Monforte de Lemos, 13 de xaneiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar do avance nos traballos de mellora levados a cabo polo Concello na pasarela peonil metálica situada entre o Parque dos Condes e a Gardería municipal, actuación que deron comezo hai uns días pero que se están a desenvolver cando a climatoloxía o vai permitindo.
O municipio conta con diversos paseos peonís nas beiras do Río Cabe, os cales son moi utilizados polos veciños da cidade. Un destes paseos peonís urbano conta cunha pasarela que ten como finalidade unir o Parque dos Condes coa Gardería Municipal.
“Debido a que esta pasarela é moi transitada, dende o Concello consideramos que era preciso levar a cabo nela tarefas de revisión da súa seguridade e de conservación, motivo polo cal decidimos acometer esta actuación da que estamos informando”, sinalou o rexedor municipal.
Para elo, o Concello adxudicou estes traballos de limpeza e pintado da pasarela á empresa Pinturas Lemos SC por un importe de 8.760,40 euros, IVE engadido, e abarcan un total de 200 m2 de superficie metálica.
Descrición das actuacións
A actuación consiste na revisión de todos os elementos metálicos que conforman a pasarela co obxecto de comprobar que ningún deles sufra unha perda de sección debido á corrosión, que os seus ancoraxes se atopen en perfecto estado e que a seguridade da estrutura non estea afectada. Neste senso, de ser necesario renovarase a protección dos elementos metálicos fronte á corrosión, á vez que se leva a cabo o mantemento e renovación do aspecto estético da pasarela, a través do pintado da mesma.
Para elo, xa se procedeu a preparación da superficie metálica, para a súa protección e pintado, a través dun lavado e cepillado, co fin de eliminar a sucidade, o verdín, o óxido, a calamina e a pintura vella, para garantir a apropiada adherencia das proteccións e do pintado a aplicar.
O tratamento consiste pois no lavado e cepillado con cepillo de arame e piqueta de todos os elementos metálicos, na posterior aplicación de imprimación epoxi especial anticorrosiva para ambiente húmido exterior, e aplicación de dúas capas de acabado con pintura e poliuretano alifático de gran resistencia á intemperie.
Actualmente os traballos atópanse nesta última fase de pintado, e agárdase que se a climatoloxía o permite, rematen nestes días.