O Concello destina 20.000 € en axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias de Monforte

Monforte de Lemos, 12 de marzo de 2022. O Concello de Monforte recupera neste ano 2022 as axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias. As bases das mesmas foron publicadas esta semana no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, polo que xa se poden presentar as solicitudes.

O Alcalde, José Tomé Roca, salientou que “recuperamos unha liña de axudas que non puidemos convocar nos dous últimos anos por mor da pandemia da Covid-19. Como nos exercicios anteriores, preténdemos apoiar e incentivar a realización de actividades culturais, mediante o outorgamento de subvencións, á promoción e organización de actividades culturais e artísticas vinculadas á cultura popular e tradicional entendendo por  cultura popular e tradicional en especial, as festas, as tradicións, os costumes, a música, os bailes e danzas, as representacións, o folclore, así como calquera outra manifestación de carácter popular e tradicional nos barrios e parroquias deste Concello”.

 

Deste xeito, esta convocatoria pública ten por obxecto apoiar ás iniciativas, actuacións e programas para a dinamización da vida cultural do Concello de Monforte, sendo actividades que complementen os programas dos servizos culturais municipais, dentro do seu marco de competencias e dirixidos á comunidade en xeral.

A contía destinada a estas subvencións para este ano 2022 é de 20.000 euros, un 15% máis que na última edición convocada (ano 2019, 17.500 euros).

O importe de cada subvención non poderá superar os 500 euros por anualidade no caso de festas parroquiais, e os 910 euros por anualidade no caso de barrios da cidade. En todo caso a achega será proporcional ao numero de solicitudes presentadas e aceptadas.

 

Obxectivos das axudas

En concreto estas subvencións teñen como obxectivo:

  • Fomentar e promover a organización de actividades, programas e eventos culturais na nosa cidade por parte de asociacións e colectivos culturais, completando a oferta cultural deseñada polo Concello.
  • Promover con especial atención ás iniciativas de asociacións na busca de novos procesos creativos.
  • Promover e apoiar o asociacionismo cultural na nosa cidade.
  • Apoio a realización de eventos culturais especialmente dirixidas á xuventude.
  • Estreitar a coordinación entre o Concello e os colectivos culturais monfortinos para aproveitar as sinerxías acadando unha maior calidade e eficiencia nas accións culturais.
  • Apoiar ás asociacións de veciños, organizadores de festas patronais e outros actos tradicionais de parroquias e barrios do municipio.

 

Requisitos

Poderán solicitar estas subvencións todas as parroquias e barrios do Concello de Monforte de Lemos que promovan festas populares, actuando como representantes os organizadores das mesmas e sempre que xustifiquen:

  1. Carácter tradicional dos actos para os que solicita a axuda.
  2. Non ser debedor do Concello por calquera tipo de débeda de dereito público.
  3. Non ser debedor coa facenda pública e coa Seguridade Social.
  4. Declaración responsable na que consten as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ao  Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.
  5. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario das subvencións previstas no art. 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

 

Solicitude e documentación a achegar

Co modelo de solicitude oficial, deberá achegarse a seguinte documentación:

  1. Fotocopia do CIF no caso de persoas xurídicas e do NIF no caso de persoas físicas. No caso de que se trate dunha agrupación de persoas ou comisión de festas deberán facer constar o nome de todos os membros e acompañarán o DNI de cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
  2. Memoria explicativa detallada do programa de actividades realizado ou que se pretende realizar, con especificación da data, lugar de realización, responsables do desenvolvemento da actividade, obxectivo e fins concretos a que se destinarán os fondos.
  3. Datos bancarios da conta á que se poderá transferir o importe da subvención, debidamente certificada pola entidade bancaria.
  4. Declaración responsable da entidade ou agrupación solicitante no que consten as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ó Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.
  5. Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario.
  6. Declaración responsable de non ser debedor á Facenda Estatal e Autonómica, nin á Seguridade Social.
  7. Calquera outro documento que  se considere de interese para a mellor avaliación da subvención.

A instancia coa restante documentación solicitando a subvención, poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello, así como por Sede Electrónica. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 31 de outubro de 2022.

 

BASES Axudas festas Barrios e Parroquias 2022