Monforte de Lemos, 24 de agosto de 2022. A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, inaugurou na tarde de hoxe a 23ª edición da Feira do Libro de Monforte. No acto estivo acompañada polo Presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a Deputada de Cultura e Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Tareixa Antía Ferreiro, así como diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación do Concello.
O pregón correu a cargo da escritora e locutora de radio, Moncha Prieto, natural de Sober, a cal estivo moitos anos vivindo en Cataluña.
Na inauguración, a responsable de cultura monfortina salientou que “esta Feira de Monforte é unha moi boa oportunidade para acercarse á literatura e ademais poder mercar o libro que nos gusta a prezos moi interesantes cun desconto do 10%, que sempre é unha axuda.”
“Dende o Equipo de Goberno”, sinalou Doutón, “seguimos colaborando decididamente con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle ós cidadáns unha parte fundamental da nosa cultura, como son os libros, e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. E, ó mesmo tempo, tamén ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial, e que sabemos que, ó igual ca moitos outros sectores, necesita da nosa axuda, especialmente nos tempos que estamos a vivir”.
Marina Doutón aproveitou para felicitar ós organizadores da mostra, que foi recuperada tras non poder celebrarse durante os dous pasados anos por mor da pandemia da Covid-19, e que forma parte do do programa do Verán Cultural do Concello.
A titular de Cultura tamén fixo referencia ó lema do cartel deste ano: Movémonos cos Libros. “Efectivamente, a través dos libros, podemos ir máis alá e coñecer, lendo, outras culturas e países, podemos meternos na pel de innumerables personaxes, vivir experiencias e, en definitiva, formarnos como persoas pertencentes a unha sociedade. Polo tanto, os libros axudan a “movernos” eu creo, que en todos os sentidos da vida”.
A concelleira de Cultura concluíu salientando que “dende o Concello de Monforte imos seguir apoiando e axudando a este tipo de eventos culturais, xa que a lectura é a mellor forma de aprender dun xeito ameno e divertido, tanto para os adultos como para os máis pequenos da casa.”
Tras o acto inaugural, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte.
Moncha Prieto, pregoeira da XXIII Feira do Libro de Monforte
Moncha Prieto naceu en Gundivós (Sober) en 1951. Viviu en Barcelona dende os quince anos e ata 1995, cando regresa definitivamente a Galicia. Foi secretaria do Centro Galego de Barcelona e colaborou con diversas asociacións e revistas literarias, como “Alborada” ou “Lúa Nova”.
Participou nos libros colectivos “Voz e Voto”, de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, e “Vivir en presente”.
De 1985 a 1995 dedicouse ó mundo da radio, facendo radio en galego en Cataluña. Puxo en antena o programa «Galicia máis cerca» e foi compoñente do magazine matinal «Bonico» en Radio Gramenet.
Neste eido da radio, potenciou o nacemento e presidiu a Asociación Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya, foi correspondente de Radio Progreso de Miami, e participou en Radio Exterior da Radio Galega.
No ámbito literario, conseguiu varios premios de poesía, de relato e de escritura creativa. “Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra” é a súa primeira obra en solitario, publicada pola editorial Xerais, obra que asina esta mesma tarde na Feira do Libro de Monforte.
Programación da Feira do Libro
A XXIII Feira do Libro poderá visitarse ata o sábado 27 de agosto. As casetas estarán abertas de 11 a 14 horas e durante a tarde de 19 a 22 horas. Serán catro xornadas de actividades nas que o público asistente poderá gozar de presentacións de libros e sinaturas das obras por parte dos seus autores.
A Feira conta cun completo programa de actividades, no que se inclúen 2 actuacións musicais, actividades a cargo de 36 autores e autoras, 8 presentacións para público adulto e 5 para público infantil, e 19 sinaturas de libros.
A programación deste ano da Feira do Libro de Monforte inclúe a presencia de varios escritores da Ribeira Sacra, e tamén escritores do resto de Galicia. A través deles, potenciarase e darase a coñecer o talento literario existente na Ribeira Sacra e tamén en Galicia.
Todos os libros que se adquiran nesta Feira do Libro monfortina, contarán cun desconto do 10%.
