Monforte conmemora o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2021. O Concello de Monforte de Lemos conmemorou hoxe o 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, dentro da campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias”, organizada pola Concellería de Muller e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Ás 12 do mediodía, a praza do Concello encheuse de cidadáns, que acompañaron a gran parte da corporación municipal, en concreto a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, as Concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Consumo, Regina López, e os Concelleiros de Obras, José Luís Losada, Deportes, José Manuel Mougán, o voceiro do BNG, Emilio Sánchez, así como a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

En primeiro lugar, procedeuse á lectura dun manifesto contra a violencia de xénero a  cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

Tras a intervención da concelleira, a escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero deu leitura a un emotivo poema.

O acto na Praza do Concello concluíu coa celebración dun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia machista.

 

 

Texto do Manifesto

Con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, penso que hai que comezar polos datos terribles que nos da a "Macroencuesta de violencia contra la mujer'' na que se di que un 34,2% das españolas recoñecían ter sido vítimas do machismo en algún dos seus xeitos.

Non quero esquecerme das mulleres das zonas rurais, no que o sufrimento adoita ser maior polo illamento das vítimas.

A día de hoxe son xa 37 as mulleres asasinadas por este tipo de violencia no que vai de ano 2021 e mais de 1100 dende o 2003. Compre pararse a pensar que estes no son só números, son nomes, rostros, ilusións perdidas e vidas truncadas.

E o que ten a culpa de todo isto e o machismo criminal agochado na nosa inxusta sociedade, que non respectan nin recoñecen á inmensa maioría desa sociedade que esta formada por mulleres.

Hoxe, e un feito que os que negan a existencia desde tipo de violencia está medrando en todo o mundo, tamén en España. Escóitanse voces dos que queren limitar os dereitos das persoas asañándose moito mais en contra das mulleres.

Cómpre unidade e firmeza contra os que negan esta realidade, e rematar con este sufrimento é cousa de toda a sociedade, sendo fundamental que se impliquen todos os poderes do Estado e das Administracións a mais de todas as ferramentas  con que conta un pais democrático  como é España.

Hai que loitar para que ningún interese partidista estea por riba do recoñecemento deste modo de violencia.

Sabemos que existe no mundo o peor tipo de violencia que o sofren as mulleres e as nenas, só por ter nacidas co sexo feminino: violencia sexual, matrimonio a forza, mutilación, xenital, prostitución son somentes algunhas das caras da mesma moeda.

As violencias son todas rexeitables e compre loitar contra todas en cada un dos frontes onde haxa que dar a batalla, pelexando sempre pola igualdade e o feminismo.

Sabemos que non é doado, mais por iso non debemos deixar de intentalo, tódolos dias, a todas horas, e dende todos os lugares onde sexa preciso.

TEMOS QUE GAÑAR ESTA LOITA!!!!!!!

Moitas grazas.

 

Poema de Margarita Rodríguez Otero

BAGOAS DUN NENO

 

O neno miraba pala fiestra

e choraba, non entendía

que fora estivera todo coma sempre,

que as margaridas floreceran

entre a herba,

que o vento arrolara

as palas dos arbores

producindo unha leve musica.

Só cambiara todo dentro

non entendía, desexaba ser invisible

só choraba,

as súas bagoas esvaraban

polo vidro, como se el tamén

tivera medo.

A nai non choraba, so laiaba,

deixa, deixa, xa chega,

mentres o sangue

esvaraba polo seu rostro,

o neno seguía sen entender

e tiña medo.

Cando a casa retumbou

o pechar a porta

a  nai dixo mentres o acariñaba,

esquece, esquece,

non pasou nada

este home quéreme

está bébedo, foi unha tolada.

Fora as margaridas seguían

florecendo entre a herba,

mais o neno sabía que xamais

ía esquecer a tolada daquel home

ó que tiña que chamar pai.

 

Margarita R. Otero .  25 - 11 - 2021