O Alcalde presenta o Torneo de Volei Praia do Cuadrado, que alcalza cifras récord de participación

Monforte de Lemos, 18 de agosto de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e representantes do Club Korbis de voleibol, deu a coñecer na mañá de hoxe os detalles relativos á 12ª edición do Torneo de Volei Praia do Cadrado.

Este torneo, que é organizado polo Club Korbis, “está financiado na súa práctica totalidade polo Concello de Monforte, que se encarga de asumir os costes da instalación dos campos de xogo así como da dotación do material necesario para a disputa dos partidos: postes, redes, cadeiras de arbitraxe, valos e liñas de marca de delimitación dos campos, etc. Da mesma forma, o Concello de Monforte tamén aporta o subministro de trofeos e medallas, así como dúas casetas de obra para a almacenaxe de material e tres carpas para a zona de organización do evento”, explicou o Alcalde.

O rexedor monfortino tamén indicou que “do mesmo xeito que na edición anterior, vanse instalar dous campos de Volei Praia no espazo habilitado no Parque dos Condes, que quedará cuberto de area na súa práctica totalidade, campos que permitirán a disputa de máis partidos, de xeito simultáneo”.

A asignación municipal para cubrir estes gastos comentados polo rexedor monfortino é de 4.550 €.

 

Cifras récord de participación

O torneo disputarase no Parque dos Condes entre o 20 e o 28 de agosto e, segundo sinalou José Tomé, “os 2 campos permitirán a disputa dun gran número de partidos e polo tanto, posibilitarán incrementar notablemente as cifras de participación, que veñen medrando ano tras ano e que nesta edición, como me comentaban os membros da organización, podemos estar a falar de cifras de récord”.

En concreto, este ano o torneo bate récord de participación con 163 parellas inscritas, o que suporá un total de 346 partidos ó longo dos 9 días de duración do torneo. E os participantes anotados van dende os 9 ata os 62 anos de idade.

“Boa mostra do éxito deste Torneo”, subliñou o Alcalde, “é que ademais de moitos monfortinos e monfortinas, tamén hai xente anotada procedente de Lugo, Vigo, A Coruña, Boiro, Rianxo, Ourense ou Madrid. Son persoas que veñen durante toda a semana a quedarse en Monforte para disputar este torneo, polo que dormen e consumen na nosa cidade, coa importancia que isto ten para a hostalería, o comercio e os aloxamentos hostaleiros, continuando a boa racha das Festas Patronais”.

Roberto Castro do Club Korbis, agradeceu ó Alcalde e á Tenente de Alcalde a colaboración e a implicación do Concello no torneo, e destacou a colaboración de máis de 20 xóvenes que se implicarán en todo o que ten que ver co Torneo, desde acondicionamento diario de pistas, recepción e xestión de participantes, a labores de arbitraxe e organización.

O Alcalde concluíu a súa intervención dándolle a noraboa ó Club Korbis, ”pola organización dun atractivo torneo que crece ano a ano, e que atrae a moitos afeccionados ó volei praia á nosa cidade. E quero desexarlles que a celebración deste Torneo do Cuadrado resulte todo un éxito, tal e como foi en edicións anteriores.”