O Concello convoca o VIII Concurso de axudas para a confección de traxes medievais da XVIII Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 7 de febreiro de 2022. O Concello de Monforte de Lemos ven de convocar o VIII Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievaisactividade que se realizará dentro do programa de actos da XVIII Feira Medieval de Monforte do ano 2022. O concurso desenvolverase dende mañá día 8 ó 22 de febreiro de 2022.

O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que, logo de abrir a semana pasada o prazo para que se poidan inscribir os postos de alimentación, artesanía e comercio, “con esta nova convocatoria queremos animar ós monfortinos e monfortinas a que participen activamente na Feira Medieval, como fixeron sempre, coa confección dos seus traxes medievais, para o cal poderán participar no concurso de axudas, que convocamos a través das radios locais, dende mañá martes día 8 e ata o 22 de febreiro”.

Polo tanto, o obxectivo deste concurso é aumentar a participación da veciñanza nos diferentes actos da XVIII Feira Medieval que terá lugar os días 16 e 17 de abril de 2022.

Concurso radiofónico

Os veciños e as veciñas interesados en participar neste concurso de axudas para a confección de traxes medievais deberán chamar entre o día 8 ó 22 de febreiro de 2022 ás emisoras Radio Principal Monforte Cadena Ser e Onda Cero Monforte, durante o espazo destinado á súa programación local de luns a venres e contestar a unha pregunta formulada pola locutora referida a Monforte.

O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos.

Instrucións a seguir polos ganadores do concurso

As radios colaboradoras emitirán unha lista o 24 de febreiro das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto, estas persoas deberán pasar polo Concello, entre 25 de febreiro e o 2 de marzo, para realizar unha solicitude formal no Rexistro municipal, para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 40 euros por persoa. Esta subvención deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da Feira Medieval os días 16 e 17 de abril de 2020.

Unha vez sexa emitido o informe polo Departamento de Cultura, no que se poña de manifesto que os solicitantes coincidan coas persoas que acertaron a pregunta no programa de radio e que non houberan participado en concursos anteriores (últimos 3 anos), comprobarase que ditos gañadores se atopen ó corrente de obrigas tributarias co Concello de Monforte, e ditarase unha resolución acordando conceder a condición de beneficiarios ós que cumpran os requisitos, unha vez verificado que non exista impedimento legal para recibir a subvención.

Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 16 e 17 de abril presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España.

Tras a celebración da Feira Medieval, os beneficiarios da subvención, entre o 18 e o 25 de abril, deberán presentar ó seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe, polo importe  concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto.

Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XVIII Feira Medieval, o concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas.

Os participantes neste concurso non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.

Establecementos colaboradores co concurso

As tendas colaboradoras co Concello de Monforte no Concurso de axudas para traxes medievais son:

  • Gnomos, rúa Manuel Hermida Balado, 10.
  • Nita Veiga, rúa Cardeal Rodrigo de Castro, 6; só adquisición de teas.
  • Texidos Phildar, rúa Doutor Casares, 12.
  • Retales Merce, rúa Doutor Teijeiro, 38.

Para calquera cuestión ou aclaración adicional poderán dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n,. Teléfono 982402501)

 

“Coa organización da Feira Medieval, na que xa estamos inmersos, seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, cumprindo así co noso compromiso de volver a recuperar a normalidade fronte a covid-19, sempre que sexa posible segundo evolucionen as circunstancias determinadas pola pandemia”, recordou o rexedor monfortino.

Cabe recordar que por mor da pandemia non se puido celebrar nin en 2020 nin en 2021 o que é un dos eventos máis destacados e que máis xente atrae a Monforte. “A Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.

 Anexo I Participación confección de traxes medievais

 Anexo II Presentación factura xustificativa

 Bases

 Impreso de datos bancarios