O Concello gánalle unha nova sentencia a Gas Monforte SL sobre os terreos para a construción do futuro Parque do Barrio do Hospital

Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa dunha nova sentenza favorable ó Concello monfortino, en relación cos terreos propiedade de Gas Monforte SL, en relación co futuro parque do Barrio do Hospital.

En concreto, trátase da sentencia ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo en relación co recurso interposto pola empresa Gas Monforte S.L. contra a declaración de utilidade pública e interese social da parcela propiedade desta empresa, situada na Rolda María Emilia Casas Baamonde, así como contra a declaración de necesidade de ocupación e expropiación forzosa, co fin de destinala á construción do novo parque público do Barrio do Hospital de Monforte de Lemos.

No seu fallo, a través da sentenza número 00050/2022 do 28 de febreiro de 2022, sobre o procedemento ordinario 414/2019, o xulgado lucense desestima o recurso contencioso administrativo interposto pola empresa Gas Monforte SL contra o Concello de Monforte, co que recoñece a utilidade pública e interese social desta parcela, así como recoñece a necesidade de expropiación forzosa e de ocupación.

Neste senso, o Alcalde amosou a súa satisfacción “por esta nova resolución favorable ó Concello, neste caso ditada polo Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo, que vai ó fondo da cuestión, pois nos outorga a razón no que é a declaración de utilidade pública e interese social dos terreos do futuro Parque do Barrio do Hospital. Esta nova sentencia favorable nos permitirá seguir adiante co proceso construtivo do futuro Parque do Hospital, que suporá unha mellora moi significativa para este barrio da cidade, xa que o dotaremos de novos espazos destinados ó lecer e esparcemento, así como dunha zona con 60 prazas de aparcamento”.

Do mesmo xeito, o Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo tamén alude na súa sentencia “á declaración de urxente ocupación, a efectos expropiatorios”, desta parcela, que fora emitida polo Consello da Xunta e publicada no DOG do 17 de decembro de 2020, mediante o Decreto 218/2020. E tamén recolle a sentencia da Sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, no procedemento ordinario 7001/2021, encontraba xustificada a “necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado debido a que na zona obxecto da intervención a carencia de prazas de aparcadoiro representa un problema de tal magnitude que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e que ó ocuparse zonas non destinadas ó aparcadoiro se podería dificultar notablemente a circulación dos vehículos de urxencias, como ambulancias e camións de bombeiros”.

Deste xeito, o Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo dálle á razón ó Concello nos diferentes acordos de Pleno adoptados en relación coa parcela propiedade de Gas Monforte SL, súmase ás determinacións adoptadas tanto pola Xunta de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en relación a declaración de urxente ocupación e de utilidade pública e interese social de dita parcela. A sentencia supón que a empresa Gas Monforte SL e o Concello deberán asumir as costas causadas á súa instancia, e as comúns pola metade.


Visita do Alcalde ós terreos do futuro Parque do Barrio do Hospital

Antecedentes

O 30 de setembro de 2019 o Alcalde de Monforte deu a coñecer un proxecto para a construción dun novo Parque público no Barrio do Hospital. Ese mesmo día, iniciouse o procedemento para alcanzar estes obxectivos de construción do novo parque, xa que o Pleno da Corporación municipal aprobou a declaración de interese social da parcela onde se ideou construír o novo parque.

Posteriormente, no Pleno celebrado o 24 de febreiro de 2020, acordou solicitar á Deputación Provincial de Lugo a tramitación perante a Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa deste proxecto do Parque do Barrio do Hospital, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Neste senso, os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data 7 de agosto de 2020, tivo entrada no rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude da Deputación Provincial de Lugo por delegación do Concello de Monforte de Lemos e parte do expediente, e con data do 13 de outubro, a Deputación de Lugo presentou documentación complementaria,  contendo o expediente a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Este expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia. O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Deste xeito, considerouse necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, debido a que na zona obxecto da intervención a carencia de prazas de aparcadoiro representa un problema de tal magnitude que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e que ó ocuparse zonas non destinadas ó aparcadoiro se podería dificultar notablemente a circulación dos vehículos de urxencias, como ambulancias e camións de bombeiros.

Así, a citada carencia de prazas de aparcadoiro representa un grave problema que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e crea, ademais, posibles dificultades para o acceso de vehículos de urxencias (ambulancias e bombeiros) e constitúe una circunstancia de gran excepcionalidade para esa parte da cidade.

Celebrada a reunión do Consello da Xunta de Galicia o 3 de decembro de 2020, nela acordouse autorizar a expropiación dos citados terreos. Así, a disposición publicada o 17 de decembro de 2020 no DOG indicaba que “de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital, no término municipal de Monforte de Lemos (Lugo), e deben, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obterse as autorizacións necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras”.

