Monforte de Lemos, 23 de xuño de 2021. Ó longo dos meses de abril, maio e xuño,o Concello de Monforte, dende a Concellería de Muller e Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM), desenvolveu un Programa de Inserción Sociolaboral para mulleres en situación de vulnerabilidade.
Co obxectivo de formar ás mulleres participantes tanto en procesos de procura de emprego, como na mellora das súas habelencias para facilitar e acurtar tempos cara á súa inserción laboral, procura de novas oportunidades e adaptación ás novidades laborais e económico-sociais, desenvolvéronse tres accións formativas coordinadas, complementarias e diferenciadas.
As accións formativas consistiron en:
- Un obradoiro de preparación de competencias clave n2. Ao longo de 80 horas as mulleres participantes prepararon as competencias clave de nivel 2 das que se examinarán o vindeiro domingo 27 de xuño.
- Un seminario de motivación para a procura de emprego (MOPRE), de 30 horas de duración no que reflexionaron cun módulo de motivación e orientación para a busca de emprego, formáronse en ferramentas web 2.0 para a busca de emprego e accións de networking e debatiron sobre a creación dunha marca persoal.
- Un obradoiro de introdución á informática e novas tecnoloxías, de 20 horas, de capacitación e empoderamento dixital dirixido á superación da fenda dixital de xénero e a reconectar co pracer de aprender.
Este programa está financiado con cargo ós fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2020.