Monforte de Lemos, 5 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar un acordo de colaboración coa empresa monfortina Autocares Sánchez, mediante o cal Monforte e a Ribeira Sacra serán promocionados nas rutas de transporte de viaxeiros que esta empresa leva a cabo por España e por diferentes países de Europa.
O Alcalde destaca que “a colaboración con Autocares Sánchez permitirá difundir a imaxe de Monforte e da Ribeira Sacra a través de dúas rutas do servizo regular de viaxeiros que leva a cabo esta empresa, e que transcorren por Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña e Suíza, ademais de por España”.
Deste xeito, colocarase un chamativo deseño publicitario na parte traseira nos autobuses da empresa que inclúe imaxes dalgúns das localizacións máis relevantes do Concello, como son o Miradoiro do Duque, o Parador Nacional e Conxunto monumental de San Vicente, Nosa Señora da Antiga (o “Escorial Galego”), a Ponte Medieval ou o Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas.
“O lema desta campaña promocional é “Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra. Ven a visitarnos...te esperamos!”, xa que o noso obxectivo é animar a todos aqueles que visualicen o deseño a que descubran e visiten a nosa cidade e o noso entorno, no que destaca a oferta paisaxística, cultural, gastronómica e monumental”, subliñou Tomé Roca.
Promoción constante por España e Centroeuropa
A rotulación dos autobuses levarase a cabo neste mes de xuño, e os vehículos comezarán a circular co deseño promocional durante os meses de xullo, agosto e ata principios do mes de setembro deste ano 2021.
En concreto, a imaxe promocional da Monforte estará presente en dúas rutas internacionais de transporte regular de viaxeiros que cubre esta empresa de autocares monfortina.
Dunha banda, a ruta Málaga, Granada, Madrid, Burgos, San Sebastián, París, Bruxelas e Dortmund (Alemaña), sendo Málaga e Dortmund as cidades de saída e chegada da ruta.
E doutra, a que transcorre dende Lisboa, Salamanca, Burgos, San Sebastián, Burdeos, Lyon e Zúrich (Suíza), tamén con saída e chegada en Lisboa e Zúrich.
“A frecuencia, en ambas rutas, será de 3 viaxes por semana, polo que a difusión publicitaria de Monforte e a Ribeira Sacra será constante ó longo de todo o verán”, subliñou o rexedor municipal.
Esta campaña forma parte das accións promocionais que o Concello de Monforte desenvolve para dar a coñecer o atractivo turístico da cidade e da Ribeira Sacra. Recentemente, tamén se levou a cabo unha importante promoción no salón internacional Fitur celebrado en Madrid do pasado mes de maio.