O Concello adxudica a renovación de todo o alumeado de Monforte, da zona urbana e da rural

Monforte de Lemos, 2 de xullo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a adxudicación dos proxectos de renovación da iluminación pública  de todo o Concello, tanto na zona urbana como en todas as parroquias da zona rural.

Este proxecto, gracias ó cal Monforte será o primeiro concello en renovar todo o seu alumeado público con tecnoloxía Led, conta cunha inversión de 3.216.160,65 euros (IVE incluído).

As obras correspondentes tanto ás actuacións na zona rural como na urbana de Monforte, foron adxudicadas á UTE Construcciones y Montajes Eléctricos Santos Héctor, S.L.,-SETGA, S.L.U. Na zona rural,  o importe de adxudicación foi de 1.694.000 €, ive engadido, e na zona urbana foi de 1.452.000 €, ive engadido.

Estes dous proxectos supoñen sen dúbida a maior inversión de alumeado público que se fixo nunca no Concello de Monforte”, resalta o Alcalde.

O prazo de execución, tanto na zona urbana como na rural, é de 12 meses dende a sinatura da acta de comprobación de replanteo. Unha vez asinados os correspondentes contratos entre o Alcalde e a UTE adxudicataria, nestes días está previsto o comezo das actuacións.

Desta forma, a través deste proxecto, serán colocadas 5.749 farolas novas de tecnoloxía Led e tamén serán renovados a totalidade dos cadros eléctricos, 195 unidades, que dan soporte ás luminarias de todo o Concello.


Foto arquivo: Setembro 2020, o Alcalde presenta o proxecto de renovación de todo alumeado público de Monforte

O rexedor municipal recorda que “grazas a este proxecto, Monforte será o primeiro concello en renovar totalmente todas as instalacións de alumeado público con tecnoloxía LED, en todas as rúas da cidade e en todas as parroquias.” Neste senso, Tomé Roca tamén salientou que “esta é a primeira vez na historia do Concello que a inversión nas parroquias é máis grande que na zona urbana, o cal demostra o compromiso deste Equipo de Goberno pola zona rural da nosa cidade, para que os veciños que viven nas parroquias teñan os mesmos servizos que os veciños que viven na zona urbana”.

Para poder realizar esta inversión, o Equipo de Goberno do Concello xestionou unha axuda co Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, o Ministerio aportará o 80% do custe total deste importante proxecto de renovación  e o 20% restante, será aportado polo Concello.

O Alcalde agradeceu o apoio amosado polo Ministerio para la Transición Ecológica neste importante proxecto e salientou que “Monforte rematará este mandato sendo o Concello mellor iluminado”.

Aforro enerxético e amortización da inversión

A actual potencia que ten contratada o Concello de Monforte cos diferentes subministradores de enerxía é de 811,47 kW/hora, e cando estea rematada a totalidade da nova iluminación pública, será de 252,94 kW/h, o que suporá unha redución de 558,53 kW/h.

En termos de consumo, no cómputo anual en iluminación pública, o Concello pasará de consumir 3.489.334 kW/ano a consumir 715.817 kW/ano, o que supón unha baixada de 2.773.517 kW/ano.

Actualmente, o custe do alumeado público do concello é de 383.826,74 euros/ano, e co novo alumeado o custe baixará ata os 100.214,38 euros, supoñendo un aforro de 283.612,36 euros/ano.

Co aforro en custes que se vai producir cada ano, a inversión que aporta o Concello para este proxecto amortizarase en 2,5 anos, dado que o aforro anual chegará case os 284.000 euros.

“Con esta actuación”, subliña o Alcalde, contribuímos a fomentar para o Concello unha economía baixa en carbono, coincidindo coa tendencia que marca a Unión Europea e España, axudando así a potenciar un desenvolvemento ecolóxico da nosa cidade”.