Viveiro de Empresas

O Alcalde pon en marcha o primeiro Viveiro de Empresas do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 28 de xuño de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar da posta en marcha do que é o primeiro Viveiro de Empresas que existe no Concello de Monforte, e que se ubica no Polígono industrial de O Reboredo, coa oferta de 5 oficinas dotadas dos equipamentos necesarios para que as empresas que as soliciten poidan iniciar os seus proxectos de negocio.

“Dende o Concello”, sinala o rexedor monfortino, “poñemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”.

Deste xeito, a partir de mañá mércores 29 de xuño ábrese o prazo para que as empresas interesadas en optar a un dos 5 espazos que o Concello ofertará no novo Viveiro de Empresas municipal poidan cursar as súas solicitudes. O prazo estará aberto por un período de 2 meses, ata o 29 de agosto de 2022. As bases foron publicadas con data de hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

Este novo Viveiro de Empresas ubícase no Polígono Industrial do Reboredo, e é froito das obras de reforma que o Concello monfortino levou a cabo dende o mes de outubro de 2021 nunha nave propiedade municipal, e que están a ser ultimadas nestes días. Para este proxecto, o Concello contou cunha axuda da Xunta de Galicia que contribuíu a financiar esta actuación.

 

Axuda a novos empresarios que inician os seus proxectos de negocio

O Alcalde decidiu que os espazos do novo Viveiro de Empresas deben fomentarse de forma gratuítaco fin de axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”.

Deste xeiro, o único coste que terán que asumir as empresas ubicadas será o coste dos subministros e consumos propios do local e a parte proporcional do coste do espazos de usos comúns, e dicir, os custes de internet, telefonía, ou os gastos de limpeza.

 “Coa oferta que dende o Concello facemos destes 5 espazos gratuítos, sen dúbida contribuiremos a axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”, subliñou o Alcalde.

 

Solicitudes e requisitos para optar a unha praza no Viveiro de Empresas

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro do Concello ou por calquera dos medios e formas previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas.

prazo de resolución será de dous meses unha vez finalizado o prazo de solicitudes e terán que poñer en marcha as súas empresas no período máximo de 3 meses dende a notificación da concesión do acollemento no Viveiro.

Segundo establece as bases reguladoras desta convocatoria, as instalacións van dirixidas a aquelas empresas constituídas en menos de seis meses dende a solicitude de acollemento ou ben aquelas que aínda non se constituíran pero que prevén facelo no prazo máximo de tres meses dende a resolución de acollemento.

As empresas deberán ter domicilio social e fiscal no Concello de Monforte de Lemos, contar cun plan de empresa e desenvolver actividades empresariais do sector industrial.

O Contrato de duración será de 12 meses prorrogables por outros 12, e en ningún caso se lles admitirá as empresas unha estancia superior a tres anos, incluída a prórroga, a que deberán solicitar a prórroga nun prazo mínimo de dous meses antes de que remate o contrato e xustificar que precisan algún tempo máis para a consolidación do seu negocio.

Ademais, as empresas que finalmente sexan escollidas, terán que subscribir unha póliza de responsabilidade civil e danos ó edificio e ás instalacións por importe non inferior a 300.000 euros, así como depositar unha garantía por importe de 200 euros.

A normativa do Viveiro de empresas de Monforte pode consultarse no BOP deste martes, na sede electrónica do Concello de Monforte de Lemos e na páxina web municipal.

Poderán solicitar más información na Oficina de Promoción Económica do Concello ou no número de teléfono 982884775.

 

Acondicionamento da nave para a creación dun Viveiro Industrial de Empresas

A obra que acometeu o Concello na nave municipal ubicada no Polígono do Reboredo foi convertela nun Viveiro de Empresas, co obxectivo adecuala para que poida ser utilizada como espazo físico para que empresas de nova creación dispoñan dun lugar onde empezar e consolidar a súa actividade.

Para elo, contou cun orzamento de 239.192,41 euros IVE incluído, e adxudicou as obras á empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos S.L.U.

