O Alcalde da a coñecer o cartel gañador das Festas Patronais de Monforte 2022, no que se integran tradición e modernidade

Monforte de Lemos, 6 de xullo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo hoxe público o cartel gañador das vindeiras Festas Patronais da cidade, que terán lugar do 10 ó 16 de agosto de 2022. “Por fin, despois de dous longos anos, en 2022 Monforte volverá a celebrar as súas Festas Patronais, dando un paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos, tal como dixen, neste ano imos organizar todos os eventos con normalidade” salientou o rexedor.

Na presentación do deseño que se alzou coa vixésimo sétima edición deste concurso de carteis, o Alcalde estivo acompañado polo autor gañador, que foi César Núñez Álvarez, procedente do concello leonés de Astorga, coa obra “Identidade”. Ademais, na roda de prensa tamén estiveron presentes a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude.

 

27ª edición do Concurso de Carteis

O Alcalde explicou que “dende este Equipo de Goberno, cando convocamos o concurso para as Festas Patronais pensamos que o mellor é permitir a participación a calquera persoa que tivera interese en contribuír a divulgar as nosas festas a través da súa capacidade artística. Porque desta forma temos unha maior aportación e variedade de ideas”.

Neste senso, José Tomé recordou que “este concurso para seleccionar o cartel das Festas Patronais é unha actuación que recuperamos en 2015, e que, a pesar da pandemia da Covid-19 seguimos convocando e fallando, tanto no ano 2020 como no ano 2021, porque era unha maneira de manter vivas as Festas, co cartel e cos Fogos do día 15”.

Deste xeito, dende o Concello establécese todos os anos un premio de 1.000 euros para o cartel gañador, “unha cantidade coa que retribuír o esforzo, o traballo e a dedicación da persoa que resultara gañadora”.

 

18 obras a concurso

En total, ó concurso deste ano presentáronse 18 traballos artísticos. A maioría deles foron elaborados por veciños e veciñas de Monforte; en concreto foron 8 os traballos a cargo de artistas monfortinos.

Tamén chegaron propostas doutras localidades galegas, en concreto, dende A Rúa, Lalín, Nigrán ou Vigo (2).

Fóra de Galicia o concurso de carteis das Festas de Monforte tamén espertou interese. Proba diso é que se presentaron traballos dende Barcelona (1), Madrid (1), Xixón (1), Murcia (1), ademais do de Astorga, que finalmente foi o seleccionado.

Todos os carteis que se presentaron a concurso, as 18 obras, serán expostos do 18 de xullo ó 16 de agosto na casa da Cultura de Monforte. Unha vez remate dita exposición, os autores non premiados poderán retirar os seus carteis se así o desexan.

Elección do cartel gañador

O xurado que fallou o concurso, estivo constituído por representantes de diferentes empresas creativas de Monforte, así como a Concelleira de Cultura, Marina Doutón.

A elección do cartel que o xurado considerou como gañador, en verbas do Alcalde “é un deseño no que predomina a estética tradicional e no que predomina un ton de cor marrón, como simulando unha fotografía ou gravado antigos, e que recolle os principais elementos que protagonizan as nosas festas: a Virxe de Montserrat, a ponte medieval e o río, así como os gaiteiros, pandereteiras e grupos de baile, que forman parte da nosa tradición festiva”.

“Pero o deseñador”, continuou o Alcalde, “tamén inclúe elementos de cor en tons vermellos e violetas que contrastan co marrón, e que se corresponden cos fogos de San Vicente, e co foguete que se ubica á esquerda da figura central do cartel, que é unha gaiteira. Polo tanto, o cartel aúna a tradición con elementos de modernidade, a través dos xogos de cores, e configúrase coma un cartel cheo de dinamismo, a través do movemento das figuras do baile, un dinamismo que evoca a vitalidade das nosas festas”.

 

Un día máis de Festas Patronais

Como xa anunciara hai uns meses, o Alcalde recordou que este ano as Patronais contarán cun día máis de festexos, para compensar os dous anos en que non se puideron celebrar as Festas por mor da pandemia.

Desta forma, José Tomé explicou que “aínda que no cartel figuran as datas do 11 ó 16 de agosto, porque así o marcaban as bases do concurso, realmente no cartel que difundiremos dende hoxe as datas que figurarán serán do 10 ó 16 de agosto, porque como saben, este ano teremos un día máis de festas, sendo o pregón ese día 10”.

O rexedor monfortino, antes de ceder á palabra a César Núñez, quixo tamén agradecer “á empresa Gadis a súa colaboración neste concurso, así como na posterior impresión dos carteis das nosas Festas Patronais”.

O autor do carte, que afirmou presentarse a moitos destes concursos, e de gañar varios deles, manifestou sentiuse honrado de ser o gañador desta edición do cartel das Patronais monfortinas, e indicou que investigou “a fondo sobre a historia e as tradicións da cidade para inspirarse e presentar este deseño, logo de horas de traballo e reflexión”.