11 de xuño de 2018. A Xunta de Goberno local do Concello de Monforte vén de adxudicar o servizo de paseos en barca polo río Cabe ó Club de Montaña e Piragüismo Quixós, que se encargará da xestión desta actividade, do mantemento das barcas así como dos cobros e atención ós pasaxeiros.
As embarcacións estarán a disposición dos veciños e visitantes a partir do venres, 15 de xuño.
O punto de inicio dos percorridos será o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo custará 3,25 euros como en anos anteriores. Por razóns de seguridade, só se permiten seis persoas como máximo en cada barca.
Estas pequenas travesías en barca poderán facerse de luns a venres entre as 18 horas ata as 22 horas e as fins de semana e os festivos, tamén en horario de mañá desde as 11 e ata as 14 horas do mediodía e pola tarde de 18 a 22 horas. O espectáculo das barcas engalanadas será o 16 de agosto a partir das 23 horas.
Para o Alcalde estas travesías, que veñen sendo unha tradición dende hai anos, “permiten gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río. Pese a que Monforte se construíu de costas a el, os veciños sempre tiveron a tradición de usalo para labores cotiás, como lavar a roupa, especialmente na zona do Malecón, onde había lavadoiros colectivos”. Para José Tomé Roca os paseos en barca permiten ter outra dimensión do río; máis alá de velo só desde fóra e engadiu que “é un percorrido fermoso, cómodo e sen correntes, moi axeitado para realizar nesta época do ano”.