Monforte acolle este venres a obra de teatro “A pluma viva de Rosalía” da compañía Os Quinquilláns para público familiar

Lugar: 
Casa da Cultura de Monforte
Actividad: 
Obra de teatro “A pluma viva de Rosalía” da compañía Os Quinquilláns
Fecha: 
venres, Maio 21, 2021 - 18:00 a 19:30

Monforte de Lemos, 18 de maio de 2021. O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito,  este venres 21 de maio ás 18:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro terá lugar a posta en escena da obra “A pluma viva de Rosalía” da compañía Os Quinquilláns. Trátase dunha obra dirixida a público familiar así como a nenos e nenas de máis de 9 anos, e da educación secundaria.

Esta actuación está programada pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

 

A representación é de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación, que establece un aforo máximo de 60 persoas. As entradas-invitacións repartiranse dende as 17:30 horas, e a entrada ó salón de actos da Casa da Cultura farase ás 17:50 horas.

 

Sinopse

A pluma viva de Rosalía”, que está baseada nun feito real de censura á obra de Rosalía de Castro, é unha montaxe teatral sobre a igualdade e a liberdade seguindo textos da escritora.

No ano 1864 Rosalía de Castro visita unha imprenta en Lugo, catro textos brillantes, "retranqueiros" e satíricos da escritora están a punto de publicarse, pero nas oficinas da imprenta ten lugar un conflito violento e Rosalía vai descubrir que todo ten que ver con ela e a súa obra.

Elenco: Rosalía de Castro - Tero Rodríguez e Manuel Soto Freire - Lucho Penabade.