Monforte de Lemos, 5 de novembro de 2022. A tarde de onte venres 4 de novembro serviu para que o Alcalde, José Tomé Roca, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, homenaxeara ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello ós oito atletas do Club Quixós, polos excelentes resultados que acadaron tanto no Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub 23 celebrado en Banja Luka (Bosnia Herzegovina) do 25 ó 28 de agosto de 2022, como no Campionato de España de Slalom Jóvenes Promesas-Campionato por Federacións Autonómicas de Patrullas, celebrado en Sabero (León) o 27 e 28 de agosto de 2022.
No acto de recoñecemento, o Alcalde estivo acompañado polos 8 deportistas homenaxeados, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, así como familiares e representantes do Club Quixós de piragüismo. Os atletas recibiron un trofeo individual personalizado en recordo dos éxitos acadados en cada caso.
O rexedor monfortino tamén fixo entrega dun trofeo conmemorativo para o Clube, unha réplica da Ponte Vella, que recolleu o presidente do Quixós, Iván Gutiérrez, e o seu director deportivo, Santi Díaz.
Os resultados máis destacados acadados polos atletas do Club Quixós, e polos que foron homenaxeados no día de hoxe, foron os seguintes:
Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub 23
Os deportistas do Quixós que participaron neste Campionato coa Selección Española de Piragüismo foron Efrén Álvarez Vázquez, Gabriel Rodríguez López, Nerea Gutierrez Ontiveros e Noa Díaz Quintián.
Estes deportistas representaron a España participando nunha gran cantidade de probas, onde os resultados máis destacados foron os seguintes:
-Efrén Álvarez Vázquez:
- 5º posto en 3XC2 sub-23 formando parella con Gabriel
- 4º posto en 3XC1 sprint en categoría junior
-Gabriel Rodríguez López:
- 5º posto en 3XC2 sub-23 formando parella con Efrén
- 6º posto en 3XC2 sprint sub-23 formando parella con Efrén
-Nerea Guitiérrez Ontiveros:
- 3º posto e medalla de bronce en 3XC1 sub-23 sprint
- 5º posto en 3XC1 sub-23
-Noa Díaz Quintián:
- 3º posto e medalla de bronce en 3XC1 sub-23 sprint
- 5º posto en 3XC1 sub-23
Campionato de España de Slalom Jóvenes Promesas-Campionato por Federacións Autonómicas de Patrullas
Neste Campionato de España participaron os seguintes deportista do Club Quixós: Diego Expósito Díaz, Jacobo Rodríguez López, Martín Prats Moreiras e Sara Inés Varela Cortiñas.
Os resultados máis destacados foron os seguintes:
-Diego Expósito Díaz:
- 4º posto en 3XC1 infantil
- 5º posto en C1 Infantil
-Jacobo Rodríguez López:
- 6º posto 3XK1 cadete
-Martín Prats Moreiras:
- 4º posto 3XK1 infantil
- 8º posto C1 Infantil
-Sara Inés Varela Cortiñas:
- 2º posto e medalla de prata en 3XC1 infantil
- 3º posto e medalla de bronce en 3XK1 infantil
O Alcalde, en nome de todos os monfortinos, felicitou aos deportistas asistentes e agradeceu os éxitos acadados, “pois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial”.
Por outra banda, o Alcalde tamén recordou que “dende o Equipo de Goberno puxemos en marcha no mes de setembro unha nova liña de axudas dotada con 12.000 euros, e destinadas a axudar ós clubs monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa ou do Mundo durante o ano 2022”.
“Esta liña de axudas é independente da subvención nominativa que cada club ten asignada, e o obxectivo da mesma e contribuír a sufragar os gastos que lle supón a un club deportivo clasificarse para unha competición fora da Comunidade Autónoma e incluso fora de España e de Europa”, explicou o rexedor monfortino.
José Tomé concluíu o acto, animando ós deportistas a que “sigan traballando para acadar novos éxitos para o deporte monfortino, e agradeceu o apoio das súas familias, que tamén son peza fundamental na consecución destes logros”.