Deste xeito, acondicionouse unha zona 216 m2, repartidos en dúas plantas, destinada a oficinas e servizos. Nesta zona realizáronse obras de redistribución de espazos para adecualos á utilización dos mesmos por varias empresas, creando zonas de uso compartido (aseos, sala de xuntas, sala de espera, e outros servizos) e zonas de uso privado para o desenvolvemento das actividades privadas de cada unha das empresas.

Tamén, levouse a cabo a adecuación dos distintos locais a normativa vixente en materia de accesibilidade, illamento térmico, illamento acústico e protección fronte ó lume.

Na execución das obras tamén se tiveron en conta as necesidades relativas a telecomunicacións e de uso de novas tecnoloxías das empresas actuais, polo que os locais estarán dotados de instalación que permitan a conexión das ferramentas tecnolóxicas.

Deste xeito, a través desta convocatoria, o Concello monfortino por a disposición das empresas 5 espazos equipados con mobiliario e diferentes medidas (un deles adaptado a normativa vixente en materia de accesibilidade), sala de usos múltiples e comúns, zona de recepción, aseos, sala de cafetería e servizos.

Alcalde concluíu destacando que “dende o Concello seguimos a apostar polo desenvolvemento do Polígono do Reboredo, con esta iniciativa propia que sen dúbida contribuirá á creación de empresas e ó fomento do emprego, que son os obxectivos deste novo Viveiro de Empresas”.

 

DESCARGA DE DOCUMENTOS:

Bases Viveiro Empresas Monforte

Solicitude de inscrición formulario

Guía Plan de Empresa

Anexo I Declaración responsable formulario

Anexo II Declaración responsable formulario

 

O Alcalde visita, acompañado polo Conselleiro de Industria, as obras que o Concello de Monforte promoveu no Polígono industrial do Reboredo

Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2022. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, salientou, na visita levada a cabo na mañá de hoxe ó Polígono Industrial de O Reboredo,  na que estivo acompañado polo Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o bo estado de saúde do que goza esta área empresarial “froito da promoción e dos proxectos de mellora promovidos polo Concello neste polígono nos últimos anos. O éxito que agora vive o Polígono débese en gran medida á aposta decidida que fixemos dende o Equipo de Goberno por desenvolver esta área industrial do Reboredo”.

No encontro, na que tamén estiveron presentes a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada,  levouse a cabo a visita ás infraestruturas que o Equipo de Goberno levou a cabo no polígono industrial monfortino nos últimos anos, en concreto, a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que terá o Concello de Monforte na súa historia.

“A colaboración entre as dúas administracións fixo posible as dúas actuacións que vimos de ver hoxe, o novo vial para ampliar o Polígono e ter máis parcelas a disposición das empresas, e o novo Viveiro de Empresas, que está en concurso aberto a emprendedores que queiran poñer en marcha proxectos e empresas de carácter industrial, e que será unha sede para eles, de carácter gratuíto e onde poderán permanecer 3 anos”, subliñou o Alcalde.

Este éxito sinalado polo Alcalde fundaméntase ademais en outros proxectos desenvoltos polo Equipo de Goberno monfortino nos últimos anos, cunha inversión total realizada, no período 2016-2022, que supera o 1,1M€(concretamente, 1.108.949,26 €), dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros.

Tanto o Alcalde como o Conselleiro destacaron a colaboración entre ambas administracións, e o rexedor monfortino engadiu ademais “que hoxe é un bo día para dar a coñecer estes proxectos, porque o interior está moi necesitado deste tipo de iniciativas, que contribuirán ó desenvolvemento do Polígono e á dinamizar o interior de Galicia e á Ribeira Sacra”.

 

Posta en marcha do primeiro Viveiro de Empresas Industrial do Concello de Monforte

Hai poucos días, precisamente o Alcalde monfortino anunciou a posta en marcha do primeiro Viveiro de Empresas do Concello de Monforte, sendo a primeira vez que a cidade conta cun espazo destas características, destinado ó fomento e desenvolvemento de iniciativas emprendedoras de carácter industrial.

