Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2022. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, salientou, na visita levada a cabo na mañá de hoxe ó Polígono Industrial de O Reboredo, na que estivo acompañado polo Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o bo estado de saúde do que goza esta área empresarial “froito da promoción e dos proxectos de mellora promovidos polo Concello neste polígono nos últimos anos. O éxito que agora vive o Polígono débese en gran medida á aposta decidida que fixemos dende o Equipo de Goberno por desenvolver esta área industrial do Reboredo”.
No encontro, na que tamén estiveron presentes a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, levouse a cabo a visita ás infraestruturas que o Equipo de Goberno levou a cabo no polígono industrial monfortino nos últimos anos, en concreto, a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que terá o Concello de Monforte na súa historia.
“A colaboración entre as dúas administracións fixo posible as dúas actuacións que vimos de ver hoxe, o novo vial para ampliar o Polígono e ter máis parcelas a disposición das empresas, e o novo Viveiro de Empresas, que está en concurso aberto a emprendedores que queiran poñer en marcha proxectos e empresas de carácter industrial, e que será unha sede para eles, de carácter gratuíto e onde poderán permanecer 3 anos”, subliñou o Alcalde.
Este éxito sinalado polo Alcalde fundaméntase ademais en outros proxectos desenvoltos polo Equipo de Goberno monfortino nos últimos anos, cunha inversión total realizada, no período 2016-2022, que supera o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €), dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros.
Tanto o Alcalde como o Conselleiro destacaron a colaboración entre ambas administracións, e o rexedor monfortino engadiu ademais “que hoxe é un bo día para dar a coñecer estes proxectos, porque o interior está moi necesitado deste tipo de iniciativas, que contribuirán ó desenvolvemento do Polígono e á dinamizar o interior de Galicia e á Ribeira Sacra”.
Posta en marcha do primeiro Viveiro de Empresas Industrial do Concello de Monforte
Hai poucos días, precisamente o Alcalde monfortino anunciou a posta en marcha do primeiro Viveiro de Empresas do Concello de Monforte, sendo a primeira vez que a cidade conta cun espazo destas características, destinado ó fomento e desenvolvemento de iniciativas emprendedoras de carácter industrial.
A obra que acometeu o Concello na nave municipal ubicada no Polígono do Reboredo foi convertela nun Viveiro de Empresas, co obxectivo adecuala para que poidese ser utilizada como espazo físico para que empresas de nova creación dispuxeran dun lugar onde empezar e consolidar a súa actividade.
Para elo, o investimento total foi de 427.267,38€, dos que o Concello aportou 235.913,45€ e a Xunta de Galicia 191.353,93€. As obras de construción do novo Viveiro de empresas correu a cargo da empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos S.L.U.
Deste xeito, acondicionouse unha zona 216 m2, repartidos en dúas plantas, destinada a oficinas e servizos. Nesta zona realizáronse obras de redistribución de espazos para adecualos á utilización dos mesmos por varias empresas, creando zonas de uso compartido (aseos, sala de xuntas, sala de espera, e outros servizos) e zonas de uso privado para o desenvolvemento das actividades privadas de cada unha das empresas. Tamén, levouse a cabo a adecuación dos distintos locais a normativa vixente en materia de accesibilidade, illamento térmico, illamento acústico e protección fronte ó lume. Na execución das obras tamén se tiveron en conta as necesidades relativas a telecomunicacións e de uso de novas tecnoloxías das empresas actuais, polo que os locais estarán dotados de instalación que permitan a conexión das ferramentas tecnolóxicas.
José Tomé Roca recordou que o prazo a presentación de instancias para solicitar un espazo no Viveiro de empresas segue aberto ata o 29 de agosto. “Dende o Concello”, sinalou o rexedor monfortino, “puxemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”.
O Alcalde decidiu que os espazos do novo Viveiro de Empresas deben fomentarse de forma gratuíta “co fin de axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”.
Deste xeito, a través desta convocatoria, o Concello monfortino pon a disposición das empresas 5 espazos equipados con mobiliario e diferentes medidas (un deles adaptado a normativa vixente en materia de accesibilidade), sala de usos múltiples e comúns, zona de recepción, aseos, sala de cafetería e servizos.
Unha nova vía que permite a ampliación do Polígono
A actuación para a construción e urbanización deste novo vial, que se levou a cabo en 2011, supuxo actuar nun espazo de propiedade municipal sobre superficie total de 8.503 m2 e a lonxitude do mesmo é de case medio quilómetro.
O proxecto de construción do novo vial contou cun investimento de 355.627,16 euros (IVE engadido), e foi desenvolto pola empresa Misturas S.A., do cal o Concello aportou 235.627,16€, mentres que a Xunta de Galicia achegou 120.000€.
“Con este proxecto, a través do cal dotamos ó Polígono Industrial do Reboredo cunha nova rúa, contribuímos a facilitar as comunicacións internas do polígono, dotándoo dunha nova vía cun ancho de carril axeitado para cubrir as necesidades comunicativas tanto das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, como as futuras empresas que o polígono albergará nos vindeiros meses” subliñou o Alcalde.