Deste xeito, dende o Concello de Monforte, unha vez declarada a urxente ocupación, comezou a traballar levar a cabo a expropiación forzosa dos terreos onde se ubicará este novo parque.

Finalmente, unha vez adquiridos os terreos correspondentes, o pasado 21 de abril de 2021, o Alcalde de Monforte, asinou a Acta de Ocupación Definitiva dos terreos que serán destinados á construción do futuro Parque do Hospital.

 

Carácter integral do novo parque público do Hospital

O novo parque público do Barrio do Hospital ideado polo Equipo de Goberno monfortino terá un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando co aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

A superficie da parcela que albergará este parque será de aproximadamente 6.212 metros cadrados, unha extensión moi importante e que ven dar un servizo público do que carece esa zona da cidade.

 

O Barrio do Hospital

O Barrio do Hospital atópase situado ó noroeste do centro urbano de Monforte de Lemos entre as zonas do seu casco histórico coñecidas como Abeledos e Ramberde e a Rolda María Emilia Casas Baamonde (tramo urbano da LU-644 situado ao leste da LU-617), barrio xurdido a finais do século pasado, a raíz da construción no lugar do Hospital Comarcal de Monforte e á apertura da referida Rolda María Emilia Casas, vial que veu comunicar as partes este e oeste da zona norte da cidade, divididas pola canle do Río Cabe.

Todo isto derivou que nas últimas décadas, esta parte norte da cidade e en especial o Barrio do Hospital, sexa a zona da cidade que experimentou un maior desenvolvemento, cun notable aumento de poboación e o establecemento de novos comercios de toda índole, como por exemplo o supermercado “Mercadona” de grandes dimensións existente na contorna próxima do Hospital Comarcal que acaba recentemente de ser ampliado.

A confluencia destes servizos no Barrio do Hospital fai que o número de persoas que se achegan ao mesmo sexa moi elevado, en especial, nas franxas horarias de maior afluencia ó Hospital Comarcal, así coma ó novo supermercado. Hai que ter en conta que o Hospital Comarcal constitúe, si non o que máis, si un dos lugares que congrega un maior número de persoas da zona sur da provincia, dado o número de traballadores que emprega e os usuarios diarios que atende.

Así mesmo, a apertura no ano 2015 do último tramo, con chegada á cidade de Monforte de Lemos, da estrada CG2.2 (Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte), a cal na súa parte final circunvala o norte do núcleo urbano de Monforte de Lemos e cuxos accesos a leste, conflúen na contorna do Barrio do Hospital, provocou que o número de vehículos que circulan por estas viuse acrecentado de forma exponencial, sendo estes agora mesmo os máis utilizados polos usuarios que se achegan á cidade desde o norte da provincia.

O gran desenvolvemento acadado polo barrio, fai necesaria a dotación de novos espazos públicos destinados a cubrir as necesidades da poboación desta zona, formada en gran parte por xente nova con nenos. Deste xeito, o Equipo de Goberno monfortino leva a cabo, con este proxecto, a creación de novos espazos destinados ó lecer e esparcemento para este barrio, que actualmente conta cunha área de xogos infantís na esquina das rúas Abeledos e Irmáns Dapena e outra con elementos biosaudables na rúa Corredoira.

Por outra banda, a poboación visitante que acode ó Barrio do Hospital buscando os servizos que nela se congregan, procedentes tanto de Monforte de Lemos como de toda a comarca e que na súa gran maioría achéganse ao lugar en vehículos particulares, atópanse co problema da falta de estacionamento, a pesar do número de prazas de aparcamento que alberga o recinto do Hospital Comarcal, problema que levou a proxectar, por parte do Concello, unha nova zona de aparcamentos, que contará con aproximadamente 60 prazas.

O Concello de Monforte de Lemos atendendo a estas necesidade de dotar ó Barrio do Hospital de prazas de estacionamento de vehículos e espazos libres para o esparcemento da poboación (parques, xardíns e áreas de xogo), ante a inexistencia na zona de chan de titularidade municipal para a implantación de devanditos servizos, viuse na necesidade de buscar terreo para este fin, sendo idónea a adquisición da parcela de terreo libre situada entre a Rda. María Emilia Casas Baamonde, a rúa Corredoira e o recinto do Hospital Comarcal.

En dita parcela, o Concello acometerá a construción do novo Parque do Barrio do Hospital, que albergará unha nova área de xogos infantís, de máis de 1.000 m2 de superficie, grandes zonas axardinadas e sendas para o paseo que enlazará co xa existente en paralelo á Rda. María Emilia Casas Baamonde, proveniente desde o leste (zona da Estación de Autobuses, Instituto Río Cabe, Paseo do Malecón, Edificio Multiusos e instalacións do Club Fluvial). Ademais, crearase un número importante de novas prazas de estacionamento, estimado en 60 prazas.