Monforte de Lemos, 23 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou na mañá de hoxe nos actos conmemorativos do 35 aniversario do Hospital Comarcal de Monforte, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.
O rexedor monfortino trasladou, na súa intervención, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, “os nosos parabéns por estes 35 anos nos que esta entidade, e as persoas que forman parte dela, son parte esencial da historia recente de Monforte”.
“A homenaxe de hoxe necesariamente é para as persoas que forman parte deste Hospital: médicos, enfermería, celadores, administrativos, persoal de limpeza, de seguridade, de cociña, de lavandería, de mantemento..., en definitiva, un equipo humano sen o cal este Hospital non alcanzaría hoxe os 35 anos de idade”.
No acto tamén participaron o Conselleiro de Sanidade, Julio García, o xerente do Sergas, José Flores, o Xerente da Área Sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, a Directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos, María Inmaculata Ramos, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como persoal do Hospital Público de Monforte.
O Hospital de Monforte, peza clave para o sur de Lugo nos seus 35 anos de historia
O Alcalde monfortino salientou que “o Hospital de Monforte, dende o ano 1986 cando botou a andar, é unha peza clave na nosa cidade, artífice da saúde dos nosos veciños e veciñas, e non só do Concello de Monforte, senón tamén dos veciños e veciñas de todos os concellos que conforman a comarca de Lemos e da Ribeira Sacra”.
Ademais de facer extensiva a homenaxe de todos os monfortinos a labor que desenvolve a diario todo o persoal que conforma o Hospital Comarcal, o Alcalde tamén recordou que “levan máis dun ano loitando en primeira liña contra a pandemia da Covid-19, salvando vidas e arriscando as súas propias vidas”.
Neste senso, subliñou que “foron tempos nos que creo que este Hospital e todo o equipo que o conforma, coas dificultades e coas carencias propias da situación que nos tocou vivir, estiveron a altura das circunstancias e debemos recoñecer a súa impagable labor ó servizo de todos nós”.
Reivindicación da sanidade pública
José Tomé Roca tamén fixo un alegato a favor da sanidade pública, da que é firme defensor: “a pesar de todas as dificultades, seguimos a ter un dos mellores sistemas públicos de saúde do mundo. E Monforte pode presumir de Hospital, da dedicación e a vocación dos e das profesionais que forman parte del”.
Así, o rexedor monfortino afirmou que “a pandemia demostrou que non se pode reducir a inversión na Sanidade Pública, senón que hai que reforzala, e en algún aspecto reformulala, nin esquecernos da produción propia de elementos básicos, para non depender dos vaivéns do mercado. Os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.
Finalmente o Alcalde concluíu a súa intervención transmitindo ós asistentes “folgos e ánimos, porque sabemos do enorme mérito do voso traballo, moitas veces invisible, pero sempre necesario e insubstituíble. Un traballo que se basea na calidade humana e no compromiso de todo o persoal deste Hospital.”
“Por iso, dende o Concello de Monforte, e dende a Deputación de Lugo, desexamos que este Hospital siga cumprindo anos, grazas ó voso compromiso de servizo público, grazas á vosa calidade humana e profesional, e tamén como o Hospital de referencia do sur da provincia de Lugo”.