Monforte de Lemos, 28 de xullo de 2022. O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu na mañá de onte a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade. Á xuntanza asistiron o Alcalde, José Tomé Roca, a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, que co-presidiron a xuntanza, e estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle, os concelleiros de Cultura e Servizos, Marina Doutón e José Luis Losada, así como os representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: a Inspectora Xefe da Policía Nacional en Monforte, os representantes da Garda Civil, o representante da D.X. de Emerxencias, o representante da Policía Autonómica así como da Policía Municipal. Tamén participou persoal do Concello, correspondentes ós servizos de obras e servizos, que habitualmente colaboran na organización das Festas.
A xuntanza tivo por obxectivo analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o mércores 10 de agosto e que se estenderán ata o martes 16, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.
Dispositivos de seguridade durante as Festas Patronais
A xuntanza abordou en primeiro lugar os diversos dispositivos de seguridade que o Concello de Monforte precisará para as Festas Patronais de Monforte. A tal efecto, o Alcalde expuxo as necesidades de seguridade de ditas Festas, explicando cal vai ser o dispositivo despregado pola Policía Municipal e expoñendo as necesidades de colaboración co resto de corpos e forzas de seguridade do Estado.
Neste senso, a Policía Local reforzará o servizo nocturno cunha dobre patrulla, e contará ademais con outra dobre patrulla polas mañás, debido á prolongación do ocio nocturno. Este dispositivo manterase durante os días de celebración das Festas, véndose incrementadas estas dotacións o día 16 no paseo do Malecón con motivo dos fogos do río.
Os auxiliares de Policía Local ubicaranse nas principais zonas de acceso ó recinto feira como son a rúa Fontecha, Francisco Moute, Roberto Baamonde ou o Paseo de Lugo cara á Compañía.
Por parte da Policía Nacional, ademais dos medios propios da Comisaría de Monforte, virán desprazadas durante os días de celebración das Festas outros efectivos procedentes doutros puntos de Galicia, que en número oscilarán entre os 6 e 8 axentes, que completarán o dispositivo de seguridade cidadá.
Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.
Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.
O Alcalde tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o día 15, e os Fogos do Río, o día 16.
O Concello disporá un dobre estacionamento provisional disuasorio en dúas fincas, no entorno da rúa Francisco Moure, que se habilitarán e sinalizarán con motivo das Festas, despois da vía do ferrocarril a ambos lados pegados á N-120. Nesta zona tamén estarán presentes os bombeiros ante calquera eventualidade que puidera xurdir. Tamén se destinarán a estacionamento os solares da rúa Sarria.
O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”. E especialmente, agradeceu á Subdelegada do Goberno a súa colaboración que presta a través dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado.