Monforte de Lemos, 5 de setembro de 2022. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada inaugurou na tarde de hoxe no Centro Cívico de Monforte as xornadas “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”, encadradas dentro un programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). No acto estivo acompañada pola Directora do Programa Universitario de Maiores, Mª Esther Olveira Olveira.
O programa de formación universitaria, que por terceira vez se celebra en Monforte con estas características, está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Neste senso, cabe destacar o éxito no número de inscricións, que se cifra en 29 persoas, 14 máis que na edición anterior. Nestas xornadas, púidose inscribir calquera persoa maior de 50 anos, de xeito totalmente gratuíto, e non era necesario posuír ningunha formación previa específica.
A Concelleira destacou na súa intervención que “para o Equipo de Goberno do Concello e para Monforte é moi importante que se celebren este tipo de xornadas na nosa cidade, dirixidas á nosa poboación maior de 50 anos, que moitas veces non ten nin os recursos nin a oportunidade de acceder a este tipo de coñecementos”.
Neste senso, concluíu Prada “con este programa garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”.
PROGRAMA “Camiños de coñecemento e experiencia 2022” en Monforte
O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) entre o 5 e o 13 de agosto de 2022. Dito programa contará coas seguintes actividades teóricas e prácticas:
-Seminario: “A Herdanza en Galicia”.
05/09/2022 17:30-19:00 h.
Impartido por Xaime Requeixo Souto, Doutor en Dereito Civil. Profesor do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.
-Seminario: “Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas”.
06/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval pola USC. Profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.
- Visita a Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi (Saviñao).
07/09/2022 17:30-19:00 h
Dirixida por Carolina Casal Chico, doutora en Arte Medieval.
-Sesión práctica: “A herdanza en Galicia”.
09/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Xaime Requeixo Souto, Doutor en Dereito Civil.
-Seminario: “Alimentación saudable para toda a familia”.
12/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Sara López Mateo, Graduada en Nutrición Humana e Dietética. Profesora do Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo da USC.
-Sesión práctica: “Deseño dun menú saudable”.
13/09/2022 17:30-19:00 h
Impartido por Sara López Mateo, Graduada en Nutrición Humana e Dietética.