Monforte de Lemos, 9 de decembro de 2021. O Concello de Monforte segue a programar obras de teatro para este segundo semestre do ano. Deste xeito, o salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o domingo 12 de decembro ás 18:00 horas e dentro do “Ciclo Táboas cheas de emoción” do Circuíto de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo-Cultura Vicepresidencia, unha representación teatral para público infantil familiar con entrada libre e gratuíta, a cago da compañía Alentía Teatro coa obra A escada dos contos.
A entrada é gratuíta, a capacidade do salón de actos a determinará a normativa sanitaria que estea operativa no momento da realización do espectáculo.
A entrega de entradas farase dende unha hora antes da actuación, ás 17:00 h, e a entrada ó salón de actos realizarase ás 17:45 h.
Sinopse
A escada dos contos é un compendio de historias que aborda con tenrura e humor problemas tan importantes como a igualdade de oportunidades entre os xéneros, o acoso escolar, a cultura da paz, o recoñecemento á sabedoría e á experiencia das persoas maiores, o valor instrumental da educación como ferramenta imprescindible no crecemento do ser humano...
Trátase dun espectáculo que reflexiona, en clave de humor, sobre a importancia de cultivar a autoestima, a mellor ferramenta para sortear obstáculos na vida.
A seguinte e última obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte para estes últimos meses do ano, será Saga de Flin Havardr da compañía Trécola Monicreques, dirixida a público infantil e familiar, que terá lugar o martes 28 de decembro no Edificio Multiusos ás 18:00 horas. A obra forma parte do Circuíto de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación de Lugo.