Monforte de Lemos, 1 de xuño de 2021. O Concello de Monforte súmase hoxe mércores día 1 de xuño os actos conmemorativos do Día Nacional do Donante de Órganos e Tecidos.
Para elo, como xesto simbólico e en sinal de homenaxe e recoñecemento ás persoas que son doantes de órganos e tecidos, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na noite do mércores 1 de xuño procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor verde.
Cada ano, o 1 de xuño conmemórase o Día Nacional do Donante de Órganos e Tecidos. Deste xeito, o obxectivo desta conmemoración é concienciar á poboación para que aumenten as donacións de órganos e que moitas persoas poidan seguir vivindo. A donación é un xesto altruísta, considerado como o maior acto de bondade entre os seres humanos. Así, o lema deste ano é ““Todos tenemos un gen donante. ¡Actívalo!”.
Neste senso, o Alcalde sinala que “dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando hoxe de verde a Torre da Homenaxe, pois a donación de órganos e tecidos é un xesto de gran xenerosidade e solidariedade que serve para mellorar a vida de moitas persoas e, en moitos casos, salvar vidas”.