Monforte de Lemos, 21 de xaneiro de 2022. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres en Madrid na Feira Internacional de Turismo (FITUR) nos actos de presentación das propostas turísticas presentadas polo Consorcio da Ribeira Sacra.
O mandatario monfortino valorou a estreita colaboración que existe entre todas as administracións e entidades para impulsar estes destinos e para dar a coñecer a súa potencialidade. Subliñou neste sentido o máximo compromiso, dende a Deputación de Lugo, a cooperar economicamente coa Ribeira Sacra para sacar adiante o Plan de Sustentabilidade Turística que lles concedeu o Goberno de España, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
“Eu sempre digo que a Ribeira Sacra é un trozo de paraíso no interior de Galicia, e a súa declaración como Reserva da Biosfera é un dos feitos que o confirma”. Subliñou José Tomé que esta distinción da UNESCO “foi unha gran noticia para a comarca e para a provincia, porque supón un novo recoñecemento internacional da riqueza medioambiental coa que contamos na provincia, que ten máis do 80% do seu territorio incluído nunha Reserva da Biosfera”.
Ademais, lembrou un fito importante para a Ribeira Sacra que fixo no 2021 coa publicación da guía sobre o románico deste territorio. “Unha peza máis na nosa estratexia para potencial o románico como recurso turístico despois de conseguir incluír Lugo na Ruta Transrománica do Consello de Europa”.
Unha promoción transversal
O Presidente aproveitou a súa estadía en Fitur para abordar coa Ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, e co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, as propostas turísticas da provincia.
O mandatario provincial e municipal visitou tamén o espazo dedicado á provincia de Lugo no stand de Galicia, onde os 67 concellos teñen a oportunidade de entregar material promocional dos seus destinos, actividades e accións turísticas a profesionais e persoas físicas chegadas de todas as partes do mundo.
Neste senso, o concello de Monforte de Lemos acudiu con diverso material promocional, destacando a entrega da súa Guía Turística.