Monforte de Lemos, 24 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar o inicio das obras de reparación da pasarela peonil de madeira do Parque dos Condes, actuación englobada dentro do programa de mellora planificadas polo Equipo de Goberno para as infraestruturas da cidade.
O Alcalde sinala que “decidimos acometer esta obra de reparación da pasarela do Parque dos Condes, que ven de dar comezo no día de hoxe, debido ó estado de deterioro no que se atopaba e dado que se trata dunha pasarela moi transitada polos nosos cidadáns e visitantes. Deste xeito, a reforma suporá unha significativa mellora para os veciños e veciñas que disfrutan das instalacións e servizos do Parque dos Condes.”
As actuacións de reparación da pasarela están sendo desenvoltas dende hoxe pola empresa Carpintería Pinto, cun orzamento de 6.805,22 euros e un prazo de execución de 1 mes, polo que durante o desenvolvemento dos traballos, a pasarela estará pechada para o tránsito dos viandantes.
En concreto, as obras de mellora consisten na reparación dos elementos danados da estrutura de madeira laminada portante da pasarela, e no reforzo dos seus pontóns, aportando novo material nos puntos onde é necesario.
Tamén se levará a cabo a substitución da totalidade do pavimento de madeira maciza, mediante a colocación dun novo pavimento en madeira maciza de pino silvestre, con tratamento para exteriores.
E finalmente, tamén se levará a cabo a reparación da varanda de madeira, coa aportación de novo material onde sexa necesario.
A totalidade da madeira a instalar rexerase pola norma EN35072, que marca as condicións de durabilidade e impregnabilidade da mesma, e que inclúe un tratamento en autoclave para exteriores en profundidade para clase de uso 4, de acordo coa norma UNE-EN 335-2.