Monforte de Lemos, 29 de novembro de 2022. O Concello de Monforte organiza para mañá mércores 30 de novembro ás 18:00 horas e na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro a realización dunha sesión de "Xogos de mesa en galego: xogar, aprender, medrar" a cargo de Brazolinda.
A actividade está organizada polo Concello de Monforte e deseñada dentro da programación da Rede Galega de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia de 2022.
Este espectáculo é de carácter gratuíto e está dirixido a un público infantil e familiar, co desenvolvemento de xogos de mesa en galego, e co obxectivo de promover o xogo en familia.
Para elo, empregaranse nesta xornada xogos de creación propia, en galego e deseñados para que poidan xogar xuntos grandes e pequenos. Estes xogos teñen unha grande aceptación entre as familias e tamén se empregan como material didáctico nas aulas, pois a través das matemáticas, expresión oral, mitoloxía galega, Camiño de Santiago, adiviñas, ... fomentan non só a aprendizaxe de contidos senón tamén a introdución do galego en calquera ámbito, favorecendo ó mesmo tempo a socialización.
O Concello de Monforte realiza esta actividade de promoción do uso da lingua galega como parte do proxecto cultural TeCe redes en galego do Fondo Xacobeo 21-22 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.