Monforte de Lemos, 23 de novembro de 2021. O Concello de Monforte, a través da Concellería de Cultura ven de convocar un Concurso de Beléns no que poderán participar os centros educativos de Monforte, podendo presentarse so un belén por centro.
As solicitudes de inscrición para a participación no certame poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte, sendo o derradeiro día o 15 de decembro ás 14:00 h. Todas aquelas solicitudes presentadas fóra deste prazo serán desestimadas calquera que sexa a causa do seu atraso.
O xurado cualificador do concurso visitará os centros participantes o 16 de decembro e a súa decisión será inapelable e para elo valorará a orixinalidade, o traballo e a presentación artística. Os premios faranse públicos o 16 de decembro nos medios de comunicación.
O xurado estará composto por:
- Presidente: A Delegada de Cultura ou persoa á que designe.
- Vocais: Persoas relacionadas coa cultura local.
- Secretario: O técnico de Cultura do Concello de Monforte, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso.
O xurado terá liberdade de criterio para establecer as súas cualificacións, sendo os criterios a valorar os seguintes: a montaxe, a elaboración, os materiais utilizados, a orixinalidade o interese etnográfico e calidade do belén.
Premios
Haberá un primeiro, un segundo, un terceiro premio e un accésit. Se o xurado o considera oportuno poderá conceder dous primeiros, dous segundos, dous terceiros premios ou tres accésits, sempre que a suma total dos premios concedidos no concurso non supere os 510 €.
Os premios serán indivisíbeis e poderá quedar deserto algún deles, segundo a decisión do xurado do concurso.
Así, o 1º premio estará dotado con 100 euros, o 2º premio con 80 euros, o 3º premio con 50 euros e o accésit con 30 euros.