Monforte de Lemos, 7 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que dende o Concello se volven a ofertar as instalacións deportivas municipais para deportistas non federados, “algo que xa era posible antes do peche das instalacións deportivas por mor da pandemia da Covid-19, e que contaba con gran aceptación por parte da cidadanía”.
Así, dende o vindeiro luns 9 de maio o Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas e o Pavillón Municipal da Pinguela poderán ser alugados por parte de persoas ou agrupacións de persoas para a práctica de deporte de tempo libre, sen necesidade de pertencer a un club deportivo ou de ter licenza federativa dalgunha modalidade deportiva.
O 14 de marzo de 2020, decretouse o Estado de Alarma motivado pola pandemia do Covid-19 que supuxo, entre outras cousas, o peche das instalacións deportivas.
“Unha vez se comezou a recuperar certa normalidade” subliñou o Alcalde, “fomos abrindo paulatinamente as instalacións deportivas municipais, dacordo coas indicacións sinaladas polas autoridades sanitarias, e nas que se priorizaba a práctica de deporte federado”.
“A día de hoxe, tras a volta á normalidade, dende o Equipo de Goberno de Monforte, consideramos que é o momento de recuperar o aluguer das instalacións deportivas para a práctica de deporte de tempo libre e non federado por parte dos veciños e veciñas que así o desexen” destacou José Tomé.
Esta posibilidade ven establecida no “Regulamento de uso, reserva e aluguer de Instalacións Deportivas Municipais do Concello de Monforte” publicado no BOP Nº 190 do xoves 20 de agosto de 2020, que no seu artigo 16.2 regula o xeito de alugar unha instalación deportiva para a práctica deportiva non organizada.
Indicacións para a reserva de espazos deportivos municipais
O “Regulamento de uso, reserva e aluguer de Instalacións Deportivas Municipais do Concello de Monforte” publicado no BOP Nº 190 do xoves 20 de agosto de 2020, no seu artigo 16.2, regula o xeito de alugar unha instalación deportiva para a práctica deportiva non organizada.
Tal e como se establece en dito regulamento, a reserva de instalacións para a práctica deportiva non organizada realizarase obrigatoriamente a través da plataforma de reservas online habilitada na páxina web do Concello de Monforte. Tamén se pode facer a través da app Sporttia, dispoñible para Android e iOS.
As instalacións deportivas ofertadas para o seu aluguer son o Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, en horario de luns a venres non festivos entre as 17:30 e as 22:30, e o Pavillón Municipal da Pinguela, de luns a venres non festivos entre as 16:00 e as 22:30 h.
As tarifas polo aluguer dos diferentes espazos deportivos, son as seguintes:
• Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas:
- Campo de Fútbol 7: 15,45 € / hora
- Campo de Fútbol 11: 30,90 € / hora
• Pavillón Municipal da Pinguela:
- Cancha completa: 12,36 € / hora
- Media cancha: 6,18 € / hora