A obra que acometeu o Concello na nave municipal ubicada no Polígono do Reboredo foi convertela nun Viveiro de Empresas, co obxectivo adecuala para que poidese ser utilizada como espazo físico para que empresas de nova creación dispuxeran dun lugar onde empezar e consolidar a súa actividade.

Para elo, o investimento total foi de 427.267,38€, dos que o Concello aportou 235.913,45€ e a Xunta de Galicia 191.353,93€. As obras de construción do novo Viveiro de empresas correu a cargo da empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos S.L.U.

Deste xeito, acondicionouse unha zona 216 m2, repartidos en dúas plantas, destinada a oficinas e servizos. Nesta zona realizáronse obras de redistribución de espazos para adecualos á utilización dos mesmos por varias empresas, creando zonas de uso compartido (aseos, sala de xuntas, sala de espera, e outros servizos) e zonas de uso privado para o desenvolvemento das actividades privadas de cada unha das empresas. Tamén, levouse a cabo a adecuación dos distintos locais a normativa vixente en materia de accesibilidade, illamento térmico, illamento acústico e protección fronte ó lume. Na execución das obras tamén se tiveron en conta as necesidades relativas a telecomunicacións e de uso de novas tecnoloxías das empresas actuais, polo que os locais estarán dotados de instalación que permitan a conexión das ferramentas tecnolóxicas.

José Tomé Roca recordou que o prazo a presentación de instancias para solicitar un espazo no Viveiro de empresas segue aberto ata o 29 de agosto. “Dende o Concello”, sinalou o rexedor monfortino, “puxemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”.

O Alcalde decidiu que os espazos do novo Viveiro de Empresas deben fomentarse de forma gratuíta “co fin de axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”.

Deste xeito, a través desta convocatoria, o Concello monfortino pon a disposición das empresas 5 espazos equipados con mobiliario e diferentes medidas (un deles adaptado a normativa vixente en materia de accesibilidade), sala de usos múltiples e comúns, zona de recepción, aseos, sala de cafetería e servizos.

 

Unha nova vía que permite a ampliación do Polígono

A actuación para a construción e urbanización deste novo vial, que se levou a cabo en 2011, supuxo actuar nun espazo de propiedade municipal sobre superficie total de 8.503 m2 e a lonxitude do mesmo é de case medio quilómetro.

O proxecto de construción do novo vial contou cun investimento de 355.627,16 euros (IVE engadido), e foi desenvolto pola empresa Misturas S.A., do cal o Concello aportou 235.627,16€, mentres que a Xunta de Galicia achegou 120.000€.

“Con este proxecto, a través do cal dotamos ó  Polígono Industrial do Reboredo cunha nova rúa, contribuímos a facilitar as comunicacións internas do polígono, dotándoo dunha nova vía cun ancho de carril axeitado para cubrir as necesidades comunicativas tanto das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, como as futuras empresas que o polígono albergará nos vindeiros meses” subliñou o Alcalde.

En concreto, as obras consistiron na ampliación de devandito camiño municipal, que contaba cun ancho inferior a 4 metros, e que supuxeron a creación dunha rúa de 16,50 metros de anchura total, e cunha lonxitude de 490 metros. Do mesmo xeito, tamén foi urbanizada completamente dita rúa (luz, auga e saneamento).

A nova vía resultante conta, no seu tramo principal, con:

  • Unha calzada de 7 metros de anchura, composta por dous carrís de 3,50 metros.
  • Dous aparcamentos, a ambos lados da vía de 2,25 metros
  • Beirarrúas peonís de 2,50 metros de anchura a ambos lados da vía.

O segundo tramo da vía, que é perpendicular ó primeiro, construíuse para dar acceso á rotonda, cun ancho total tamén de 16,50 metros. Consta de:

  • Unha calzada de 9 metros, con dous carrís de 4,50 metros cada unha.
  • Dúas beirarrúas a ambos os dous lados de 3,74 metros cada unha.

