Polígono Industrial de O Reboredo.

Ambos representantes institucionais mantiveron hai uns días unha xuntanza de traballo na que analizaron os últimos avances logrados no Polígono industrial de O Reboredo, un dos 13 que xestiona en Galicia esta empresa pública, dependente do Ministerio de Transportes.

Este vídeo promocional, ten por obxectivo dar a coñecer o enorme potencial deste polígono empresarial e da área de Monforte pola súa ubicación estratéxica. Neste senso, ambas entidades adquiriron o compromiso de difundilo nas súas respectivas webs e  redes sociais, nos distintos foros económicos nos que estean presentes tanto o SEA como o propio Concello, e tamén entre o ámbito empresarial, galego e estatal.

O Alcalde amosou a súa satisfacción “pola dinámica do polígono nos últimos tres anos, que permitiu que só queden 8 parcelas dispoñibles, trala venda de ata 12 parcelas nese período. Neste senso, o vídeo promocional que difundiremos dende hoxe, amosa a boa marcha do noso polígono e as posibilidades de negocio que os empresarios poden atopar nel”.

Na mesma liña, a xerente do SEA destacou que “difundir e promocionar a área empresarial de Monforte é unha das liñas de actuación prioritaria para nós dende o SEA, debido ós resultados que se están obtendo no polígono, cun incremento das operacións pechadas nos últimos tres anos”.

O vídeo, describe as posibilidades en canto a infraestruturas e servizos cos que conta o polígono, que pusúe unhas boas comunicacións, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como cunha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para as empresas.  Ademais, o vídeo tamén recolle imaxes da Ribeira Sacra e da cidade de Monforte e  xa se pode consultar na canle de Youtube do Concello a través do seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=rwCR4oSYcbs&t=15s

 

Petición de ampliación do Polígono

De mesmo xeito, a pasada semana, o Concello monfortino solicitou formalmente a Suelo Empresarial del Atlántico a posta en marcha dos estudos necesarios para a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo, petición que xa foi abordada na reunión que mantiveron a o mandatario monfortino e a xerente do SEA, quen destacou entón que “os datos reflexan que Monforte ten presente e moito futuro, cun polígono exemplo de motor de dinamización económica e da esencial creación de emprego”.

En concreto, o Concello monfortino solicitou ó SEA que se realicen ditos estudos de ampliación do Polígono do Reboredo e que tamén se leve a cabo a súa posterior implementación, baixo o criterio de duplicar a superficie actual do Polígono.

“Esta petición” salientara no seu momento o Alcalde “está fundamentada na gran demanda existente de parcelas e o noso obxectivo é poñer á disposición dos empresarios parcelas de diversas superficies, para adaptarse as súas necesidades de chan industrial, e nas que poidan implantar as súas empresas, o que sen dúbida contribuirá á dinamización da economía do Concello”.

 

O Polígono do Reboredo, un dos máis atractivos nos últimos anos

Este polígono nace no ano 1984 promovido e xestionado por SIGALSA (Suelo Empresarial de Galicia), hoxe Suelo Empresarial do Atlántico (SEA).

Ten unha superficie total de 365.000 metros cadrados, sendo aproveitables directamente para parcelas como superficie útil un total de 275.235 metros cadrados. Actualmente, repártese en 61 parcelas de 1.000 a 15.000 metros cadrados de superficie.

En canto ás condicións de edificabilidade cabe destacar que ten unha ocupación máxima do 75%, con retranqueos de 3 metros ó fondo e os laterais e 7 á fronte. Ademais permítese como máximo unha altura de 12 metros.

A dinámica de venta de parcelas neste polígono nos últimos tres anos foi moi destacada, o que permitiu que só queden 8 parcelas dispoñibles, trala venda de ata 12 parcelas nese período. O exercicio 2021, demostrou a consolidación do área industrial de Reboredo, no que se pecharon tres operacións de preto de 30.000 metros cadrados de superficie por importe de 349.000 euros.