O Alcalde presenta en Santiago a nova Guía Turística da Xudería de Monforte

Monforte de Lemos, 1 de xullo de 2021. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou na mañá de hoxe en Santiago de Compostela a nova guía turística “Rutas por las Juderías de España. Caminos de Sefarad. Monforte de Lemos”, na que se resaltan non so todos os aspectos relacionados coa xudería monfortina, senón tamén a oferta turística e patrimonial da Capital da Ribeira Sacra.

A presentación tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, e serveu para presentar as guías dos tres concellos galegos que forman parte da Red de Juderías de España, polo que ademais da guía de Monforte tamén foron dadas a coñecer as guías de Tui e Ribadavia.

Neste senso, o Alcalde salientou na súa intervención que “a publicación e a difusión destas guías sobre as xuderías galegas de Monforte de Lemos, de Ribadavia e de Tui que hoxe presentamos, vai supoñer un salto cualitativo moi importante á hora de dar a coñecer o rico patrimonio xudeu que atesoura Galicia”.

O rexedor monfortino estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde,  Gloria Prada, a Alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, así como a xerente da Red de Juderías, Marta Puig.

As guías, unha ferramenta esencial para a promoción turística da Galicia xudía

Tomé Roca resaltou a importancia da guía presentada hoxe pois supón a posta en valor do patrimonio xudeu de Monforte, “patrimonio no que levamos xa bastante tempo traballando conxuntamente para promocionar no seo da Rede de Juderías de España, porque está entre os máis importantes do seu xénero en toda Europa e no Mundo”.

A presentación das 3 guías das xuderías galegas supón a culminación dunha etapa de anos de traballo, e do mesmo xeito, son un punto de partida para desenvolver novos obxectivos nos ámbitos do turismo e da cultura.

“Tomadas en conxunto, as tres guías trazan un panorama completo da presencia xudía en Galicia, permiten facer comparacións entre as tres localidades e, dende logo, invitan ó turista a visitar aquelas que aínda non coñeza”, salientou o Alcalde.

Neste senso, o rexedor monfortino resaltou o traballo desenvolto, dende dende hai máis de dúas décadas, pola recuperación do pasado hebreo, mediante un traballo coordinado no seo da Red de Juderías de España, entidade na que tamén figuran cidades como Barcelona, Córdoba ou Toledo.

As xuderías galegas conforman un circuíto turístico de enorme interese en si mesmo, para todos aqueles que se plantexen visitar Galicia, a nivel nacional e internacional. “As xuderías do noso país son un elemento clave á hora de dar a coñecer o rico mosaico cultural que forxou a nosa identidade dende a Antigüidade ata os comezos da Idade Moderna”.

O Alcalde de Monforte quixo tamén reforzar “a aposta por un turismo seguro, por un turismo sostible e de calidade, por un turismo non masificado, que permita ós visitantes deseñar con comodidade as súas rutas e vivir unha experiencia personalizada, unha experiencia única”. E neste senso, Monforte e a Ribeira Sacra constitúense como lugares idóneos para levar a cabo este tipo de turismo. A publicación desta guía sobre a xudería monfortina supón unha ferramenta que axuda a reforzar e potenciar este modelo de turismo.

Na súa intervención o Alcalde fixo mención ó tráxico pasado do pobo xudeu e puxo en valor a súa pegada na sociedade dos nosos días: “Poñer en valor a herdanza e o patrimonio xudeu con guías como as que hoxe presentamos, non é soamente un acto de xustiza cos nosos antepasados ou coas actuais comunidades sefardís espalladas polo Mundo. Poñer en valor o patrimonio xudeu é, tamén, unha ferramenta para entender, un pouco mellor, como chegamos a ser o que somos hoxe, para non repetir como sociedade os terribles erros do pasado, e, polo tanto, unha ferramenta de progreso social e de progreso económico asentado en valores de paz e de convivencia”.

Tras as intervencións institucionais, a autora das 3 guías, Alejandra Abulafia, deu a coñecer os pormenores da súa elaboración. O acto rematou coa degustación dun viño Kosher español.

 

A nova Guía Turística da Xudería de Monforte pódese descargar en:

GUÍA TURÍSTICA.pdf