A Tenente de Alcalde inaugura unha nova edición dos obradoiros de emprego que o Concello celebra na Escola obradoiro da Pinguela

Monforte de Lemos, 2 de novembro de 2022. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acompañada polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e representantes da Xunta de Galicia, inaugurou hoxe os dous obradoiros de emprego que se desenvolverán dende hoxe, e ó longo dun ano, nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela.

Os dous obradoiros que se desenvolverán nesta edición son os da “especialidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos así como na especialidade de Restauración de mobles, e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade desta especialidade” salientou Gloria Prada.

Estes dous obradoiros, contan cun orzamento de máis de medio millón de euros (536.558,80 €), e están promovidos polo Concello de Monforte. Esta partida procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais.

A Tenente de Alcalde apuntou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 1 ano. O grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, unha directora e unha administrativa, cun investimento de máis de medio millón de euros”.

Obradoiro de Emprego sobre dixitalización

O primeiro dos Obradoiros de Emprego posto en marcha polo Concello leva por título “Especialidade de Gravación e tratamento de datos e documentos” e é a continuación “Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC’s”, celebrado o pasado ano.

Concretamente, formaranse nel 10 alumnos e alumnas cuxo obxectivo “será a organización e informatización dos arquivos dos Servizo Municipais, a documentación do arquivo histórico do Concello de Monforte, así como documentación administrativa de interese e a disposición do cidadán. Isto inclúe a ordenación, identificación, clasificación e descrición co obxectivo de cargar estes expedientes na aplicación de xestión documental do Concello” indicou a Tenente de Alcalde.

Deste xeito, levarase a cabo a dixitalización dos expedientes que conforman os arquivos das diferentes oficinas implicadas nestes programa dos Servizo Municipais. Así como a dixitalización de libros de actas consistoriais, documentación histórica e documentación administrativa.

As tarefas a desenvolver inclúen a captura dos documentos orixinais, a súa edición e implementación de metadatos coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental do Concello de Monforte de Lemos, segundo os requirimentos técnicos fixados polo mesmo.

A través de esta especialidade preténdese dinamizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando a súa xestión mediante a aplicación das TIC, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara o futuro e mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía.

Tamén, avanzar na informatización, dixitalización e automatización do patrimonio documental, impulsando a administración electrónica e contribuíndo a una xestión máis eficiente, rápida e transparente. “A dixitalización acaba de chegar para quedarse como unha nova etapa, a administración debe ir ó lado deste cambio de traballo, onde os procedementos estarán todos dixitalizados, non se concibe xa documentación só en soporte papel” sinalou Prada.

Obradoiro de carpintería e restauración

O segundo dos obradoiros postos en marcha nesta edición, e tamén dirixido a 10 alumnos cun ano de duración, é o de “Especialidade en traballos de carpintería e moble”.

Neste obradoiro o Concello de Monforte, actuará na recuperación de pequeno mobiliario, que está deteriorado pero que reúne unhas características de calidade e de deseño que se quere volver recuperar e volver usar.

Para elo, a restauración de mobiliario constitúe unha especialidade da conservación e restauración de bens que se ocupa do arranxo e mantemento desta tipoloxía de obxectos.

Neste caso, trátase de material antigo que foi retirado o pasado ano das antigas instalacións municipais que albergaban a Antiga Casa de Socorro, edificio que foi cedido polo Concello ó Ministerio do Interior, para que instale no mesmo as dependencias da Policía Nacional.

 

A Tenente de Alcalde concluíu subliñando que “unha vez rematado ambos obradoiros, o Concello de Monforte ten o compromiso de inserción de 2 alumnos en empresas que precisen contratar a traballadores durante un mínimo de tres meses. Para elo, darémoslle ás empresas e un incentivo á contratación de 1.500 € por empresa, para favorecer a inserción laboral destes programas no mercado de traballo.”