Monforte de Lemos, 13 de xuño de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer hoxe o Programa e Cartel oficial do que será a cuarta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará do 1 ó 3 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
“Despois de 2 anos por mor da incidencia do Covid, a cidade volve acoller o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival”, sinalou José Tomé.
Neste senso, o Alcalde destacou, o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en dous con respecto á edición de 2019, participando neste ano 2022 27 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 4 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.
“Estou convencido” sinalou o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte volverá a ser un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición.
Cartel oficial do Festival do Viño
No que se refire ó Cartel oficial do Festival, o Alcalde explicou que “este ano quixemos, conservando a esencia doutras edicións, facer unha evolución do mesmo, realizando para elo unha composición minimalista con elementos xeométricos que representan o Festival a través dun escenario conceptual, en cuxo eixe central se sitúa a copa de viño oficial deste Festival”.
“Co obxectivo de dar máis relevancia a esta copa, introducímoslle salpicaduras de viño para evocar o movemento e a evolución dos viños desta Denominación de Orixe continuando coa liña gráfica do Festival en edicións anteriores”.
En canto a tonalidade e cores do cartel, o rexedor monfortino explicou que “utilizáronse a cor morada, xa que é a cor corporativa do Festival en representación do viño, e cores pastel ácidos, tendencia elixida para este 2022, como os azuis e rosas”.
Por último en canto ó texto incluído no cartel, recóllese toda a información nun punto central do mesmo, para que sexa facilmente lexible. Deste xeito, o cartel recolle as actuacións musicais que haberá no Campo de San Antonio, tanto o venres como o sábado, así como os obradoiros infantís e de iniciación á cata para adultos, e a gastronomía.
Adegas participantes e Zona de gastronomía
As 27 Adegas participantes nesta cuarta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, supón a participación máis alta das edicións que se levan celebrado, son:
- Algueira
- Peza do Rei
- Ponte da Boga
- Abadía da Cova
- Alma das Donas
- Lucenza
- Rectoral de Amandi
- Don Bernandino
- Adega Vella
- Condado de Sequeiras
- Pilares de Belesar
- Rectoral de Gundivós
- Guímaro
- Viña Vella
- Malcavada
- Petrón
- Don Cosme
- Cruceiro
- Finca Cuarta
- Cividade
- Santa Mª de Nogueira
- Val da Lenda
- Proencia
- Finca Millara
- Gullufre
- Ciudáseis
- Amedo
Ademais, o Festival contará cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños, e na que participarán:
- “Queixo negro Buleri”
- “Queixo Milkabra”
- “Casa Neiras”
- “Embutidos Suarna”
- “Jamones D. Francisco”
- “Jamones Roberto”
- Panadería “La Luna”
- E establecementos asociados a “E para comer Lugo”.
Actividades para todos os públicos
Como en anteriores edicións, destinados ós máis pequenos terán diversos Obradoiros infantís:
- 2 obradoiros de Contacontos, con Anxo Moure e Brais Moure.
- 2 obradoiros a cargo de “Velaisca Animación”.
- 1 obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra a cargo de “Figulus. Olería de Gundivós.”
Coma novidade este ano, organizaranse dous obradoiros para adultos de Iniciación á Cata de Viños da Ribeira Sacra, que contarán cun aforo de 30 persoas e se realizarán nun espazo habilitado no Stand de Recepción denominado “Sala de Catas”. Consistirán nunha cata comentada e dinámica percorrendo diversos estilos de viños a través das súas variedades mais nobres.
En concreto, os participantes catarán un branco xove e un branco de crianza, así coma un tinto xove e un tinto de crianza, así coma un rosado, e ensalzaremos a recuperación das diferentes variedades ancestrais como son as uvas de Brancellao, Merenzao, Dona Branca ou Branco Lexítimo. Estes obradoiros terán unha duración dunha hora-hora e cuarto.
VinoRutas para coñecer a Ribeira Sacra
O Alcalde tamén destacou a celebración doutra actividade que conta ano a ano con cada vez máis participantes. Trátase das 3 VinoRutas “que nos permitirán viaxar ó lugar de orixe onde contemplar o nacemento da uva e descubrir os encantos dos dous ríos que bañan as ribeiras, o Miño e o Sil. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa viticultura heroica”.
En concreto, a primeira das VinoRutas terá lugar o venres día 1 de xullo e outras dúas o sábado 2, cun prezo de 15€ para adultos e 5€ para nenos, e con saída dende o Parque dos Condes.
O venres 1 de xullo, a partir das 15:15 h., terá lugar a VinoRuta do Sil: “Ribeira e Bosque”, na que os participantes farán un percorrido en catamarán polo Canón do Sil e se achegarán a unha das adegas adheridas da D.O. Ribeira Sacra (Regina Viarum), para dar a coñecer de primeira man a viticultura heroica de montaña. Tamén se visitará o Miradoiro de Pena do Castelo, onde se fará unha ruta de 1,5km entre bosques de castaños ata chegar a el. Dende alí partirase cara Monforte de Lemos para disfrutar do Festival do Viño da Ribeira.
O sábado 2 de xullo pola mañá, a partir das 9:30 h., terá lugar a ViñoRuta do Miño: “Camiñando entre viñedos”, na que se fará a ruta de sendeirismo dos Codos de Belesar, cun fermoso percorrido entre viñas por unha antiga calzada romana. Dende o pobo de Belesar collerase o catamarán polo Rio Miño para ver os viñedos e paisaxe como a Praia da Cova, e farase unha visita á adega Via Romana, na que se fará unha cata comentada e se verán unhas fermosas vistas das ladeiras do Miño. A ruta rematará coa volta a Monforte.
