O Alcalde de Monforte anuncia o envío urxente de axuda económica e de materiais de primeira necesidade ó pobo de Ucraína, por importe de 28.000€

Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2022. O Alcalde, José Tomé Roca, anunciou este luns o envío urxente de axuda económica ó pobo ucraíno para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no leste de Europa.

“Ante a situación extraordinaria que está a vivir o pobo ucraniano pola brutal e inxustificada invasión do territorio de Ucrania por parte  do exército ruso, vulnerando a súa soberanía a Xunta de Goberno Local, estima que é conveniente manifestar o apoio ao pobo ucraniano e, á vez que se realizan actos de manifestación de repulsa contra dita invasión estima é preciso a implementación de actuacións concretas para paliar, na medida do posible, a extrema situación de necesidade, que están a vivir”, salientou o Alcalde.

O mandatario monfortino explicou que a institución levará a cabo de xeito inminente as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella Internacional.

Deste xeito, en acordo adoptado por unanimidade este luns en Xunta de Goberno, decidiuse que o Concello de Monforte aporte de maneira inmediata unha axuda económica directa e inmediata por importe de 10.000 €, así como a adquisición de material de primeira necesidade por importe de 18.000€, que se canalizarán a través da Cruz Vermella Internacional, entidade que xestiona, en coordinación co Goberno de España, as axudas humanitarias.

“Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o Alcalde.

Tomé Roca destaca a “absoluta implicación do Concello de Monforte co pobo ucraíno”, e remarca que a institución que dirixe adopta esta medida porque ante “esta tremenda catástrofe, tan  inxusta, temos que amosar a solidariedade dos veciños e veciñas da provincia co pobo ucraíno”. Salienta, ademais, que a coordinación con Cruz Vermella, como unha das entidades establecidas polo Goberno de España para canalizar as axudas, é a vía máis rápida e eficaz para que a nosa colaboración chegue aos ucraínos e ucraínas”.

 

Oferta de aloxamento para os refuxiados ucraínos

O Alcalde tamén indica que ”non dispoñendo o Concello de vivendas da súa propiedade para o acollemento a familias de refuxiados ucraínos, comunicar á cidadanía en xeral, que aquelas persoas que dispoñan de ditas vivendas e queiran colaborar co Concello, se dirixan ao correo electrónico alcaldia@concellodemonforte.com, concretando o máis detallado posible as características e servizos dos inmobles ofertados para que, a través do Concello, se remitan á Subdelegación do Goberno e desta forma realizar dita oferta de forma coordinada”.

Neste senso, nos correos que se remitan ó Concello deberase especificar moi ben o tipo de vivenda que ofertan, incluíndo todas as características da mesma, tales como número de habitacións, baños, servizos incluídos, electrodomésticos dispoñibles, conexións a internet, etc., así coma ubicación do mesmo.

Da mesma forma, a través de dito correo, os cidadáns que oferten as súas vivendas para este fin deberán identificarse correctamente e tamén deberán especificar claro si están dispostos a acoller familias ou se só ofrecen vivendas.

Do mesmo xeito, o Concello, en caso de ser necesario para o aloxamento de cidadáns ucraínos refuxiados en España, facilitaralles solucións habitacionais,  ben por medio de aluguer ou ben por aloxamento en instalacións hoteleiras, todo elo en función da evolución da situación existente.

 

Agradecemento á solidaridade dos monfortinos e monfortinas e forma de canalizar as axudas

O Alcalde tamén quere agradecer as numerosas mostras de apoio e os ofrecementos de moitos monfortinos e monfortinas en colaborar e axudar ós refuxiados ucraínos.

Pero, do mesmo xeito, tamén quere recordar que dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, así como dende diversas ONG’s e do Fondo Galego de Recuperación e Solidariedade, recordan que a mellor maneira de axudar á poboación ucraína de forma eficaz é seguir as recomendacións establecidas por aquelas, e que a continuación.

As recomendacións para canalizar o apoio ao pobo ucraíno, indicadas a través do Fondo Galego de Recuperación e Solidariedade, e remitidas ós Concellos, son:

  • Paralizar as doazóns de bens en especie, dado que se está a producir unha saturación tal que carrexa graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécese cales son os materiais que se necesitan en cada momento, xa que a situación de crise é cambiante. Por tanto, se algún concello ou deputación ten en marcha algunha campaña de recollida de alimentos e materiais de primeira necesidade a mellor opción será gardar todo o material para ser empregado unha vez cheguen as persoas refuxiadas a Galicia.
  • Priorizar as achegas económicas. O máis eficiente e eficaz é sempre facer unha achega económica ás ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan. Neste caso, ao tratarse de países europeos, hai garantías de que no mercado local poden conseguir todo o necesario, evitando gastos innecesarios de transporte coa consecuente pegada medioambiental.  Estas doazóns pódense realizar a través das seguintes entidades, entre outras:
  • Os concellos deberán rexistrar as vivendas dispoñibles para acoller poboación refuxiada a través do formulario habilitado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste senso, a prioridade son solucións habitacionais de titularidade pública, ou en todo caso vivendas privadas, e non espazos compartidos con familias galegas.
  • Descártanse as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados, lembrando que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.
  • Non facer envíos de materiais por conta propia. É unha irresponsabilidade trasladar o envío de materiais desde a nosa localidade ata a fronteira da zona en conflito. Sempre que se faga un envío de materiais de axuda humanitaria debe ser baixo o amparo dunha ONG especializada. Ademais, se non temos a unha entidade receptora no país de destino, a viaxe pode resultar completamente inútil. Recordade que o persoal dunha ONGD que traballa en contexto de conflito armado ten unha formación específica para operar fronte emerxencias humanitarias, non son simples persoas voluntarias motivadas polos acontecementos, senón que son profesionais con cualificación. A nosa boa vontade pode entorpecer o seu traballo. Non subestimemos a profesión das e dos cooperantes.
  • En ningún caso ir en busca de persoas para traer á nosa localidade. E moito menos se se trata de menores. Esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes e non podemos sortear todos os procedementos legais e burocráticos precisos para materialización da acollida, porque podemos estar poñendo en risco ás persoas refuxiadas. Recordade que se trata de persoas en situación de vulnerabilidade, polo que as entidades e autoridades responsables se encargarán de velar polos seus dereitos.

 

“Desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fannos un chamamento á calma e á orde, pois aínda que hai moita vontade por parte dos concellos galegos de colaborar co pobo ucraíno, precísase que sexa feito de xeito organizado e coordinado, escoitando as recomendacións das administracións públicas competentes e das ONG expertas, para non entorpecer a materialización da axuda” subliña o Alcalde.