En concreto, as obras consistiron na ampliación de devandito camiño municipal, que contaba cun ancho inferior a 4 metros, e que supuxeron a creación dunha rúa de 16,50 metros de anchura total, e cunha lonxitude de 490 metros. Do mesmo xeito, tamén foi urbanizada completamente dita rúa (luz, auga e saneamento).
A nova vía resultante conta, no seu tramo principal, con:
- Unha calzada de 7 metros de anchura, composta por dous carrís de 3,50 metros.
- Dous aparcamentos, a ambos lados da vía de 2,25 metros
- Beirarrúas peonís de 2,50 metros de anchura a ambos lados da vía.
O segundo tramo da vía, que é perpendicular ó primeiro, construíuse para dar acceso á rotonda, cun ancho total tamén de 16,50 metros. Consta de:
- Unha calzada de 9 metros, con dous carrís de 4,50 metros cada unha.
- Dúas beirarrúas a ambos os dous lados de 3,74 metros cada unha.
A Alcalde matizou que “con esta nova rúa, acadamos o noso obxectivo de pechar o Polígono do Reboredo polo seu lado este, xa que esta era a única vía existente no Polígono que falta por urbanizar”.
Aposta firme do Concello de Monforte polo Polígono do Reboredo
O Polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do ámbito territorial local.
“Afortunadamente, o Polígono, despois de moitos anos nos que non tiña a demanda que se esperaba cando se construíu, a principios dos anos 80, e logo dunha boa promoción que fixemos ó longo do tempo, temos case a práctica totalidade das súas parcelas vendidas a empresas interesadas en instalarse aquí ou crecer”, destacou o Alcalde.
Boa mostra da saúde da que goza é a necesidade da ampliación do Polígono para cubrir a demanda actual, necesidade que dende o Concello xa lle foi solicitada á SEPE e a Suelo Empresarial del Atlántico, que é a entidade que se encarga da xestión e venta das súas parcelas de uso industrial.
“O polígono do Reboredo está de noraboa porque está crecendo e dende o Concello pensamos en articular novas medidas de crecemento, motivo polo cal solicitamos hai unhas semanas o SEPES o incremento da súa superficie, para que haxa máis posibilidades industriais nesta zona do interior de Galicia”, destacou José Tomé.
Investimentos que superan os 1,1 millóns de euros en 6 anos
Dende a chegada ó goberno municipal do actual Alcalde, a súa preocupación por mellorar as infraestruturas e servizos do Polígono Industrial do Reboredo foi constante, o que se traduce en investimentos que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €), dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros, no período 2016-2022.
Deste xeito, en 2016, levouse a cabo a renovación do pavimento e a sinalización horizontal dun primeiro tramo da rúa nº 1 do Polígono, cun investimento a cargo do Concello de algo máis de 83.000 euros.
No ano 2017, acometeuse a mellora do alumeado das rúas do polígono, coa colocación de novas luminarias LED que supuxeron un aforro enerxético e unha mellora medioambiental singnificativas. A inversión total neste proxecto superou os 53.000 euros.
A reforma da Depuradora do Polígono (EDAR) tivo lugar en 2018, cunha inversión cercana ós 99.000 euros. Os traballos consistiron no aumento da súa capacidade de tratamento en 219.000 metros cúbicos ó ano, o que supuxo un aumento de preto do 50%.
A mellora das infraestruturas viarias do Polígono tivo continuidade o pasado ano 2020, coa renovación do pavimento e sinalizacións horizontais do segundo tramo da rúa nº 1, así como das rúas nº 2 e nº 3 completas. Nesta ocasión, o investimento superou os 90.000 euros.
No pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello executou o proxecto para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía que facilita as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación. Neste proxecto, o Concello investiu case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros.
Outra das iniciativas propias nas que o Concello traballou dende mediados de 2021 foi na rehabilitación dunha nave municipal do polígono, que converteu no primeiro Viveiro de Empresas do Concello, para o cal a inversión destinada polo Equipo de Goberno monfortino superou os 235.000 euros, dun orzamento total de máis de 427.000 euros.
O Alcalde tamén recordou que o Polígono contará con 14.000 metros cadrados máis de chan industrial, procedentes da revocación de contratos de compra de diversas parcelas a cargo de varias empresas, establecidos nos anos 2006 e 2007, os que se engadirán 111.000 metros cadrados, cedidos pola Deputación de Lugo neste ano 2022.
“Estas novas incorporacións de terreo industrial permitirán nun futuro ampliar o polígono, dar resposta á demanda de solo industrial e posibilitar, así, o desenvolvemento industrial do municipio, a creación de emprego e impulsar a dinamización económica da comarca”, subliñou José Tomé.
“Dende o Concello, agardamos seguir nesta liña de colaboración coa Xunta, porque é a forma de seguir apoiando o desenvolvemento do noso tecido industrial, que quizais no interior de Galicia o necesita máis”, concluíu o rexedor municipal.