A Alcalde matizou que “con esta nova rúa, acadamos o noso obxectivo de pechar o Polígono do Reboredo polo seu lado este, xa que esta era a única vía existente no Polígono que falta por urbanizar”.

 

Aposta firme do Concello de Monforte polo Polígono do Reboredo

O Polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do ámbito territorial local.

“Afortunadamente, o Polígono, despois de moitos anos nos que non tiña a demanda que se esperaba cando se construíu, a principios dos anos 80, e logo dunha boa promoción que fixemos ó longo do tempo, temos case a práctica totalidade das súas parcelas vendidas a empresas interesadas en instalarse aquí ou crecer”, destacou o Alcalde.

Boa mostra da saúde da que goza é a necesidade da ampliación do Polígono para cubrir a demanda actual, necesidade que dende o Concello xa lle foi solicitada á SEPE e a Suelo Empresarial del Atlántico, que é a entidade que se encarga da xestión e venta das súas parcelas de uso industrial.

“O polígono do Reboredo está de noraboa porque está crecendo e dende o Concello pensamos en articular novas medidas de crecemento, motivo polo cal solicitamos hai unhas semanas o SEPES o incremento da súa superficie, para que haxa máis posibilidades industriais nesta zona do interior de Galicia”, destacou José Tomé.

 

Investimentos que superan os 1,1 millóns de euros en 6 anos

Dende a chegada ó goberno municipal do actual Alcalde, a súa preocupación por mellorar as infraestruturas e servizos do Polígono Industrial do Reboredo foi constante, o que se traduce en investimentos que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €), dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros, no período 2016-2022.

Deste xeito, en 2016, levouse a cabo a renovación do pavimento e a sinalización horizontal dun primeiro tramo da rúa nº 1 do Polígono, cun investimento a cargo do Concello de algo máis de 83.000 euros.

No ano 2017, acometeuse a mellora do alumeado das rúas do polígono, coa colocación de novas luminarias LED que supuxeron un aforro enerxético e unha mellora medioambiental singnificativas. A inversión total neste proxecto superou os 53.000 euros.

reforma da Depuradora do Polígono (EDAR) tivo lugar en 2018, cunha inversión cercana ós 99.000 euros. Os traballos consistiron no aumento da súa capacidade de tratamento en 219.000 metros cúbicos ó ano, o que supuxo un aumento de preto do 50%.

A mellora das infraestruturas viarias do Polígono tivo continuidade o pasado ano 2020, coa renovación  do pavimento e sinalizacións horizontais do segundo tramo da rúa nº 1, así como das rúas nº 2 e nº 3 completas. Nesta ocasión, o investimento superou os 90.000 euros.

No pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello executou o proxecto para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía que facilita as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación. Neste proxecto, o Concello investiu case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros.

Outra das iniciativas propias nas que o Concello traballou dende mediados de 2021 foi na rehabilitación dunha nave municipal do polígono, que converteu no primeiro Viveiro de Empresas do Concello, para o cal a inversión destinada polo Equipo de Goberno monfortino superou os 235.000 euros, dun orzamento total de máis de 427.000 euros.

O Alcalde tamén recordou que o Polígono contará con 14.000 metros cadrados máis de chan industrial, procedentes da revocación de contratos de compra de diversas parcelas a cargo de varias empresas, establecidos nos anos 2006 e 2007, os que se engadirán 111.000 metros cadrados, cedidos pola Deputación de Lugo neste ano 2022.

“Estas novas incorporacións de terreo industrial permitirán nun futuro ampliar o polígono, dar resposta á demanda de solo industrial e posibilitar, así, o desenvolvemento industrial do municipio, a creación de emprego e impulsar a dinamización  económica da comarca”, subliñou José Tomé.

 

“Dende o Concello, agardamos seguir nesta liña de colaboración coa Xunta, porque é a forma de seguir apoiando o desenvolvemento do noso tecido industrial, que quizais no interior de Galicia o necesita máis”, concluíu o rexedor municipal.