O Alcalde inaugura a tempada de catamaráns pola Ribeira Sacra, para a que xa hai 5.100 reservas

Monforte de Lemos, 19 de marzo de 2022. O  Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este sábado no embarcadoiro de Ponte do Sil a tempada de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra da institución provincial, que arranca con máis de 5.100 reservas, das que preto de 250 son só para esta fin de semana.

Ó acto celebrado esta mañá asistiron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a primeira Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro monfortino de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; a Concelleira de Cultura, Deportes e Turismo da Teixeira, Marisol Borrajo; e o Tenente Alcalde de Sober, Francisco Vázquez.

José Tomé destacou que “logo do éxito que supuxo adiantar o comezo da tempada pasada de rutas fluviais e da boa repercusión que tivo para os sectores máis afectados pola pandemia, este ano tamén comezamos antes con este servizo”. O habitual nos últimos anos era empezar as viaxes en catamarán a fin de semana antes da Semana Santa, pero como sinalou o Alcalde “estas rutas teñen un impacto especialmente importante para o turismo, a hostalería e o comercio e son un dinamizador da economía e do emprego para a comarca e a provincia”.

O rexedor monfortino subliñou que os catamaráns “contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra,  en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo. Polo tanto, temos a convicción de que axudarán na dinamización económica da hostalería, do turismo e do comercio”.

Engadiu que as rutas fluviais favorecen a proxección da Ribeira Sacra: “Son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo, porque cada vez máis, o visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza. Unha alternativa de ocio para descubrir ou redescubrir unha paisaxe única, ademais de recursos patrimoniais vinculados ao románico”.

Tomé Roca valorou de xeito moi positivo a evolución do número de viaxeiros, tendo en conta que no 2020 o Estado de Alarma e as restricións sanitarias derivadas da pandemia afectaron ao servizo. Destacou que no 2021 case se duplicaron as persoas que navegaron nos catamaráns da Deputación de Lugo, ata os preto de 40.000 viaxeiros e valorou a cifra como “moi importante, tendo en conta que o servizo non operou ata o mes de outubro ao 100% da súa capacidade polas limitacións de aforo das embarcacións para a prevención da Covid-19”.

A día de hoxe xa hai máis de 5.100 reservas para toda a tempada 2022, das cales preto de 250 son só para esta fin de semana, unha cifra que puxo en valor o Presidente da Deputación, quen apuntou que “os datos poden ser aínda mellores que os desta previsión porque a xente planifica as súas saídas con menos antelación e hai moitas reservas de última hora”.

Na viaxe inaugural a bordo do barco Mencía, que partiu as 11.30 do embarcadoiro Ponte do Sil da Deputación de Lugo, viaxaron preto de 100 persoas chegadas doutras provincias como A Coruña e Ourense e tamén procedentes doutras comunidades autónomas como Cantabria, Castela e León, Asturias, Madrid, Valencia ou mesmo das Illas Canarias.

 

Rutas, reservas e horarios

A Deputación de Lugo ten en marcha unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web https://reservas.rutasembalses.es.

Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada, tamén cunha duración aproximada de 2 horas.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

Na ruta fluvial Canón do Sil e durante o mes de marzo, ademais desta fin de semana, os catamaráns navegarán do 23 ao 27 e tamén os días 30 e 31, en horario de mañá e tarde. Nos meses de abril e maio, as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo da Semana Santa, haberá servizo de luns a venres do 11 ao 17 de abril, ao igual que a semana do 16 de maio, con motivo das Letras Galegas. No caso de Cabo do Mundo, neste período haberá viaxes as fins de semana, a semana completa do 11 ao 17 de abril por mor da Semana Santa, e os días 16 e 17 de maio ao ser o festivo das Letras Galegas.

Nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña na ruta do Canón do Sil. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro. No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

As dúas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes todos os días do 3 ao 11 de decembro.