Pola tarde, dende as 15.15 h., terá lugar a terceira das rutas, a VinoRuta do Sil: “Viño e Tradición”, que levará ós participantes a coñecer un oficio centenario como é a Olería de Gundivós no concello de Sober. A continuación, visitarase a adega Rectoral de Amandi e o Miradoiro de Soutochao, nos viñedos de Amandi, cunha parada tamén na adega Adega Vella para catar e coñecer os seus viños, antes da volta a Monforte de Lemos.
Para máis información, reserva de VinoRutas e inscripción no Taller de Catas será necesario chamar ó teléfono de contacto 611 533 271 ou enviar un email a festivalmonforte@gmail.com.
Actuacións musicais no Campo de San Antonio
Chegada a noite, a Praza do Campo de San Antonio acollerá 2 actuacións musicais os días 1 e 2 de xullo. “Por primeira vez”, explicou o Alcalde, “está praza acollerá as celebracións musicais do Festival do viño, debido a que a grúa ubicada na Praza de España, impide o desenvolvemento destas actuacións musicais tal e como se merecen. Será un excelente escenario para mostrar o talento das diferentes agrupacións musicais, con propostas que van dende a danza contemporánea tradicional ata o pop-rock”.
O venres día 11 ás 11 da noite, terá lugar a actuación de POL 3.14, que é un cantante solista e compositor cunha importante traxectoria musical dende o 2010, cun estilo único, sen tapuxos e con personalidade, que o situou na escena dentro do ámbito da música pop actual.
O sábado 2 de xullo, tamén ás 11 da noite, a compañía Nova Galega de Danza fusionará en vivo danza e música de raíz galega, tradición e vangarda con vocación universal, a través do seu espectáculo chamado “Leira”, coa colaboración da artista Rosa Cedrón.
Para a correcta celebración destas actuacións musicais, procederase a cortar o tráfico arredor desta praza do Campo de San Antonio, tanto o venres 1 coma o sábado 2, a partir das 10 da noite e ata a unha da mañá, unha vez rematadas as actuacións musicais.
Ademais, despois da inauguración do festival, que terá lugar o venres 1 de xullo ás 7 da tarde, terá lugar a actuación de Donaire que é unha asociación musical folclórica de A Coruña que conta cunha longa traxectoria de actuacións e premios acadados, e que está formado por bailaríns, pandereteiras e un grupo musical.
Promoción do Festival do Viño
José Tomé salientou a importante promoción publicitaria que levará a cabo o Concello de Monforte. “Agora que xa fixemos público o cartel e o programa oficiais, axiña comezaremos xa a difundilos para conseguir darlle a máxima visibilidade á celebración do Festival do Viño que vai acoller a nosa cidade nos primeiros días do mes de xullo”
O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur da provincia de Lugo”.
Deste xeito, o Concello fará unha promoción en toda Galicia a través dos carteis que serán colocados nas distintas cidades e pobos, no reparto dos programas en todas as oficinas de turismo, nos medios de prensa escrita a nivel provincial e de Galicia, en medios radiofónicos, en redes sociais en todo o mundo.
“A celebración deste evento”, subliñou o Alcalde, “pensamos que vai ser un reclamo importante para atraer xente a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, co fin de contribuír a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio.” E engadiu que “queremos que o Festival siga medrando, que cada vez sexa máis atractivo e nos visite máis xente, e que contribúa de xeito importante á promoción dos nosos viños, da nosa paisaxe, da nosa gastronomía, dos nosos museos, dos nosos monumentos e da nosa cultura.”
“En definitiva, queremos promocionar a Ribeira Sacra e a Monforte, que é a súa capital, e animar tanto ós monfortinos como ás persoas que veñan de fora a que disfruten eses días en Monforte dun Festival do Viño único, estou seguro de que non se sentirán defraudados.”
Horarios e programación oficial
Os horarios de apertura e peche dos stands deste Festival do Viño serán:
- Venres 1 de xullo de 7 da tarde a 12 da noite, sendo á inauguración ás 7 e media da tarde.
- Sábado 2 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde, e das 7 da tarde ás 12 da noite.
- E o domingo 3, de 11 da mañá a 3 da tarde.
O Programa Oficial do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2022 será o seguinte:
Venres 1 de Xullo
19:00 h - Apertura dos stands.
19:30 h - Acto de inauguración do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2022”.
Actuación do grupo folcklorico galego DONAIRE.
23:00 h - Concerto de POL3.14
00:00 h - Peche dos stands.
Sábado 2 de Xullo
11:00 h - Apertura dos stands.
12:00 a 14:00 h - Obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra - Figulus.
12:30 a 13:30 h - Taller de Iniciación a Cata. Descobre… Viños da Ribeira Sacra.
15:00 h - Peche dos stands.
19:00 h - Apertura dos stands.
19:00 a 20:00 h Taller de Animación con Velaísca. Descórchate.
20:00 a 21:00 h - Taller de Contacontos. Anxo Moure.
23:00 h - Espectáculo LEIRA de NOVA GALEGA DE DANZA e Rosa Cedrón.
00:00 h - Peche dos stands.
Domingo 3 de Xullo
11:00 h Apertura dos stands.
12:00 a 13:00 h Taller de Contacontos. Brais Moure.
12:30 a 13:30 h - Taller de Iniciación á Cata. Descobre… Viños da Ribeira Sacra.
13:00 a 14:00 h Taller Sensorial con Velaísca. “Sinte a Ribeira Sacra”.
15:00 h - Peche do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2022”