Mércores 24 de agosto:
20:00 h.- Moncha Prieto asina Alma de barro na caseta da Libraría Agrasar.
20:00 h.-Presentación de Neve de agosto, de Nieves Neira por Chan da Pólvora.
20:30 h.- Presentación de Extraordinario de Antón Lopo por Chan da Pólvora.
21:00 h.- Presentación-Recital de Simún, de Nuria Vil por Chan da Pólvora.
Xoves 25 de agosto:
12:00 h.- Xosé Luis Vazquez Somoza asina O Conserxe na caseta da Libraría Agrasar.
12:00 h.- Contacontos de Leopoldo, o pequeno monstro, de Estefanía Padullés por Hércules Ediciones.
13:00 h.- Estefanía Padullés asina Que mal día, gato Klops! na caseta da Libraría Agrasar.
18:00 h.- Rober Cagiao asina Saga El guardián de las flores na caseta da Libraría Cortizas.
18:00 h.- Moncha Prieto asina Alma de barro na caseta da Libraría da Proencia.
19:00 h.- Contacontos de Peúgo, o calcetín melenudo, de Jessica Rodríguez Piñeiro por Babidi-bu Editorial.
19:30 h.- Olga Novo asina Cráter na caseta da Libraría Agrasar.
20:00 h.- Presentación de A vangarda das formas. A obra cerámica de Isaac Díaz Pardo, de Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda coeditada pola Deputación Provincial de Lugo.
Venres 26 de agosto:
Durante todo o día.- Finy Sesmonde asina Fluyendo como el agua na caseta da Libraría Cortizas.
11:30 h.- Alberto Fernández Boo asina Hatshepsut, faraón. A transgresión dunha muller empoderada na caseta de Libraría Agrasar.
12:30 h.- Raquel Martínez Salgado asina Metodologías Activas: Propuestas a través de un enfoque lúdico na caseta da Libraría Agrasar.
12:30 h.- Contacontos infantil Un universo na túa maleta por Ana Meilán García.
18:00 h.- Ramón Sandoval asina Nas esquinas do frío na caseta da Libraría da Proencia.
19:00 h.- Programación Cultural Primavera-Verán-Música Infantil. Vicepresidencia- Área de Cultura da Deputación de Lugo. Actuación de Paco Nogueiras co espectáculo BuleBule por Kalandraka Editora.
19:30 h.- Abraham Pérez asina O corpo transparente das horas na caseta da Libraría Agrasar.
20:30 h.- Pilar Macía asina Lobo na caseta da libraría Agrasar.
20:30 h.- Presentación de 7 herbas máxicas, de Rosalía Bermúdez e Nanda Cabaleiro por Hércules Ediciones.
21:30 h. -Rosalía Bermúdez e Nanda Cabaleiro asinan 7 herbas máxicas na caseta da Librería Agrasar.
Sábado 27 de agosto:
12:00 h.- Alba López Paredes asina Saga Nándidor: La leyenda de Noa na caseta da libraría Cortizas durante todo o día.
12:00 h.- Alberto Canal asina Carolina na caseta da Libraría Agrasar.
12.30 h.- Actuación infantil Fazulas, o ladrón de paraugas por Bandullo Azul.
13:00 h.- Eduardo Baamonde asina Ribeira Sacra en acuarelas na caseta da libraría Agrasar.
13:30 h.- Sara Valcárcel asina O ladrón de paraugas na caseta da Librería Agrasar.
18:00 h.- Jorge Vila asina Murallas, torres y puertas de las fortificaciones monfortinas na caseta da Libraría de Proencia.
19:00 h.- Presentación de El sintonizador, de José Luis Ordóñez por Algaida Editorial.
19:30 h.- Antía Yáñez asina Non penses nun elefante rosa na caseta da Librería Agrasar..
20:00 h.- Certames galegos de poesía. Coloquio e recital entre Xosé L. Mosquera Camba, autor de A traxedia da arquitectura (Premio Fiz Vergara Vilariño, Ed.Espiral Maior) e Andrea F. Maneiro, autora de Edénicas. (Premio Illas Sisargas, Ed.Caldeirón) moderado por María Casar por Luagrís.