Monforte de Lemos, 10 de outubro de 2022. O Centro Cívico de Monforte acolleu na tarde de hoxe o acto de clausura e a xornada Demo Day do VI Coworking Ribeira Sacra de Monforte no que se presentaron os 16 proxectos xurdidos das diferentes xornadas técnicas e formativas que deron comezo o pasado mes de xaneiro no centro de formación de A Pinguela.
A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, foi a encargada de clausurar ditas xornadas, antes de que os 16 emprendedores protagonistas do Demo Day deran a coñecer os seus proxectos.
Na súa intervención, a tenente de Alcalde monfortina, salientou que “é un orgullo e unha satisfacción tanto para o Alcalde coma para o Equipo de Goberno comprobar que na nosa cidade segue habendo ideas emprendedoras, e desexamos que tralo voso paso polo Coworking poidades levar adiante o voso proxecto de empresa. Tódalas edicións levadas a cabo ata agora do Coworking-Ribeira Sacra de Monforte foron un éxito, por iso confiamos en que esta no sexa a última edición e que sigan vindo outras“.
Do mesmo xeito, Gloria Prada salientou “unha das inversións mais produtivas que pode facer unha administración pública é investir no talento das persoas que teñen unha idea e que loitan por convertela nun proxecto de empresa útil para a sociedade. Atopámonos no interior de Galicia, onde é moi necesario crear postos de traballo e asentar poboación e así ter un crecemento económico. Deste xeito, as iniciativas empresariais que se dean no noso territorio son moi importantes. Por iso, o éxito das vosas iniciativas e de vós como emprendedores é un éxito para esta comarca de Lemos.”
A Tenente de Alcalde rematou animando aos participantes a non perder o ánimo e a seguir loitando polas súas ideas e pola súa empresa ou negocio.
O Coworking-Ribeira Sacra de Monforte contou co apoio do IGAPE (Consellería de Economía e Industria), da Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, do Fondo Social Europeo e do Concello de Monforte de Lemos. No acto de clausura participaron representantes do IGAPE e da EOI, en concreto, a Subdirectora da Oficina Galicia Emprende, Fany Suárez, e o Director da Área de Desenvolvemento de Pemes da Escola de Organización Industrial, Javier Benito.
Tras as intervencións, déronse a coñecer os 16 os proxectos protagonistas desta sexta edición do Coworking Ribeira Sacra e que se materializaron en empresas que xa están comezando a dar os seus primeiros pasos.