Monforte de Lemos, 9 de agosto de 2022. O Concello de Monforte abre a partir de mañá mércores 10 de agosto o prazo de inscrición para anotarse nunha nova edición do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, que froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), por terceiro ano consecutivo.
O programa leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” e está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Poderá inscribirse neles calquera persoa maior de 50 anos, para que non é necesario posuír ningunha formación previa específica.
O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “trátase dun programa, que xa celebramos tanto en 2020 coma en 2021, cun gran éxito de participación en ambos casos, e con el garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos. Polo tanto, entendemos a través deste proxecto favoreceremos o achegamento do coñecemento á poboación maior do noso Concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e a súa participación social real nos ámbitos rural e urbano”.
Deste xeito, todos os interesados e interesadas poderán formalizar a súa inscrición gratuíta neste programa acudindo á Biblioteca Municipal de Monforte (Praza de España) en horario de 9 a 14 horas. O prazo abrirá dende o mércores día 10 e ata o venres día 26 de agosto, ambos incluídos.
PROGRAMA “Camiños de coñecemento e experiencia 2022” en Monforte
O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) entre o 5 e o 13 de setembro de 2022. Dito programa contará coas seguintes actividades teóricas e prácticas:
-Seminario: “A Herdanza en Galicia”.
05/09/2022 17:30-19:00 h.
Impartido por Xaime Requeixo Souto, Doutor en Dereito Civil. Profesor do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.
-Seminario: “Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas”.
06/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval pola USC. Profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.
- Visita a Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi (Saviñao).
07/09/2022 17:30-19:00 h
Dirixida por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval.
-Sesión práctica: “A herdanza en Galicia”.
09/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Xaime Requeixo Souto, Doutor en Dereito Civil.
-Seminario: “Alimentación saudable para toda a familia”.
12/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Laura Sanjulián Fernández, Graduada en Nutrición Humana e Dietética. Profesora do Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo da USC.
-Sesión práctica: “Deseño dun menú saudable”.
13/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Laura Sanjulián Fernández, Graduada en Nutrición Humana e Dietética.
Antecedentes
As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.
Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte renovou o seu acordo coa USC, e co apoio da Deputación de Lugo, para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.
O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes, as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.
Obxectivos
O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos:
- Revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio.
- Concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas.
- Recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias.
- Adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo.
- Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.
Metodoloxía
A metodoloxía é de corte participativa e aberta, na que os docentes universitarios desenvolveran varias sesións de docencia: teóricas unhas (de conferencia/seminario onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e outras prácticas (con actividades de visita guiada, obradoiro,…) sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas e outras artísticas.