Actividades de prevención de condutas adictivas Curso 2022 -2023

Comenza un novo curso escolar e como todos os anos o Servizo de Prevención da UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS DE MONFORTE DE LEMOS, dependente da Concellería de Sanidade do Concello de Monforte, empezaremos a traballar cos programas de prevención de condutas adictivas que impartimos en todos os centros escolares de Monforte de Lemos e outros 10 concellos (Bóveda, Carballedo, Chantada, Courel, Pantón, Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Saviñao e Sober).

Tamén levaremos a cabo, como é habitual, diversas actividades de información e sensibilización en toda a poboación.

Nos programas escolares o noso obxectivo é proporcionar aos mozos e mozas información veraz sobre todo tipo de condutas que poidan levar consigo un problema de adicción (con e sen subsustancias) e darlles ferramentas para que poidan tomar as decisións adecuadas nos momentos de presión por parte do grupo de iguais.

A si mesmo, como sempre estamos ao dispor de pais, nais, profesorado, asociacións, poboación xeral… para toda a información que precisen, de forma presencial no noso centro, mediante Whats App (604 05 97 19), co formulario da páxina do Concello, na nosa sección: Sanidade: UAD: FORMULARIO de CONTACTO ou no noso Facebook, cunha mensaxe privada.

Os programas que levamos a cabo, entre outras actividades, son:

  • “FUMATAS” – impartido no 2º ciclo de primaria.
  • “DÚBIDAS? Pregunta e infórmate (Alcol e tabaco)” – para ESO e BAC.
  • “O CANNABIS. SÁBELO TODO?” – para ESO e BAC
  • “CANDO APOSTAS, SEMPRE PERDES (Xogo patolóxico)” – para ESO e BAC
  • “CONTROLAS OU TE CONTROLAN? (Uso problemático de Internet e as Tic)” – para ESO e BAC
  • Talleres sobre Educación afectivo-sexual, sobre SIDA e bulling.

 

Dispoñemos dunha ampla videoteca, ao dispor de todo o profesorado, con películas coa súa correspondente Unidade Didáctica que desenvolven diferentes valores para traballar en titorías.

Seguimos editando mensualmente o “Boletín Familiar” con recomendacións para as nais e país, que se pode consultar no noso Facebook ou na páxina web do Concello de Monforte. Tamén se pode atopar en moitas das páxinas web dos centros escolares.

En breve teremos o taller de “Ti serves, ti decides” impartido aos futuros hostaleiros que realizan a súa formación na Escola de Hostalería Belarmino Fernández de Rosende. Este taller realízase en colaboración coa FEBE (Federación Española de Bebidas Espirituosas) e o seu obxectivo é o servizo responsable de alcol.

O noso programa radiofónico “A prevención na casa, a mellor axuda” seguirá emitíndose habitualmente todos os luns en Radio Principal Monforte.

E, por suposto, todas aquelas asociacións, ANPAS, Servizos Sociais dos Concellos, etc. que desexen algún tipo de formación ou información estamos á súa disposición.

Se desexan obter máis información sobre todos estes programas estamos á súa disposición en:

UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS
SERVIZO DE PREVENCIÓN
Praza da Estación - 17
27400 Monforte de Lemos (Lugo)
Telf. - 982 400495
Correo electrónico: uad@concellodemonforte.com

    Facebook: Unidad Asistencial de Drogodependencias Monforte de Lemos

Persoa responsable:

Luisa Astray García - Educadora Social