O Alcalde participa nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional

Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2021. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou na mañá de hoxe nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos  Anxos Custodios.

Nos actos litúrxicos e institucionais, o Alcalde participou xunto á  Inspectora Xefa-Xefa da Comisaría de Policía, Mª Mónica Gutiérrez González, a Xuíza Decana dos Xulgados de Instrucción de Monforte, Mónica Ferreiro Quintás, os cales presidiron ditos actos.

Ademais, tamén asistiron o fiscal dos Xuzgados de Monforte, o Capitán da Garda Civil, o Xefe do Destacamento de Tráfico, o Xefe da Policía Local, o Xefe de bombeiros, a Xerente do Hospital Comarcal, o ex-Xefe da Comisaría de Monforte, así como inspectores, subinspectores, funcionarios de xestión, e inspectores xefe xubilados. Polo Concello monfortino tamén acudiron a Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

Os actos con motivo do Día da Policía Nacional deron comezo ás 12.00 horas, coa celebración litúrxica da festividade dos Santos Anxos Custodios na igrexa da Régoa, na que o Alcalde e a Inspectora Xefa da Comisaría de Monforte fixeron unha ofrenda ós caídos mediante a colocación dunha coroa de loureiro ó Santo Anxo.

Acto institucional na Casa da Cultura

A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acolleu o acto institucional, no que foron impostas condecoracións a diversos funcionarios e entregáronse diplomas de recoñecemento e de colaboración institucional a diversos organismos.

A mesa presidencial estivo composta polo Alcalde de Monforte, a  Inspectora Xefa-Xefa da Comisaría de Policía e a Xuíza Decana dos Xulgados de Instrucción de Monforte.

En concreto, impúxose a Cruz do Mérito Policial con Distintivo Blanco ós Policías Manuel Rivera Pérez, Francisco Javier Iglesias Cid, Pablo Morales Díaz e Luis Álvarez Álvarez.

A continuación, tivo lugar o acto de recoñecemento doutras administracións e da colaboración institucional, mediante a entrega de diplomas.

O Alcalde entregou o diploma ó Hospital Comarcal de Monforte, que foi recollido pola súa Xerente, Inmaculada Ramos, “pola encomiable labor de todos os sanitarios con ocasión da crise sanitaria e o apoio incondicional demostrado por este Hospital”.

A Policía Local de Monforte, representada polo seu xefe Miguel Martínez, tamé veu recoñecida a súa labor “pola exemplaridade e profesionalidade demostradas, así como pola súa gran vontade de cooperación e coordinación, coas actividades operativas da Comisaría Nacional de Policía en Monforte”.

Finalmente, os Servizos Sociais do Concello de Monforte tamén foron homenaxeados, pola súa contribución á seguridade e colaboración na protección dos máis vulnerables, especialmente daqueles menores en situación de risco. O diploma foi recollido pola psicóloga deste departamento, Belén López Somoza.

 

O Alcalde pechou o acto cunha intervención na que destacou “a inestimable labor deste corpo de Policía no día a día da nosa cidade, que sen dúbida, é unha labor decisiva para garantir a seguridade e a boa convivencia da nosa sociedade”.

Neste senso, incidiu o Alcalde, “a cooperación existente entre os axentes e mandos da Policía Nacional e da Policía Municipal de Monforte, quero salientar que é unha cooperación estreita, solidaria e moi eficaz, polo que quero reiterar o noso agradecemento dende o Concello por este bo facer, e desexar que esta colaboración siga sendo exemplar”.

Tomé Roca tamén recoñeceu “a exemplar labor desenvolta polo Corpo Nacional de Policía de Monforte dende o inicio da pandemia da Covid-19, igual que a Policía Municipal, unha labor que ás veces non se valora o suficiente, pero que foi e é esencial para que a nosa sociedade poida seguir adiante, sentíndose segura e protexida”.

O mandatario monfortino concluíu desexando que as condicións na prestación do servizo sexan as mellores posibles, e recordou que “fixen todo o posible para que Monforte teña unha Comisaría que se merece, o edificio xa está cedido, agora depende da Dirección Xeral da Policía Nacional a realización das obras necesarias para facer realidade o desexo de todos”.