Monforte de Lemos, 08 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a posta en marcha do proxecto que acomete a rehabilitación da beirarrúa da rúa Carude, dentro do programa de actuacións de mellora planificadas polo Equipo de Goberno para as infraestruturas viarias da cidade.
En concreto, as obras consisten na eliminación de barreiras arquitectónicas e na rehabilitación dun tramo da beirarrúa dereita (segundo o sentido da circulación do tráfico rodado) da rúa Carude, concretamente no seu tramo final, á altura da capela de San Lázaro, ata o encontro coa rúa San Lázaro e a Estrada de Sober.
O Alcalde sinala que “decidimos acometer esta obra de rehabilitación debido a que concretamente o tramo dereito da beirarrúa próxima á capela de San Lázaro, presentaba un deterioro significativo do pavimento, que facía dificultoso o tránsito a pé pola mesma. Deste xeito, a reforma suporá unha significativa mellora para os veciños e veciñas que transitan por esta rúa.”
As obras de mellora serán desenvoltas nos vindeiros días pola empresa Ovisa, cun orzamento de 23.601,15 euros e un prazo de execución de 14 días.
Actuacións de mellora na rúa Carude
A rúa Carude é unha vía ben urbanizada, que non manifesta patoloxías na súa urbanización salvo nun sector da beirarrúa dereita segundo o sentido do tráfico rodado, preto xa do entronque da rúa Carude coa rúa San Lázaro e a estrada de Sober, no que se manifesta un deterioro significativo do pavimento, co afundimento e fractura de pezas de bordillo e rotura xeneralizada das losetas de granito.
O proxecto posto en marcha polo Concello rehabilitará o citado tramo de beirarrúa ata o encontro coa rúa S. Lázaro e Estrada de Sober, nunha lonxitude aproximada duns 63 metros.
As obras consisten na eliminación de barreiras arquitectónicas e na rehabilitación do citado tramo da beirarrúa dereita da rúa Carude.
En concreto, procederáse ó levantamento do pavimento existente, na execución dunha soleira de formigón, sobre firme estabilizado, a colocación dun bordiño de granito serrado e o solado con lousas de granito de iguais dimensións que as existentes no tramo construído, pero de 8 cm. de espesor.
Na execución desta mellora, non se alterará o deseño da urbanización polo que se repoñerán as zonas empedradas, vados de acceso a garaxes, pasos de peatóns e bolardos.
“Con esta actuación na rúa Carude, garantimos unha vida útil de máis de cinco anos e con ela producirase un incremento da seguridade e accesibilidade peonil, así coma unha sensible mellora na calidade de acabado da rúa. Continuamos así co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade, un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas”, conclúe o rexedor monfortino.