Monforte acolle este venres a preestrea de Live is Life

Monforte de Lemos, 11 de novembro 2021. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participará este venres, xunto a diversos membros da corporación municipal e da institución provincial na preestrea da nova película do director monfortino Dani de la Torre, Live is Life. A Deputación Provincial colaborou coa rodaxe e produción da longametraxe cunha achega de 100.000€ dentro do seu compromiso de apoiar esta industria cultural e, ao mesmo tempo, promocionar o territorio e incentivar o turismo de calidade e sostible.

Os Cines Hollywood, de Monforte de Lemos, acollerán ás 20.00h a presentación en primicia do filme, que se estreará en 2022 nas salas nacionais. Na sesión participarán De la Torre xunto a parte do equipo artístico, como David Rodríguez e Javi Casellas, e técnico, ademais do produtor Toni Novella.

Tomé Roca destaca que “esta colaboración está enmarcada no compromiso do organismo provincial por promocionar e potenciar o noso territorio, a través dun proxecto que converte á provincia nun plató de rodaxe, sendo unha oportunidade para a proxección nacional e internacional da riqueza patrimonial e paisaxística coa que contamos”.

O mandatario municipal salientou o protagonismo da Ribeira Sacra en Live is Life: “trátase dun escaparate excepcional da provincia que atraerá a novos visitantes, impulsando o turismo lucense e os sector hostaleiro”.

Live is Life

Live is Life, dirixida por Dani de la Torre e baseada nunha historia orixinal de Albert Espinosa, traslada ao espectador á noite de San Xoán a mediados dos anos 80 para narrar a historia dun grupo de cinco nenos nun pequeno pobo de Galicia. O director é xa un recoñecido cineasta e un dos embaixadores de Monforte, da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo.


Visita do Alcalde á rodaxe da película Live is life