Monforte de Lemos, 10 de decembro de 2021. A praza do Campo de San Antonio de Monforte acolle estes días a exposición itinerante “Courel Territorio Literario”, organizada pola Fundación Uxío Novoneyra e que conta coa colaboración do Concello de Monforte.
A exposición está conformada por catro puntos expositivos, conformados cada un deles por 4 paneis que recollen os aspectos máis destacados de 4 escritores que gardan unha estreita relación co Courel.
Deste xeito o narrador Ánxel Fole, e os poetas Uxío Novoneyra, María Mariño e Carlos Oroza son as catro figuras creativas protagonistas desta exposición.
Cada un dos puntos expositivos está adicado a un destes escritores e os paneis recollen os datos máis destacados da súa biografía, a cronoloxía das publicacións das súas obras máis salientables, así como textos e fotografías de cada un dos autores. A exposición está descrita en 3 idiomas, galego, español e inglés.
A exposición pode ser visitada por público de todas as idades, e está especialmente dirixida a alumnos e profesores dos diferentes centros educativos de Monforte e da comarca de Lemos.