O Alcalde informa da apertura do prazo para solicitar as axudas a libros e material escolar, que o Concello incrementa ata os 25.000€

Monforte de Lemos, 30 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este sábado 28 de maio as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2022/2023 do Concello de Monforte de Lemos.

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 25.000 euros, “que son 5.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destaca o Alcalde.

Deste xeito, xa se poden solicitar estas axudas, para o cal os e as interesadas terán de prazo ata o martes 28 de xuño (20 días hábiles). A solicitude formalizarase a través do correspondente formulario normalizado, que terá que ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases. Toda a documentación requirida poderá ser presentada no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).

 

Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2022/2023 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:

- Ser pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a que no ano escolar da convocatoria correspondente vaian a cursar estudos nas etapas educativas de ensinanza indicadas nesta convocatoria, en calquera centro docente, público ou concertado, do Concello de Monforte de Lemos.

- Que a renda per cápita da unidade familiar non supere o 55% IPREM para o ano 2022 (318,46€/mes) en cómputo anual (3.821,52€ ano por persoa). Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade  como a continuación se especifica:

Nº membros unidade familiar

Ingresos netos mensuais

Ingresos anuais

2

636,92

7.643,04

3

955,38

11.464,56

4

1.273,84

15.286,08

5

1.592,3

19.107,6

 

 

 

 

          

 

 

 

 Non se computarán os ingresos seguintes:

  • Prestación familiar por fillo menor a cargo da Seguridade social.
  • Prestacións económicas en aplicación da lei de dependencia.
  • A axuda económica para vítimas de violencia de xénero regulada no RD 1452/2005, de 2 de decembro.

- Que a persoa solicitante así como os e as menores beneficiarios da mesma, se atopen empadroados e residan efectivamente no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude.

- Que a persoa solicitante estea  ó día no pago das obrigas tributarias municipais ou no caso de ter débedas que exista compromiso de pagamento.

- Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

A contía máxima das axudas é a seguinte:

  • 150 € para Educación Infantil por cada alumno/a.
  • 100 € para Educación Primaria e por cada alumno/a.
  • 120€ para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a.
  • 150€ para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .

 

Renda per cápita

Ós efectos destas bases reguladoras, enténdese por renda per cápita familiar a resultante de dividir a renda da unidade familiar do exercizo fiscal 2020  entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade superior ou igual ó 33% ou a percepción dunha pensión da Seguridade social por incapacidade permanente ou a equivalente en clases pasivas.

A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade familiar que presentasen a declaración do imposto sobre a renda de 2020, para os efectos dos cálculo da renda familiar sumarán os recadros base impoñible xeral (recadro 432) e a base impoñible de aforro(recadro 460) da declaración.

No caso de non presentar declaración do imposto sobre a renda de 2020 teranse en conta os ingresos netos mensuais de todos os membros computables da unidade familiar segundo o establecido na base 8ª.

Non obstante, cando as circunstancias económicas actuáis non sexan coincidentes coa contía do IRPF ,teranse en conta estas últimas, sempre que se xustifiquen documentalmente e conste no expediente os motivos da variación (Anexo III), tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo, segundo o establecido na base 8ª.

 

Na páxina web do Concello, na sección de Axudas, está toda a documentación dispoñible para formalizar a solicitude desta subvención municipal:

 

Descargas:

BASES

Publicación BOP